Visitas organizadas á Finca Mouriscade, en Lalín, e a Areeiro, en Pontevedra

Visitas organizadas á Finca Mouriscade, en Lalín, e a Areeiro, en Pontevedra

Visita de gandeiros a parcelas de ensaio de millo en Mouriscade.

A Deputación de Pontevedra pon a disposición dos centros educativos, das asociacións ou doutros colectivos, organizados en grupos de ata 35 persoas, a realización de visitas guiadas e gratuítas á Finca Mouriscade.

A Finca Mouriscade é un centro de referencia en Galicia de análise e investigación avanzada sobre a alimentación, as enfermidades e a xenética dos animais, especialmente das vacas de raza frisoa, que son as máis comúns na provincia de Pontevedra e en Galicia, pero tamén do gando porcino e da cabana de aves. Neste centro traballa un equipo de máis de trinta profesionais de distintas áreas, todas e todos cun mesmo obxectivo: mellorar o coidado, a nutrición, a saúde e a produción de leite dos animais.

As visitas realizaranse todos os martes non festivos, desde o 11 de outubro de 2022 ata o 20 de abril de 2023, en dúas quendas: unha ás 10 h e outra ás 12 h e terán unha duración aproximada de 1 hora e 30 minutos.

As persoas visitantes poderán coñecer o centro que se divide en tres áreas:

O laboratorio: Conta con especialistas e medios de última xeración para coñecer a calidade dos alimentos do gando e previr enfermidades; tamén se analizan auga e xermes.

A granxa: Nela trabállase na mellora xenética do gando a través da transferencia embrionaria. Nacen tenreiras dos mellores exemplares e grazas ao seu labor, as gandeiras e gandeiros poden ter animais máis saudables e produtivos. Os xurros que se producen na Finca Mouriscade emprégase na fabricación de enerxía para autoconsumo na planta de biogás.

As terras de cultivo: O terreo ocupa unha superficie de 44 hectáreas e gran parte está destinada a cultivos de millo e praderías, que permiten realizar ensaios para mellorar a alimentación do gando, ademais de investigar sobre os fertilizantes.

Por razóns de organización e eficacia na realización da visita, o grupo estará formado por un mínimo de 10 e un máximo de 35 integrantes, incluído en ambos os casos a ou o responsable, quen acompañará as e os integrantes en todo momento.

Se o grupo supera o número máximo establecido, deberá solicitarse o número de visitas necesarias en función do número de integrantes do grupo. As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de 72 horas á data proposta.

Pódese solicitar á visita a través do calendario que hai ao pé desta web.

Programa de visitas á Estación Fitopatolóxica de Areeiro

En Pontevedra, a Deputación organiza tamén visitas ó outro gran centro agrario que xestiona, a Finca Areeiro. Igual que no caso de Mouriscade, tratarase de visitas para colectivos, centros educativos ou agrupacións, cun máximo de 25 persoas neste caso.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) é un centro de referencia e ten un alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao labor desenvolvido no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia e na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. Neste centro traballa un equipo de cerca de 40 profesionais de distintas áreas, todas e todos cun mesmo obxectivo: mellorar as producións dos cultivos e traballar en sanidade vexetal para levar a cabo métodos de loita respectuosos co medio natural.

Situada nun enclave privilexiado da ría de Pontevedra, a EFA conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos e, nas súas cerca de seis hectáreas de superficie, conta con plantacións piloto de froiteiras (kiwi, feixoa, mora, mirabeis, guaiabo fresa etc.), coa colección de camelias da Deputación de Pontevedra (con máis de 1.000 exemplares plantados), a primeira plantación de té de Galicia, un xardín de aromáticas e outras especies vexetais de interese, que fan que sexa un xardín con carácter didáctico atractivo para as e os visitantes, tanto profesionais coma afeccionados.

A apertura dos xardíns ao público ten un sentido didáctico e formativo, cuxa visita se realizará acompañada por guías especializadas, e permitirá dar a coñecer o traballo que se está a desenvolver, así como o patrimonio que forman os seus xardíns.

As visitas levaranse a cabo todos os martes e xoves non festivos e dous sábados ao mes desde novembro de 2022 en horario 10 h a 12 h, cunha duración aproximada de dúas horas.

As persoas visitantes poderán realizar un percorrido polo predio no que se explicarán os seguintes temas:

• A Estación Fitopatolóxica Areeiro. Que é e a que se dedica: un pouco de historia

• As orixes: que é a fitopatoloxía, a súa importancia e repercusión na produción de alimentos

• A camelia, a flor de Galicia; Xardín Pedro Mansilla

• Camelias figo: só para os ollos do emperador. O xardín de Franco Ghirardi

• Insectario e viveiro de forestais: a loita contra as pragas

• Plantación de kiwi: a tecnoloxía detrás da froita

• Plantación de té, a bebida máis consumida do mundo

• A camelia máis aló do seu uso ornamental

• A feixoa: unha froita exótica que lle debe o nome a Galicia

• A importancia dos froitos de outono, os froitos secos

• Fentos arbóreos, o recordo do pasado

Despois da visita, e dependendo da época do ano, realizarase unha cata de produtos obtidos no predio (froitas de tempada, té…).
Por razóns de organización e eficacia na realización da visita, o grupo estará formado por un mínimo de 10 e un máximo de 25 visitantes, incluída en ambos os casos a persoa responsable do grupo, quen acompañará as e os seus integrantes en todo momento. Se o grupo superase o número máximo establecido, deberá solicitarse o número de visitas que se precisen en función do número de visitantes do grupo. Será necesario reservar a visita cunha antelación mínima de 24 horas antes da súa realización.

Os colectivos profesionais (universidades, escolas agrarias, centros profesionais, bodegas etc.) relacionados coas actividades científicas da EFA poderán solicitar mediante instancia xenérica a visita aos laboratorios en grupos de menos de 10 persoas.

Pódese solicitar á visita a través do calendario que hai ao pé desta web.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información