Vivenda licita bloques residenciais públicos en Vigo nos que prima o uso da madeira

As conselleiras de Economía e Vivenda cursaron unha visita a Xilonor, en Coirós (A Coruña), a empresa galega especializada en madeira contralaminada (CLT) para edificación

Vivenda licita bloques residenciais públicos en Vigo nos que prima o uso da madeira

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana (dereita), e a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na visita ás instalacións de Xilonor.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria, e María Martínez Allegue, titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, visitaron as instalacións da empresa Xilonor (Coirós, A Coruña), unha firma especializada en madeira contralaminada (CLT) para construción. Ambas conselleiras recordaron a importancia de aproveitar os recursos forestais propios para industrializar Galicia. No marco da visita, anunciouse que están en licitación catro bloques de vivendas residenciais en Navia (Vigo) nos que se primará a construción industrializada con emprego da madeira.

Na actualidade o sector forestal representa case o 2% do PIB galego, engloba a máis de 1.500 empresas e factura arredor de 2.500 M€ ao ano. As dúas representantes destacaron como a cadea forestal-madeira supón o 12% do emprego industrial.

Lorenzana falou sobre o traballo “excepcional” que está a realizar Xilonor que, no ano 2021, “foi a primeira empresa, e unha das primeiras de España, en abrir a primeira planta de madeira contralaminada 100% de piñeiro galego”.

A conselleira explicou que “temos que seguir traballando na parte de investigación forestal e tamén na parte de mellora xenética das coníferas, onde o Centro de investigacións Forestal de Lourizán ten un papel clave”.

A titular de Economía e industria destacou a aposta decidida que está a facer a Xunta por industrializar Galicia aproveitando os recursos naturais propios, “pois temos claro que os recursos forestais son unha das claves deste proceso de transformación económica e reindustrialización”, dixo.

Lorenzana destacou a importancia de pechar as cadeas produtivas e aproveitar a madeira tanto na construción privada como na edificación pública, “para chegar progresivamente a ese obxectivo do 20%” de madeira nas obras públicas.

Ademais, puxo en valor a Lei de Recursos Naturais de Galicia, afirmando que “mostra a nosa estratexia económica como unha estratexia transversal do Goberno de Galicia”. Tamén lembrou que recentemente se asinaron convenios entre as dúas Consellerías para fomentar o uso da madeira na obra pública, tanto en ampliacións e rehabilitacións como en novas edificacións, unha estratexia que, como indicou, “a medio e longo prazo pode dar lugar ao crecemento de Galicia e aumentar e poder manter o sistema de benestar”.

María Martínez Allegue destacou que o uso da madeira na edificación xa é unha realidade, mencionando como exemplos o futuro centro de saúde de Abegondo e as pasarelas para as sendas peonís de Milladoiro ou a de Mollabao-Praceres, en Pontevedra.

En canto á vivenda pública, sinalou que “agora mesmo temos en marcha catro bloques de residenciais colectivos en Navia, Vigo, nos que licitamos conxuntamente proxecto e obra, mediante técnicas industrializadas, primando o uso da madeira”.

Visita a Xilonor no polígono industrial de Coirós.

Visita a Xilonor no polígono industrial de Coirós.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información