
Viñedos nas Ermidas (O Bolo).
Cada vez son máis as adegas que apostan por recuperar vellas viñas ou realizar novas plantacións en zonas altas da Denominación de Orixe Valdeorras, a alturas de ata 800 metros. Buscan así reducir os efectos negativos do cambio climático e lograr viños máis frescos, aromáticos e equilibrados. Falamos con dúas adegas, Virgen del Galir e O Cabalín, así como co director técnico do Consello Regulador para coñecer máis sobre esta tendencia que se está consolidando.
Miguel Tienda, director técnico da adega Virgen del Galir: “Estamos orgullos de recuperar a viticultura en zonas altas da D.O. Valdeorras: Os viños teñen un perfil moi atractivo”
Por que apostou o Grupo CVNE por Valdeorras?
Creo que a intención do Grupo CVNE, cando chega a Valdeorras a través da adquisición da adega Virgen del Galir e dos seus viñedos é continuar a tradición histórica que sempre existiu en Valdeorras, de seguir elaborando tintos e non soamente tintos da variedade Mencía.
Por sorte, creo que Valdeorras ofrece un abano de posibilidades tremendo coa mencía, coa garnacha tintoreira, co sousón, con brancellao, merenzao…. e sempre nos chamou bastante a atención ese perfil de viños tintos. Pero ademais de continuar con esa tradición histórica de Valdeorras cos viños tintos, a forte aposta que fixemos desde o ano 2018, que é cando CVNE aterra e elabora por primeira vez en Valdeorras Godello, é tamén elaborar os mellores viños brancos de toda España e posicionar o Valdeorras, non soamente a nivel nacional senón en todo o mundo, xa que consideramos que é a zona quizais de máis calidade a nivel de viños brancos de España, e tamén de viños de garda, viños pensados non para un período de consumo a curto prazo, que tamén o facemos, senón que facer grandes viños brancos que perduren no tempo. Iso é un pouco a idea posicionar Valdeorras e o Godello a nivel nacional e a nivel mundial.

Miguel Tienda.
O que chama moito a atención aos prescritores, aos xornalistas especializados, é que estades a plantar moitísimo viñedo en zonas como a que nos atopamos, a máis de 750 metros de altura. Por que estades a apostar por plantar viñedo novo en zonas tan altas?
Cando CVNE aterra en Valdeorras, a idea a nivel de campo é coñecer toda a Denominación de Orixe de Valdeorras. Loxicamente, nós estamos situados en Éntoma, no Val de Galir e na zona do Barco de Valdeorras. E alí crecemos, pero si que quixemos expandirnos un pouco máis cara a zonas máis altas, porque tamén historicamente a zona do Bolo, a zona das Ermidas, foi un enclave incrible. Todo o que é o Val do Bibei a nivel de perfil de viño sempre permitiron elaborar viños moi perfumados, viños moi delicados e iso sempre nos chamou moito a atención e o feito de seguir recuperando viñedo, que cando chegamos a esa zona estaba a perderse. Aquí os socalcos son históricos, son socalcos de pedra.
Por outra banda, creo que o cambio climático e os seus efectos na viticultura tamén nos animou bastante a chegar a viñedos tan altos como onde nos atopamos actualmente, a uns 750 metros de altitude. A experiencia nosa é que continuamos tendo boa madurez, boa versatilidade cos viños e sobre todo o perfil dos viños é moi atractivo. Estamos orgullos de recuperar esta zona, que non só é unha xoia paisajística, histórica, de patrimonio, senón tamén de cultura do viño. Creo que é unha aposta moi firme e moi de futuro, por suposto.
Estas temperaturas tan extremas no inverno respecto ao val e tan diferentes tamén no verán, achéganlle algo positivo á uva?
Por suposto. Non soamente o terruño, o terroir é o que marca o perfil dos viños. Ademais da variedade, loxicamente a altitude, a climatoloxía, son claves. Para que vos fagades unha idea, este viñedo é o último que vendimamos na denominación de orixe. Se nós empezamos a primeira semana de setembro, aquí acabamos a primeira semana de outubro. Ou sexa, hai unha gran diferenza de temperatura. Iso que nos achega? Pois eu creo que o que conseguimos nesta zona das Ermidas é viños con moita profundidade, viños cun carácter moi floral, moi profundo, que foxe un pouco desa uva ou desa froita, perdón, evidente. E son perfís para nós moito máis verticais, moito máis frescos e con graos alcohólicos máis moderados.
“Neste viñedo de altura vendimamos a primeira semana de outubro, un mes máis tarde que no val”
Eu creo que todo iso faio unha zona moi interesante e con moitísimas posibilidades. Aquí posuímos aproximadamente unhas catro hectáreas de viñedo, onde plantamos desde Godello, pero por suposto que conservamos ese viñedo histórico que data do ano 1940. En concreto o que é a Mestura, a cepa vella conservámola, pero ademais de complementalo con Godello, con algo de Mencía, con algo de Merenzao, con algo de Brancellao, con algo de Treixadura. Estamos no Val do Bibei e cremos que esas variedades que sempre existiron aquí queremos seguir conservándoas e darlle profundidade a todo este proxecto.
Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras: “As uvas dos viñedos de zonas altas teñen unha maduración máis lenta”

Jorge Mazaira.
Por que cres que cada vez son máis as adegas que están a apostar por plantar viñedos a cada vez máis altitude?
Os antigos viticultores dicían que das mellores zonas onde saían os mellores mencías era de aquí, onde estamos no alto da Hermida, a 565 metros. Por que? Porque ao final aquí mantense moito máis esa integral térmica de diferenza de temperatura entre día e noite. Debido a estas situacións climáticas tan adversas que temos, con estes cambios tan bruscos, pois estamos a buscar sobre todo a altitude, para atopar esa frescura que permite que a uva madure de forma moi positiva, dunha maneira máis lenta.
Antes si que era preferentemente tinto o que había nesta zona, pero viuse que a variedade godello adáptase perfectamente a esta zona, pois sobre todo para buscar a frescura e para manter esa acidez que fai que os nosos viños sexan tan característicos.
Plantar os viñedos a unha maior altitude pode ser unha resposta, pode ser unha solución ás consecuencias do cambio climático como o incremento das temperaturas e o descenso nas precipitacións ?
Si, sen ningunha dúbida. Se non temos esas temperaturas tan altas, tanto nocturnas como diurnas, vai ser moito mellor para a planta, pois vai sufrir menos estrés, vai traballar máis tranquilamente e sobre todo se ten esas reservas de auga en terreos arcillosos como este, pois vai ser máis facilmente utilizable pola planta en períodos clave como os meses de xullo e agosto.
Tivemos expertos que viñeron catar os nosos viños e conclúen claramente que os perfís que veñen das zonas altas son máis diferentes que os viños das zonas baixas, onde hai un pouco máis de volume, máis de golosidade. Con todo, aquí hai máis finura e máis elegancia na boca. Son dous perfís distintos que encaixan perfectamente no mercado, pero que nos fai que sexamos diferentes..
Luis Peique e María Teresa López, propietarios de Adega O Cabalín: “Temos viñedos a ata 800 metros de altitude para reducir os efectos do cambio climático”

Luis Peique.
Que vos levou a poñer en marcha este novo proxecto na D.O. Valdeorras?
Adega O Cabalin é un proxecto que nace baseado en tres piares fundamentais: a recuperación de vellas viñas, moitas delas abandonadas no val do río Casaio, en solos de lousa descomposta, con xisto, cuarcita e unha profundidade de chan 30-40 centímetros. O que buscamos por tanto, é elaborar viños que representen o territorio, ás variedades e que teñan potencial de garda. Eses son os piares fundamentais deste proxecto.
Ata hai pouco as adegas tentaban que as súas plantacións estivesen por baixo dos 600 metros como moito. Por que vós estades a apostar por viñas en zonas altas, que están mesmo a 800 metros?
O que nos levou a apostar por este concepto é basicamente o cambio climático. Nos últimos 25 ou 30 anos vimos asistindo a un proceso no que as vendimas se están adiantando e o proceso de maduración da uva é cada vez máis complexo nese sentido.
Por tanto, apostamos por buscar altitudes en zonas onde as horas de insolación directa sexan as menores posibles nun contexto de montaña. Logo tamén traballamos con cubertas vexetais para tentar regular a temperatura do chan e optamos tamén por traballar en dúas orientacións predominantes: a ladeira sur e a ladeira norte.
Galego









Control OJD