‘Voltamos á usurpación franquista dos montes veciñais?’

O presidente da Organización Galega de Montes Veciñais, Alfredo Pereira, cuestiona neste artigo unha proposta que manexa o sector forestal para modificar a Lei de montes veciñais en man común. Tal modificación permitiría convertir en públicos os montes veciñais en estado de desprotección

‘Voltamos á usurpación franquista dos montes veciñais?’

Xosé Alfredo Pereira.

Anda circulando entre algúns membros do Consello Forestal de Galiza, co formato da Consellería da Presidencia, unha proposta pola que se modifica puntualmente a Lei 13/1989, do 10 de Outubro, de montes veciñais en man común .

As modificacións da Lei de montes veciñais que prantexa esta proposta van en dous camiños: o da aberración xurídica e o da usurpación franquista. Dous camiños que encerran unha mesma postura ideolóxica, a postura de non admitir a existencia dunhas terras de carácter xermánico, e xa que logo, fóra do tráfico do comercio e do negocio.

Non se admite que estas terras comunitarias sexan xestionadas democraticamente polos seus titulares, a veciñanza comuneira. Postura que defenderon sempre os intereses capitalistas, especulativos e urbanisticos, amparados polos sucesivos gobernos do Partido Popular.

Transformación dun monte veciñal en público
As modificacións da Lei de montes veciñais prantexadas na proposta son unha aberración xurídica, xa que pretende que aqueles montes veciñais en man común que sexan declarados en estado de grave desprotección perderán a condición do caracter xermánico e pasarán a ser montes de carácter público.

“Preténdese que os montes veciñais en estado de grave desprotección perdan a súa condición e pasen a ser montes públicos”

Para os autores da proposta de modificación, as causas para declarar un monte veciñal en estado de grave desprotección son todas achacabeis ós titulares das terras e non deixan de ser cuestións meramente burocráticas (que non se conformaran as xuntas reitoras a tempo) ou cuestións que foron permitidas pola Administración Forestal (ocupacións , usurpacións , repartos do monte veciñal), pero que llas achacan ás comunidades de montes.

A transformación dun monte veciñal cara un monte público non é somentes unha aberración xurídica; é tamen o primeiro paso para proceder a súa privatización, xa que os ben públicos poden ser postos á venda. Dado que estamos na Semana de Pascua, podemos dicir aquilo de que “o franquismo resucitou “.

Beneficios
Outra das modificacións que prantexa a proposta é que os beneficios que se acaden nestes montes veciñais usurpados sexan repartidos entre a Administración Forestal (60%) e os Concellos onde radique o monte veciñal roubado (40%). Seguimos coas resurrecións. Agora están a resucitar o organismo naquel tempo denominado “Patrimonio Forestal Español”. Por certo ,este foi o organismo do Estado Español que encheu os monte galegos de eucaliptus .

Ante esta usurpación sen paliativos dos montes veciñais en man común, a Organización Galega de Comunidades de Montes veciñais en Man Común (ORGACCMM) solicitou tanto da Consellería de Medio Rural como da Conselleria da Presidencia que manifestasen publicamente se esta proposta para modificar puntualmente a Lei de montes veciñais en man común actualmente vixente era un documento oficial ou un documento apócrifo.

Como ningunha das duas consellarias contestou, cabe pensar, por aquilo de quen cala outorga, que estamos ante un documento oficial (ou cando menos oficioso). Estamos diante do maior roubo dos montes veciñais de toda a historia. Cómpre paralos.

*Xosé Alfredo Pereira Martínez

Xosé Alfredo Pereira é o presidente da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común.

Una idea sobre “‘Voltamos á usurpación franquista dos montes veciñais?’

  1. José Manuel Zapata

    Non coñezo o texto da suposta modificación, pero non tería porque ser unha aberración.
    Un monte veciñal cuxa comunidade propietaria teña abandoado ou simplemente a dita comunidade non exista despois dun tempo prolongado podería pasar a ser monte demanial da Xunta de Galicia, sempre que cumpra algunha das características do Catálogo de Montes de Utilidade Pública e polo tanto NON sería posible vendelo, porque tería unha protección xurídica tan forte como un monte veciñal en man común.
    Hai que ter coidado coas afirmacións que se fagan sen por a disposición da xente toda a información.
    Por outro lado, a Xunta non declara tan facilmente un monte veciñal en estado de grave abandono.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información