Unións Agrarias realizou esta mañá en Santiago de Compostela unha acción de protesta na distribución por volver empregar o leite como produto reclamo, xusto nun momento que se prevé crítico para as ganderías de vacún de leite ao coincidir a suba dos custos de produción a causa da guerra contra Irán cunha importante baixada de prezos nos contratos lácteos por parte das industrias.
En concreto, un piquete dunhas 30 persoas irrompeu este mediodía no centro Cash Galicia situado no polígono do Tambre para denunciar a venda por parte desta cadea de leite a entre 0,76 e 0,79 euros o litro.
O responsable do sector lácteo de Unións Agrarias, Óscar Pose, lembrou que “as ganderías de vacún de leite estamos nun momento moi complicado, ao coincidir por unha parte a suba dos custos de produción, que calculamos en entre 6 e 7 céntimos por litro de leite, debido á guerra contra Irán; por outra parte con que nos vindeiros dous meses as explotacións terán que afrontar entre o 60 e o 70% dos gastos agrícolas do ano coa campaña de ensilado da herba e de sementeira do millo”.
“E xusto neste momento -engadiu- as industrias lácteas anunciaron esta semana unha baixada brutal dos prezos do leite aos gandeiros, de entre 4 e 11 céntimos o litro, que nos poñen por debaixo dos custos de produción”.
Neste contexto, Óscar Pose enmarcou a acción de protesta de hoxe, “xa que as industrias lácteas están aproveitando para facer importacións masivas de leite de Portugal, sobre todo, e tamén de Francia a baixo prezo co obxectivo de facer caixa e forzar unha rebaixa aos gandeiros”.
“E ese leite de fóra que ven a ata 30 céntimos o litro está sendo envasado polas industrias lácteas en Galicia como se fóra galego, pero cambiando na etiqueta a orixe de España por orixe Unión Europea, o que claramente constitúe unha fraude aos consumidores”, denunciou.
Ademáis, o representante de Unións Agrarias advertiu de que “a distribución volve empregar o leite como produto reclamo para atraer aos consumidores, neste caso poñendo leite no liñal a entre 0,76 e 0,79 euros o litro”.
“Onde está a administración? Onde están os controles aos que se comprometeu a Xunta de Galicia na reunión que mantivemos o pasado sábado?”, preguntouse.
Neste sentido, Óscar Pose advertiulle á industria e á distribución de que “non imos permitir que se volva empregar o leite como produto reclamo”, e anunciou que “imos ser moi contundentes porque ás ganderías de vacún de leite vailles a vida nisto, e o único que vemos é que á industria e á distribución só lles importan as súas contas de resultados”.

Galego









Control OJD