Este xoves, entre 17:00 e 19:30 horas, desenvolverase un webinar de introdución ó uso de drons no sector forestal. A actividade está organizada polo Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia e será impartida por Juan Luis Rodríguez Somoza, profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente (UVigo).
O webinar concíbese como unha introdución ós distintos tipos de sistemas aéreos non tripulados (UAS), á normativa sobre os mesmos e ós seus usos. Como recomendación xeral, Juan Luis é partidario de facer os traballos profesionais co dron máis pequeno que sexa operativo, xa que unha das complexidades dos vehículos aéreos non tripulados é a dos permisos, sobre todo nos drons de maior peso.
En canto ás aplicacións dos drons ó sector forestal e dos recursos naturais, o seminario online centrarase nos distintos tipos de sensores que permiten capturar datos do terreo, tanto sensores pasivos, caso dos RGB ou multiespectrais, como os activos, por exemplo o LiDAR (Light Detection and Ranging).
Aplicacións
Os sensores RGB (fotografía), os máis populares e de maior uso, teñen aplicacións de fotogrametría, é dicir, a partir de fotografías do terreo, pode obterse información precisa sobre dimensións, posicións sobre o terreo e formas.
“Coas fotos aéreas, temos a posibilidade de elaborar ortomosaicos cun tamaño de píxel mínimo, de entre 0,5 e 6,5 centímetros, o que nos ofrece unha gran definición e capacidade de ter datos actualizados ou de facer un seguemento no tempo. Se o comparamos por exemplo cos datos do PNOA (Plan Nacional de Ortofotografía Aérea), este ten pixeles de arredor de 10 e 50 centímetros e son ortofotos cunha frecuencia de actualización de 2 a 3 anos”, destaca Juan Luis.
A elaboración de ortofotos a través de datos capturados con sensores embarcados nos drons é unha aplicación que ten multitude de usos posibles, desde ordenación do territorio á restauración de áreas queimadas ou á planificación dunha repoboación forestal.
Outro sensor pasivo é o multiespectral, que permite obter índices da vexetación e valorar o estado sanitario ou hídrico dunha masa. “Por exemplo co índice NDVI (Índice de Vegetación de Diferencia Normalizada) que se basa na analise da reflectancia da vexetación nas bandas do vermello e infravermello cercano do espectro electromagnético. As masas en bo estado absorben mais luz vermella (debido a clorofila) e reflexan mais luz infravermella cercana, esto nos permite analizar o estado fenolóxico e sanitario dunha masa vexetal”, explica Juan Luis.
O uso da teledetección para comprobar o estado da vexetación estase a popularizar no viñedo nos últimos anos, pero no ámbito forestal, o seu emprego é aínda escaso en Galicia.
Sensores LIDAR
Se os sensores pasivos, como os RGB ou multiespectrais, xa ofrecen múltiples potencialidades, as posibilidades dispáranse cos sensores activos, como os LiDAR. “As súas posibilidades son infinitas.
O LiDAR montado sobre un dron permite capturar sobre o terreo multitude de datos. A complexidade radica en procesar esos datos e facer os cálculos posteriores”, valora o docente.
O sensor LiDAR é un dispositivo que emite pulsos de luz láser e que mide o tempo de rebote. Ten a capacidade de penetrar a vexetación e permite facer modelados tridimensionais do terreo e das masas forestais.
Montado sobre un dron, o LiDAR pódese utilizar por exemplo para cubicar a madeira dunha masa forestal. “Pero son usos que esixen calibrar complexos algoritmos e cálculos. Xa hai empresas que o están facendo a un nivel piloto, pero son aplicacións que de momento non son xeneralizables”, advirte Juan Luis.
As persoas interesadas en asistir ó webinar poden inscribirse de xeito gratuíto neste enlace.
A formación está integrada no proxecto ‘Accións formativas e divulgativas dirixidas ó impulso do coñecemento e a competitividade da industria forestal madeira de Galicia’, cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal XERA.
Galego








Control OJD