Data inicio: 15/09/2022
Data fin: 18/09/2022
Lugar: Fundación de Exposiciones y Congresos de A Estrada, A Estrada, España
A Fundación de Exposición e Congresos da Estrada acollerá este ano a 34ª edición da Feira do Moble de Galicia. O evento, que tivo que pospoñer as súas citas habituais dos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia sanitaria motivada polo coronavirus, celebrarase entre o 15 e o 18 de setembro.
O certame ofrecerá un escaparate de exposición e comercialización de mobles, complementos, artigos de decoración e outros útiles e prestacións para o equipamento do fogar nun amplo espazo de exposición distribuído en 5 pavillóns. Como informaron dende a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, xa teñen un 90% do espazo expositivo reservado para a cita.
A feira poderá visitarse entre as 11.00 e as 20.00 horas durante as catro xornadas de duración do evento. Ademais de ver mobles, os visitantes poderán recorrer 11.000 metros cadrados de exposición adicados a sectores afíns como a decoración, tapicería, os electrodomésticos, automatismos, os complementos domésticos, a instalación de piscinas ou as enerxías renovables.
Balance da última edición
Na súa última edición, a Feira do Moble pechou cun balance de 12.000 visitantes. Deles, máis da metade -un 56%- realizou compras ou contactos directos con expositores. Dende a organización sinalan que case catro de cada dez persoas que se achegaron no 2019 facíano por primeira vez, sinalando na súa práctica totalidade a intención de volver nas seguintes convocatorias.
Con máis de tres décadas de traxectoria, esta cita estradense supón un escaparate de referencia para o sector do moble, a decoración e os artigos do fogar. “A Feira do Moble de Galicia está orientada tanto á satisfacción do público particular -que atopará un amplo abano de posibilidades para amoblar ou equipar o seu fogar- coma ao profesional, con atención neste último caso á ampliación de mercados e carteiras de clientes nun momento no que o auxe do sector inmobiliario está a realzar a comercialización de mobles e produtos afíns”, sinalan dende a organización.