Waimakariri Land, unha granxa neozelandesa que sulfata, abona e sementa con helicóptero

Con 500 vacas dando leite e unha superficie de 157 hectáreas de terreo, unha parte delas cunha forte pendente, esta explotación da rexión de Waikato é considerada intensiva dentro do sistema de alimentación en base a pasto de Nova Zelandia

Chap, diante das instalacións da granxa en Tirau

Chap Zwiers, diante das instalacións da granxa en Putaruru, na illa norte de Nova Zelandia

A granxa Waimakariri Lands atópase en Putaruru, preto de Tirau, na rexión de Waikato, na illa norte de Nova Zelandia. É unha zona de orografía escarpada, pero iso non impide o pastoreo co gando e o abonado mesmo en zonas inverosímiles debido á pendente.

A propiedade da granxa pertence a unha sociedade de capital da que forman parte o matrimonio formado por Jack e Tiz Scheres, a súa filla Ashley e o seu home Chap Zwiers, que optaron por unha fórmula diferente ao modelo habitual do muxido compartido (sharemilking), o maioritario en Nova Zelandia, un modelo equilibrado no caso de ganderías a pasto autosuficientes en forraxes pero que prexudica ao gandeiro parceiro en explotacións que son máis dependentes da compra de insumos.

As únicas instalacións a cuberto da granxa son a sala de muxido e o patio de alimentación

Waimakariri dispón de 157 hectáreas efectivas de terreo agrícola, das que 45 son labradas a millo para ensilado. Ademais da herba que pacen as vacas, que están todo o ano fóra, son suplementadas cunha ración que leva tamén soia, alfalfa, palmister e bagazo de mazá un patio de alimentación, a única instalación a cuberto coa que conta a granxa ademais da sala de muxido. “Tiñamos perdas do 20% dando o silo de millo na pradeira, segundo as estimacións que nos fixo DairyNZ, por iso nos decidimos a construír un patio de alimentación”, explica.

Concentración de partos no outono

A explotación ten 500 vacas en produción e produce unha media de 387 kg de sólidos (graxa e proteína) por vaca e ano, que é a unidade de medida na que se paga o leite ás ganderías en Nova Zelandia por parte das industrias que lles recollen o leite.

Fan concentración de partos no outono para poder vender deste xeito a maior parte do leite no inverno, canto as industrias neozelandesas pagan un sobreprezo. Foron mudando a tempada de partos da primavera ao outono e neste momento o 85% das vacas están paridas e dando leite no inverno, fronte ao 15% que o fan durante a primavera e o verán.

O 85% das vacas paren no outono e o 15% na primavera

No último ano a granxa tivo uns ingresos totais de 2.736.900 dólares neozelandeses por venda de leite, que lles pagaron a 10 dólares por kg de sólidos máis unha prima de 2 dólares polos quilos producidos no inverno.

O custo de produción situouse, de media, en 8,57 dólares por kg de sólidos producido. “O maior custo da alimentación é a proteína, por iso o contido en proteína da ración ímolo variando entre o principio, o medio e o final da lactación en función das necesitades que ten a vaca en cada momento e o seu nivel produtivo”, indica Chap.

Compra de insumos

Na ración engaden mazás procedentes dunha sidrería, ademais doutros subprodutos como torta de palmister

Na ración engaden mazás procedentes dunha sidrería, ademais doutros subprodutos como torta de palmister

Ademais de ser intensiva en produción de pasto, como todas as ganderías leiteiras do país, Waimakariri está clasificada dentro do sistema 5 pola súa maior dependencia da compra de insumos, segundo a clasificación establecida pola entidade de asesoramento público DairyNZ, ao depender en máis do 30% da alimentación do gando de compras fóra da explotación e facer suplementación nas vacas durante toda a lactación.

Está clasificada no grupo das explotacións máis intensivas do país ao mercar máis do 30% da alimentación do gando fóra da explotación

Botan 45 hectáreas de millo para ensilar e mercan aproximadamente outro tanto fóra da explotación, ademais doutros suplementos, como un subproduto a base de mazás procedente da industria da sidra  e que teñen que limitar porque “ten un cheiro que mesmo chega a percibirse despois no leite no tanque”, admite Chap.

As mazás bótanllelas enteiras no pesebre, mesturadas co resto da ración. Aínda que a tempada de produción de mazá é estacional, a industria da que se subministran conxélanas en grandes cámaras para ir ao longo de todo o ano desconxelando para facer con elas zume e sidra, polo que teñen subministro constante durante os 12 meses do ano.

Antes de utilizar as mazás, dábanlles ás vacas kiwis tamén procedentes da industria alimentaria, pero tiveron que deixar de empregalos debido aos problemas de acidose que provocaban nas vacas. “Son carbohidratos de doada asimilación”, explica.

Cada vaca consume unas 3,8 toneladas de alimento en pesebre ao ano, máis a herba que pace directamente no pasto

A ración coa que suplementan as vacas en lactación está composta por 12 kg de silo de millo, 7 kg de mazás procedentes da industria de fabricación de sidra, 4,6 kg de fariña de millo, 4 kg de silo de herba, 2,2 kg de torta de soia e 0,3 kg dunha mixtura de correctores vitamínico-minerais (calcio, magnesio e zinc).

A ración vai variando en función do momento da lactación, coa introdución de até 3 kg por vaca e día de torta de palmister (un subproduto da industria de produción de aceite de palma importado de países como Indonesia), de 2 a 3 kg de alfalfa ensilada e torta de soia (2,5 kg no inicio da lactación e 1,2 no final).

Manexo do pasto

Os peches das fincas son de madeira cunha altura de 1,60 metros

Os peches das fincas son de madeira cunha altura de 1,60 metros e dúranlles de media uns 15 anos. Cada poste custa entre 8 e 20 dólares neozelandeses, en función do seu groso, e a man de obra para a súa colocación 70 dólares á hora

A granxa partía dunha alimentación exclusivamente a base de pasto, pero foise intensificando nos últimos anos, xa que concentra boa parte dos seus pastizais en zonas de pendente. Para incentivar que as vacas pazan nestas zonas menos accesibles, o que fan é cambialas de parcela cada 24 horas, é dicir logo de dúas muxiduras, fronte ao que é máis frecuente en Nova Zelandia, que é que o rabaño vaia a un prado novo cada vez que se moxe.

Os turnos de rotación das parcelas a pasto en primavera son de 14 días

Dado que permanecen o dobre de tempo en cada finca, as parcelas son de maiores dimensións que o que é habitual no resto de explotacións de Nova Zelandia. Neste caso, dispoñen de 24 parcelas, cunha media de entre 6 e 7 hectáreas, en función da calidade do solo, o nivel de pendente e o grao de aproveitamento do terreo, cando a media da superficie das parcelas de pasto no conxunto das granxas leiteiras de Nova Zelandia é de 2,5 hectáreas.    

As zonas máis empinadas da granxa están reservadas para a recría, que entra a pacer estas pacelas unha vez ao mes

“Co sistema de pastoreo 24 horas na mesma parcela, as vacas sobren aos outeiros pola noite en busca do pasto e aprovéitano mellor, porque ás vacas gústalles estar pacendo pola noite en zonas altas por instinto, para ver por onde lles poden vir os depredadores”, defende Chap.

O sistema xa o empregaba o seu sogro Jack, antes de lles pasar as granxas da familia a el e ao seu cuñado Snow, que xestiona outra das granxas da familia, de 150 hectáreas, con este mesmo sistema. Ademais, nas dúas explotacións as parcelas máis empinadas destínanas a pacer coa recría.

“A tecnoloxía pódenos axudar a ser máis eficientes producindo leite”

Sistema automático de apertura das cancelas das fincas, programable e alimentado cunha placa solar

Sistema automático de apertura das cancelas das fincas, programable e alimentado cunha placa solar

As vacas veñen desde o pasto muxirse dúas veces ao día. O sistema de muxido que teñen é unha sala rotativa de 50 puntos na que se moxe unha persoa soa, que se dedica a limpar e colocar pezoneiras. A sala está dotada de retiradores e seladores automáticos para que a saída do gando non se vexa ralentizada. Lévalles hora e media muxir. Pola tarde, por exemplo, comezan ás 14:30 horas e ás 14:00 horas teñen rematado.

Moxen dúas veces ao día nunha sala rotativa de 50 puntos no que unha persoa soa moxe 500 vacas en hora e media

A granxa conta tamén con colares de monitorización do gando que melloran a detección de celos e con cancelas programables para a apertura automática ás vacas que están no pasto. “A tecnoloxía pódenos axudar a ser máis eficientes producindo leite”, asegura Chap.

Os colares Halter, de fabricación neozelandesa, estanse a volver moi populares entre as ganderías lácteas do país. Permiten mover o gando e fixar cercados virtuais. A Chap gústalle o sistema, pero polo de agora teñen un custo elevado (unha subscrición de 10 dólares neozelandeses por vaca ao mes polo uso dos colares máis o custo das antenas aparte, e debido á orografía da súa granxa tería que poñer moitas para evitar as zonas de sombra).

Dispoñen de colares de monitorización para a detección de celos e un sistema de apertura programable para as cancelas das parcelas de pastoreo

A rutina na explotación é sempre a mesma: ás 2 da madrugada o sistema de apertura automática abre as cancelas da pradeira ás vacas para que veñan comer ao patio de alimentación, onde xa teñen a ración preparada; unha vez comen, ás 4 da mañá pasan a muxirse na sala de ordeño, que está pegada ao patio de alimentación; ao acabar de muxirse, arredor das 6 da mañá, volven ao pasto, a unha parcela nova, onde están até as 12 do mediodía, que volven de novo comer ao patio de alimentación; ás 2 da tarde volven muxir e ás 4 retornan á mesma parcela na que estiveran pacendo pola mañá.

Man de obra total: 2,5 persoas para 500 vacas

A sala de muxido rotativa de 50 puntos, instalada no 2016, foi unha das primeiras deste modelo de DeLaval en todo o mundo

A sala de muxido rotativa de 50 puntos, instalada no 2016, unha das primeiras deste modelo de DeLaval no mundo

A gandería dispón de dous empregados a tempo completo ademais de Chap, que computa nada máis media xornada, xa que tamén se encarga da produción forraxeira doutras 7 granxas que pertencen a distintos membros da familia Scheres.

Un dos traballadores da granxa, que exerce de encargado, é un mozo maorí de 30 anos, Ben Purua, que o ano pasado recibiu varios premios polo seu traballo na explotación e polo seu espírito de superación, xa que nunca traballara con vacas e entrou en contacto coa gandería traballando na granxa do cárcere no que estivo preso. 

O salario bruto dun encargado de granxa ronda os 40.000 euros brutos ao ano e os dun axudante os 30.000

O seu salario é duns 85.000 dólares neozelandeses brutos ao ano (uns 40.000 euros) e o seu axudante cobra uns 65.000 dólares. “Antes pagabámoslles un pouco menos e dabámoslles a casa, pero agora o que facemos é pagarlles un pouco máis, tamén para compensar o pago de impostos e seguros, que van por conta do traballador”, explica.

Traballos agrícolas en helicóptero

A orografía de boa parte das fincas condiciona o uso de maquinaria

A orografía de boa parte das fincas condiciona o uso de maquinaria

Na zona de Putaruru hai pouco terreo chao. Das 190 hectáreas totais de Waimakariri, só unhas 160 son de uso efectivo por parte da explotación. A metade delas, aínda que teñen ondulacións, permiten o traballo da maquinaria e están destinadas a cultivos e pastizais. Outra cuarta parte é terreo costento, destinada exclusivamente a pasto, onde non entran os tractores.

Por iso, Chap bota man de helicópteros para realizar algúns dos traballos agrícolas, como o abonado das fincas máis costentas, a aplicación do herbicida para o control das malas herbas ou as resementeiras anuais.

En Nova Zelandia hay empresas de servizos agrarios que ofrecen traballos en helicóptero dentro da maquinaria que teñen dispoñible

Manter a herba nestas zonas de tanta pendente é esencial para evitar as escorrentías por parte da chuvia en chans que non son pedregosos, senón que acumulan uns 40 cm de solo horizonte 0 (materia orgánica) e logo unha capa de cinsas de orixe volcánica por debaixo.

Para iso o manexo que fan consiste nunha resementeira anual con helicóptero nas 55 hectáreas de pastos de montaña e nun pase de herbicida no mes de outubro para controlar as malas herbas.

“Cústanos uns 7.000 euros a aplicación con helicóptero e outro tanto o herbicida. É moi caro, pero sería moi perigoso facelo con outro tipo de maquinaria. Probamos con drons, pero lévalles moito máis tempo, así que o custo é semellante”, asegura.

Servizos de asesoramento

Ademais da contratación destes traballos, a explotación dispón dun servizo de asesoramento externo de análise de solos e elaboración do plan de abonado, que fai o cálculo dos nutrientes que é necesario aportar ás fincas mediante fertilización química e as doses de nitróxeno recomendadas.

Fertilizan con tractor e abono granulado as zonas de chaira e con helicóptero e abono líquido as pradeiras de montaña

Contan ademais coa axuda doutros dous técnicos, un deles de contabilidade, que se encarga da administración da granxa, e outro de alimentación, por medio dun nutrólogo que traballa en 20 granxas que traballan cun sistema de ración para o gando semellante.  

Cría dos xatos machos a pasto até os 4 meses

Mesmo os outeiros están xa amansados e convertidos en pastizais

Zona de pastizais de montaña da explotación, onde pace a recría e os xatos de carne

A maioría do rabaño da granxa é de raza holstein frisian, pero Chap selecciona os touros buscando reducir o tamaño do seu gando. “Non quero un tipo de animal grande para pacer nas zonas de pastos de montaña”, di.

Como ten dous ciclos de partos ao longo do ano (outono e primavera), a fertilidade das vacas non é un factor tan determinante coma noutras explotacións que só fan concentración da parideira nunha época.

A media de lonxevidade da granxa é de 8 anos

“Dámoslles ás nosas vacas 4 oportunidades para empreñar mediante inseminación artificial, xa que se non quedan preñadas nos tres celos de cara ao outono, teñen unha máis para a privamera”, explica.

Logran unha taxa de éxito do 80% nos partos de outono e do 60% nos de primavera, xa que a ventá de inseminación é máis curta, con só unha dose de inseminación. No conxunto do ano, contando os dous períodos, un 10% como máximo das vacas da granxa quedan baleiras.

Ás vacas das que non lle interesa recriar ponlles un cruce cárnico con seme charolés. Vende os xatos con entre 4 e 5 meses de vida, cun peso aproximado de 100 kg, que logra en base a leite en pó e pasto. Nas pradeiras de montaña máis empiandas, onde ten a recría, é onde tamén están estes xatos que vende para carne.

O futuro da produción de leite en Nova Zelandia

Leitería da explotación, a carón da sala de muxido

Leitería da explotación, a carón da sala de muxido

De cara ao futuro da produción de leite en Nova Zelandia, Chap prevé un incremento do tamaño medio das explotacións e unha maior intensificación na alimentación do gando. “O tamaño mínimo para que unha granxa poda ser rendible a día de hoxe traballando unha familia e sen empregados é dunhas 200 vacas e 70 hectáreas, sempre que non haxa unha variación brusca nas condicións actuais, é dicir, nun escenario de estabilidade de custos e prezos do leite”, asegura.

O sistema bancario en Nova Zelandia ofrece créditos hipotecarios específicos para compra de vacas e de terras, dos que poden facer uso as granxas para medrar. “Eu penso que vai haber un maior tamaño de granxa, xa que nun futuro as granxas pequenas non poderán competir porque non teñen capacidade para mercar insumos e subprodutos”, considera.

A intensificación das granxas probablemente continúe, pero non creo que aquí se avance cara a un modelo de estabulación permanente do gando

“A nosa granxa é o modelo máis intensivo que podemos atopar en Nova Zelandia a nivel de suplementación. Fai 10 ou 20 anos podía verse isto como unha tolemia, pero hoxe está aceptado porque supón un maior control sobre a alimentación, o uso da auga, etc. A intensificación das granxas probablemente continúe, pero non creo que aquí se avance cara a un modelo de estabulación permanente do gando, porque a produción con pasto está moi arraigada e representa a imaxe de produción verde do país”, di.

A edición xénica do gando non está permitida no país, tampouco os cultivos transxénicos, pero poderían ser a mellor bala na escopeta dos produtores de leite

A nivel normativo, agarda que non se produza un endurecemento da normativa, tanto a nivel medioambiental como en materia de benestar animal. “O Goberno anterior estaba moi enriba de nós, dos gandeiros, sobre todo a nivel ambiental (emisión de gases de efecto invernadoiro e contaminación das augas por nitratos), pero esa presión relaxouse co cambio de Executivo”, recoñece.

Xestión forraxeira e compras de materias primas en conxunto nas 8 granxas da familia

Finca de cultivo de millo de Waimakariri nunha das 45 hectáreas que adica a ensilado

Finca de cultivo de millo de Waimakariri nunha das 45 hectáreas que adica a ensilado

O matrimonio forado por Jack e Elizabeth (Tiz) posúen tres granxas ás aforas de Putaruru, dúas delas en sociedades de capital: Waiohotu, co seu fillo Snow e a súa nora Clarie, e Waimakariri, coa súa filla Ashley e o seu xenro Chap.

Para que puidesen facerse coa súa parte nas súas respectivas granxas, Jack e Tiz prestáronlles a Snow, Clarie, Chap e Ashley 1 millón de dólares neozelandeses (uns 500.000 euros) nun préstamo sen intereses.

A terceira das granxas da familia, Grangelands, segue sendo propiedade ao 100% de Jack e Tiz, aínda que a xestiona tamén Snow, e con ela teñen previsto compensar a súa parte da herdanza á outra das fillas do matrimonio, Nina, que non traballa na explotación.

O prezo de compra da terra nesta zona sitúase entre os 15.000 e os 25.000 euros a hectárea

Snow e Chap, como responsables das dúas granxas que xestionan e das que son socios, reciben un salario por parte das sociedades de capital das que forman parte e reciben anualmente a cantidade económica correspondente dos beneficios que xeneran, segundo a súa participación no capital das mesmas.

Con esta estrutura, os membros da familia Scheres pretenden dar pasos cara á sucesión futura nas explotacións familiares e facilitar deste xeito o relevo á fronte das mesmas da seguinte xeración: Snow, Clarie en Waiohotu e Chap e Ashley en Waimakariri.

Até a entrada como membros destas sociedades no ano 2021, os dous matrimonios participaban como parceiros polo sistema tradicional neozelandés do sharemilking ao 50%, no que os donos da granxa manteñen a propiedade da terra e as instalacións e cobran a metade do cheque do leite.

O sistema tradicional de muxido compartido (‘sharemilking’) penaliza ao gandeiro que xestiona a granxa en explotacións dependentes da compra de insumos externos

Pero neste método de muxido compartido, no que o propietario que se xubila e o gandeiro que a colle se reparten o cheque do leite ao 50%, o dono da granxa conta con vantaxe sobre o gandeiro que a traballa cando se trata dunha granxa cun sistema de alimentación dependente da compra de insumos, xa que a alimentación do gando corre a cargo do gandeiro, mentres que os ingresos repártense a partes iguais.

Cultivo de millo en común

Parque de maquinaria da explotación, que inclúe unha picadora de millo para todas as granxas da familia

Parque de maquinaria da explotación, que inclúe unha picadora de millo para todas as granxas da familia

Chap e Snow xestionan cada un a súa propia granxa e toman as súas decisións, pero traballan xuntos para as labores agrícolas, por exemplo para o cultivo do millo, compartindo maquinaria e un dos empregados.

Os dous cuñados lévanse ben e enténdense á perfección á hora de traballar en conxunto. “Compartimos as mesmas ideas e as dúas granxas son moi parecidas, polo que aprendemos un do outro para poder ir perfeccionandoas”, asegura Chap.

A compra das materias primas e insumos para a alimentación do gando das 8 granxas tamén a realizan en conxunto

A xestión forraxeira en conxunto do cultivo de millo esténdese tamén ás granxas dos irmáns de Jack. En total, suman 300 hectáreas de millo entre as 8 granxas da familia Scheres, o que xustificou a compra dunha picadora entre todos. Chap, que traballara antes nunha empresa de servizos agrícolas, é o que se encarga do cultivo en todas as fincas das explotacións da familia.  

Unha familia de procedencia holandesa

Os pais de Jack chegaron a Nova Zelandia procedentes de Holanda e mercaron as primeiras 60 hectáreas de terreo, onde instalaron a primeira granxa. Peter, o irmán de Jack é quen cultiva esas terras na actualidade. Henry, o outro dos irmáns, tamén se adica á produción de leite. En total, a familia posúe 8 granxas na zona.

O banco agrícola holandés de orixe cooperativa Rabobank está moi presente en Nova Zelandia

Ao igual que xa fixera Jack cos seus irmáns no seu momento, preferiu que cada un dos seus fillos xestionara unha das granxas, en vez de compartir entre todos a propiedade de todas as unidades de produción da familia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información