Volve a MOEXMU, a cita imprescindible para o sector agrogandeiro da Terra Chá

Este venres, 31 de marzo, e o sábado e domingo 1 e 2 de abril, o recinto Manuel Vila López de Muimenta acollerá unha nova edición da mostra exposición, o concurso de gando frisón e a poxa de animais selectos

Vista aérea do recinto feiral da Moexmu nunha edición anterior

Vista aérea do recinto feiral da Moexmu nunha edición anterior

O recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta acollerá esta fin de semana a MOEXMU, que terá lugar este venres 31 de marzo, e o sábado e domingo 1 e 2 de abril. Entre outras actividades, celébrase a 37ª edición do Concurso de Gando Frisón e a Exposición de Raza Rubia Galega, así como a 27ª Poxa de Gando Selecto, ademais da habitual Mostra de maquinaria e outras novidades que encherán os 25.000 metros cadrados de espazo expositivo do recinto.

A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta organiza esta cita, que foi presentada a semana pasada na Deputación de Lugo coa presenza de membros da organización, a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa.

A Deputación de Lugo colabora un ano máis coa celebración da Mostra Exposición de Muimenta, que chega á súa edición número 39, cunha aportación económica e a cesión de dúas xatas da Granxa Gayoso Castro para premiar aos gandeiros e gandeiras participantes. A cita conta tamén coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Cospeito. 

A Moexmu conta un ano máis coa colaboración de institucións como a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia

Durante a presentación destacouse que se trata dun evento “plenamente consolidado que constitúe un referente no seu ámbito e que reflexa moi ben a capacidade que ten o rural para impulsar iniciativas que favorecen a actividade económica e social e que contribúen ó desenvolvemento da provincia”.

Escaparate do potencial gandeiro da Terra Chá

Presentación da edición deste ano na Deputación de Lugo, con presenza do alcalde de Cospeito e os organizadores

Presentación na Deputación de Lugo, con presenza de García Porto, o alcalde de Cospeito e os organizadores

A Mostra Exposición de Muimenta serve para visibilizar e impulsar a actividade rural na comarca da Terra Chá e o sector agrogandeiro como motor económico e social da provincia de Lugo. A Moexmu é unha cita asentada e que mantén o seu poder de convocatoria, tanto a nivel de expositores e gandeirías participantes, como de público asistente, superando as 15.000 persoas nos tres días nos que ten lugar.

Concellos como A Pastoriza, Cospeito ou Castro de Rei son dos máis gandeiros de Galicia, cunha importante especialización na produción de leite

A Moexmu é un escaparate fundamental para o sector agrogandeiro. A súa feira multisectorial, que ocupa 25.000 metros cadrados e conta cun cento de expositores coas últimas novidades en maquinaria agrícola, é parte central da cita xunto co concurso de gando frisón, o único destas características que se celebra na provincia de Lugo.

Engádense outros atractivos que xuntan moito público, como un concurso de novos manexadores organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros, unha exposición de gando de raza rubia galega ou a poxa de gando selecto de leite, que constitúe unha boa oportunidade para conseguir animais de grande valor xenético dalgunhas das mellores gandeirías da provincia de Lugo.

O catalán Pol Collel xulgará o Concurso de Gando

Un momento do Concurso Autonómico celebrado este sábado na Moexmu

Un momento do Concurso Autonómico celebrado o ano pasado na Moexmu

Pol Collel Sabaté, natural de Manlleu (Barcelona), será o xuíz do Concurso de Gando, que celebra o seu trinta e sete aniversario. Este gandeiro catalán, ocúpase na actualidade da xestión da granxa familiar El Campgran, na que se manexan 170 vacas en muxido, dun total dunhas 330 cabezas, cunha media de calificación morfolóxica de 84,50 e unha media de producción por vaca e día de entre 37 e 42 libros.

Máis dun cento de animais de 20 ganderías de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Asturias participarán no Concurso de Gando

Collel conta cunha dilatada experiencia como xuíz de Conafe, en activo dende o 2015, xulgando certámenes de distinta categoría ao longo da xeografía española. É a segunda vez que acode como xuíz a Muimenta, onde xa estivo no concurso de gando na edición celebrada no ano 2016.

O certame da Moexmu é hoxe o único concurso de gando que se celebra na provincia de Lugo, logo de que outros semellantes foran decaendo e acabaran por desaparecer. O de Muimenta, sen embargo, mantén o seu prestixio, atraendo ano tras ano a animais de ganderías de toda Galicia e Asturias. 

Podes descargar neste enlace as distintas seccións nas que está dividido o Concurso da Moexmu deste ano. 

“A Moexmu segue en plena forma a piques de cumprir os corenta”

Moexmu xerente José Manuel RusJosé Manuel Rus Rodríguez (Muimenta, 1976) cumpre este ano un cuarto de século e 26 edicións como coordinador da Moexmu. A iniciativa, posta en marcha no ano 1985 polos empresarios de Muimenta para dinamizar a vida da localidade, é un exemplo de unión veciñal e de mantemento ao longo do tempo. “A Moexmu segue en plena forma a piques de cumprir os 40 anos”, bromea Rus. 

A Moexmu mantén os signos de identidade que a converten nun referente a nivel galego. Un deles é o certame de gando, que se fixo por primeira vez no ano 1987. Este ano, malia non ter carácter de Concurso Autonómico, “segue habendo unha alta participación, con 20 ganderías presentes, procedentes de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Asturias, que xuntarán máis dun cento de animais”, salienta o coordinador da Moexmu. 

A xornalista Carmen Uz será este ano a pregoeira da Moexmu

Ano a ano a cita suma novidades, como a exposición fotográfica sobre o porco celta que poderá verse nesta edición, cedida por ASOPORCEL, e que poderá visitarse durante todo o mes de abril na Igrexa Vella, xa que o recinto Manuel Vila López será o escenario o día 1 de maio, como vén sendo habitual, dunha nova edición da Festa da Filloa, declarada de Interese Turístico Galego e que, ao igual que a Moexmu, organizan os empresarios da localidade.

O coordinador da Moexmu destaca o carácter veciñal desta cita, que levan a cabo os empresarios da localidade a través da comisión organizadora

Destaca o carácter veciñal desta cita, que organizan os empresarios da localidade a través dunha comisión

Ademais da implicación dos empresarios de Muimenta, a Moexmu non sería posible sen a colaboración de Administracións públicas (Concello de Cospeito, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia), asociacións de gandeiros (Africor Lugo ou Acruga) e empresas (Progando, Nanfor, Clun, Hermanos Falcón, Agroamb, Abanca, Xenética Fontao ou Cadena Cope), aos que desde a comisión organizadora queren agradecer un ano máis a súa confianza.

PROGRAMA COMPLETO

Moexmu 2023 cartel gando

XOVES, Día 30:

Ao longo de toda a xornada, terá lugar a entrada da maquinaria ao Recinto Feiral “Manuel Vila López” de Muimenta.

VENRES, Día 31:

10:00 Apertura do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

10:15 Comenzará a entrada do gando no Recinto ao longo de toda a xornada e verificación da correspondente
documentación.

10:30 Ubicación nos stands e parcelas dos expositores de maquinaria, automóbiles, motos, artesanía popular, dos productos galegos de calidade e da terra, etc.

14:00 Remate da entrada de gando no Recinto Feiral “Manuel Vila López”

17:00 Concurso de xóvenes preparadores de gando (organizado en colaboración co clube de xóvenes gandeiros de Galicia)

18:45 Recepción por parte da comisión organizadora do inaugurador e demáis autoridades que acudan ao Recinto Feiral “Manuel Vila López”.

19:00 Inauguración oficial da XXXIX Mostra Exposición de Muimenta

19:20 Lectura do “pregón” a cargo da xornalista Carmen Uz

19:40 Merenda, con motivo do “día da veciñanza”

22:00 Peche do Recinto Feiral “Manuel Vila López” ao público.

SÁBADO, Día 1:

09:00 Apertura do Recinto Feiral para os expositores e gandeiros.

10:00 Apertura ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

10:05 Apertura das instalacións para poder ver a exposición que cede o Centro de Artesanía da Deputación Provincial de Lugo

10:15 Concurso de Gando Frisón, coas sección correspondentes ás xatas e xovencas.

12:30 XXVII Poxa de gando selecto.

15: 30 Concurso de Gando Frisón, coas sección correspondentes ás vacas de leite, así como aos campionatos do concurso.

21:00 Peche ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

DOMINGO, Día 2:

09:30 Apertura do Recinto Feiral para os expositores e gandeiros.

10:00 Apertura ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

11:30 Concurso de xóvenes manexadores, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia.

  • sección 1: menores de 9 anos
  • sección 2: nen@s de entre 10 a 15 anos
  • sección 3: rapaces e rapazas de entre 16 e 20 anos
  • sección 4: xóvenes de entre 21 e 25 anos

12:00 Concurso de manexadores adultos

13:00 Entrega de premios aos participantes e gañadores das diferentes seccións do concurso de gando.

14:00 Clausura oficial da XXXIX Mostra Exposición de Muimenta

21:00 Peche ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información