Visto bo ó proxecto de ampliación de Casa Grande de Xanceda

Visto bo ó proxecto de ampliación de Casa Grande de Xanceda

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe as instalacións de Casa Grande de Xanceda, onde destacou o seu potencial de crecemento ao abeiro do Proxecto de Interese Autonómico que se declarou no ano 2023 para a súa ampliación e modernización, e que en breve prevé finalizar a súa tramitación.

Esta ampliación, segundo explicou a conselleira, ten como fin habilitar terreos para instalacións complementarias á actividade gandeira actual -fábrica de produtos lácteos e planta de biogás para tratamento de xurros-, así como outras superficies para dar soporte ás súas actividades turísticas, culturais e de formación. A través do proxecto declarado de interese autonómico prevese incrementar en 9.701 m2 os 4.930 m2 cos que xa contan estas instalacións.

En concreto, o proxecto conta con espazos que se destinarán a usos varios, como o sistema de produción de enerxías renovables de autoconsumo vinculado coa filosofía de economía circular da propia empresa, a ampliación da fábrica de iogures e a construción de novas oficinas, o que permitiría o redeseño das utilidades da casa agraria do século XVII existente. A maiores, estas novas edificacións albergarán unha sala multiusos para actividades turísticas e de formación, así como unha aula natura.

A iogurtería de Casa Grande de Xanceda atópase na actualidade ao 95% da súa capacidade de produción. Coa ampliación, a empresa explica que se crearán 25 postos de traballo directos. Durante o 2024, Casa Grande de Xanceda produciu 12 millóns de iogures e facturou 12,3 millóns de euros. A nivel gandeiro, é a gandería en ecolóxico máis antiga de Galicia e a segunda por tamaño de todo o Estado.

Transformación do leite en Galicia
Na visita ás instalacións desta empresa, Gómez subliñou que Casa Grande de Xanceda é un dos principais referentes do sector agroalimentario ecolóxico en Galicia e “exemplo claro” de innovación, sustentabilidade e compromiso co rural. Salientou, así mesmo, a aposta desta granxa familiar por un modelo produtivo sustentable, centrado no benestar animal, o respecto ao medio ambiente e a xeración dun emprego desde e para o rural.

Creación de emprego e actividade agropecuaria ecolóxica
A conselleira remarcou tamén que hoxe en día a empresa dá emprego a máis de medio cento de persoas, das que máis do 60 % son mulleres, e que xestiona arredor de 200 hectáreas con actividade agropecuaria ecolóxica. Engadiu que, con máis de 1,4 millóns de litros de leite certificado no último ano, constitúe un dos maiores produtores lácteos ecolóxicos de España e o máis relevante de Galicia.

Nesta liña, Gómez puxo de relevo que Casa Grande de Xanceda “non é só un referente agroalimentario”, xa que constitúe tamén un “actor clave” na dinamización cultural e turística do rural. Así, a conselleira apuntou que, desde 2010, máis de 100.000 persoas visitaron esta granxa a través de eco-visitas e actividades pedagóxicas e de formación para escolares, profesionais e visitantes de todas as idades.

Por todas estas razóns, Gómez comprometeuse a seguir apoiando desde a Xunta proxectos como os que representa esta empresa, que veñen garantir un rural “dinámico, innovador e con futuro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información