O monográfico forestal Galiforest Abanca celebrará a súa sétima edición do 27 ao 29 de xuño de 2024 no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, situado no concello de Boqueixón (A Coruña).
Así o decidiu hoxe o seu Comité Organizador nunha reunión celebrada na Feira Internacional de Galicia ABANCA, entidade organizadora do certame. Ademais da elección de datas, tamén se analizaron os resultados da pasada edición, sobre a cal os asistentes felicitaron de forma unánime á organización, destacando tanto os bos resultados obtidos en exposición e visitantes como o carácter máis maduro e profesional que conseguiu o certame. Así mesmo, manifestaron o seu pleno apoio a esta nova convocatoria.
Por outra banda, abordáronse diversos temas tanto organizativos como de promoción do certame para seguir mellorando a proposta de Galiforest Abanca.
No encontro participaron representantes de empresas e entidades con gran relevancia no sector forestal, como son a Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia (FEARMAGA), o Clúster da Biomasa de Galicia, a asociación galega promotora da certificación forestal PEFC Galicia, Andreas Stihl, Finanzauto, Forcar-Cardelle Hidráulica, Forest Pioneer, Grupo Gestán, Hidráulica de Barro, Industrias Guerra, Recambios Frain e Abanca.
Estiveron acompañados polo director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Rodríguez, e do director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal.
Unha feira que non para de medrar
A última edición de Galiforest Abanca, a cal tivo lugar do 30 de xuño ao 2 de xullo do ano pasado, foi a maior celebrada ata o momento, superándose tanto en firmas e expositores presentes como en superficie e público asistente.
Así, acudiron 7.161 visitantes vinculados co sector forestal (un 27% máis que na anterior cita, celebrada en 2018). Estes puideron coñecer na área expositiva os produtos, servizos e propostas de 371 firmas expositoras (un 47% máis) de 26 países (un 24% máis), das cales 96 foron expositores directos (un 26% máis) de distintos puntos de España, Portugal, Italia, Letonia e Eslovenia. Na súa área expositiva, que ocupou 13.726 metros cadrados (un 16% maior), mostrouse maquinaria forestal, equipos e recambios cun valor superior aos 40 millóns de euros, o cal significou un 74% máis.
Unhas cifras e un respaldo do sector que supuxo que Galiforest Abanca se consolidara xa como a maior feira forestal de España