Colleiteira pioneira na denominación de orixe, Elisa Collarte comezou a traballar de maneira activa na adega familiar no 1989 e adicou boa parte da súa vida á produción de viño artesanal con variedades autóctonas. Hoxe está xubilada e é un dos seus fillos quen asumiu o relevo á fronte do proxecto. Nesta entrevista, repasa os seus inicios, os cambios no sector e o valor do traballo feito en familia.
– Vas ser recoñecida co galardón Vida entre Vides, dos Premios Ribeiro 2025. Que supón para ti este recoñecemento?
Un orgullo e unha gran ilusión. É un recoñecemento a moitos anos de traballo e de dedicación. Neste momento da miña vida, foi unha gran alegría, porque tamén é un recoñecemento a todo o esforzo realizado. Recibino con moita ilusión e ledicia.
Pouco a pouco, ao longo destes anos, foi transformándose. Modernizámola e hoxe temos un proxecto familiar pero profesional.

A colleiteira realiza tarefas de esfollado, parte esencial no coidado das viñas no verán
A familia Collarte ten unha longa vinculación coa viticultura, non si? Como era a túa adega no 1989, cando te incorporaches plenamente ao sector?
En 1989 era unha das primeiras colleiteiras, e a nosa adega era unha das máis antigas do Ribeiro. Non tiven moitas barreiras porque meu home tamén me axudou moito, pero bueno… unha muller nun mundo de homes… funo levando.
Comezamos cunha adega tradicional, pequena, na casa, con cubas de madeira. Aquí antes as viñas eran moi pequenas. Despois veu a parcelaria, e xa se fixeron un pouco máis grandes, xa podías traballar con tractor. Se non, antes tiñas que ir coa mochila, dar sulfato, cavar co sacho… Pouco a pouco, ao longo destes anos, foi transformándose. Modernizámola e hoxe temos un proxecto familiar pero profesional.
– Como foi evolucionando ata hoxe a vosa adega familiar e os viñedos? Como vivistes o proceso de reconversión varietal do Jerez ás castes autóctonas?
Antes de que se fixera a reconversión, aquí o que máis había era Jerez e Alicante. Logo puxéronse as castes autóctonas, e hoxe traballamos só con estas variedades. Temos sobre todo Treixadura, nun 75%, pero tamén Godello, Albariño, Mencía, Sousón e Caíño. A calidade mellorou moitísimo, e o viño véndese e comercialízase moito mellor.
Antes, o Jerez era coñecido como viño toldado, tamén porque non tiña os procesos actuais, como as trasfegas cada semana no viño branco… Despois de ir á vendima, tiñas que traballar aquí na adega para mantelo ben, sobre todo ao principio.

Racimos en proceso de maduración nas viñas de Elisa Collarte
Dependemos moito dos fenómenos atmosféricos, da terra, das pragas, do mercado… Todo é máis complicado, pero o resultado é moi satisfactorio.
– Definídesvos como colleiteiros. Que diferencia esta figura no caso concreto da D.O. Ribeiro?
Un colleiteiro é un produtor que elabora viño só con uvas propias. Isto implica menos produción e moito traballo. Dependemos moito dos fenómenos atmosféricos, da terra, das pragas, do mercado… Todo é máis complicado, pero o resultado é moi satisfactorio. Temos un produto feito con moito mimo, único, artesanal. Desde o coidado das viñas, a vendima, ata o embotellado, facémolo todo nós, coa axuda dos amigos que nos botan unha man desinteresadamente. É un proxecto de familia e amigos, feito con moito agarimo.
– Como valoras a situación do mercado para os vosos viños, en concreto e para o Ribeiro en xeral?
Os viños do Ribeiro están cada vez máis valorados, tanto a nivel nacional como internacional. Están a ser moi premiados, é todo un orgullo. Aínda que a xente nova bebe menos viño e non hai tanta cultura de viño como antes, nós non temos moita produción e imos vendendo sen problemas. Hai anos mellores e anos peores.
– Hai relevo xeracional para seguir coa tradición familiar?
Si. Os meus fillos seguen a tradición familiar como viticultores e colleiteiros. O meu fillo Gumersindo segue a tradición de colleiteiro coa adega familiar. Véxoo agora ao pé do canón, traballando aquí.

Elisa Collarte xunto ao seu fillo Gumersindo, continuador da tradición vitivinícola familiar.
Os viños do Ribeiro están cada vez máis valorados, tanto a nivel nacional como internacional. Están a ser moi premiados, é todo un orgullo. Aínda que a xente nova bebe menos viño e non hai tanta cultura de viño como antes
– Como está sendo a evolución dos viñedos no que vai de ano?
Complicada, como todos os anos. Sempre estamos con medo das pragas ou das treboadas… Este ano, ao principio, parecía que ía haber moito, pero foi quedando. De momento, aquí non caeu nin sarabia nin nada, e vai mantendo, a ver que pasa. Noutros lugares próximos si caeron treboadas fortes e perderon as súas colleitas.
– Volveríaste dedicar á viticultura se volveses a 1989? Por que? Animarías á xente nova a incorporarse ao sector?
Si, dedicaríame outra vez. É un traballo moi duro, pero moi bonito. Ver medrar as viñas, transformar o produto con agarimo, ver o recoñecemento e que lle guste á xente é o máis gratificante. Iso si, é un traballo moi custoso e hai que ter paixón. A xente nova debería nacer ou criarse neste ambiente, senón é difícil. Hai días de moita calor nos que é imposible traballar no viñedo despois dunha hora, e non todo o mundo está preparado para iso.