Visita de Formoso á planta de Inleit en Curtis

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visita a industria láctea e mantén unha reunión de traballo co Concello de Curtis

Visita de Formoso á planta de Inleit en Curtis

Visita á empresa Inleit Ingredients.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, visitaron o Concello de Curtis onde foron recibidos polo alcalde, Javier Caínzos, e membros da corporación municipal. Durante a visita, analizaron os investimentos realizados pola Deputación no municipio, así como as necesidades e demandas futuras.

A xornada incluíu tamén unha visita á empresa Inleit Ingredients, situada no polígono industrial de Teixeiro. Acompañado pola dirección da planta, Formoso coñeceu a actividade desta industria dedicada á produción de proteínas lácteas de alta calidade, que emprega directamente a unhas 200 persoas.

“Inleit é un exemplo de como a innovación e o aproveitamento dos recursos locais poden xerar valor engadido e emprego no rural galego. A súa aposta pola transformación da leite galega en produtos de alto valor nutricional sitúa a Curtis e a Galicia na vangarda da industria”, afirmou o presidente.

Inleit Ingredients, filial de LIASA, iniciou a súa actividade en 2020 nunha planta de máis de 30.000 metros cadrados. Procesa unha media de 1.150.000 litros de leite diarios, procedentes de granxas galegas seleccionadas, mantendo as propiedades naturais do leite.

Formoso concluíu a visita afirmando: “Proxectos como o de Inleit demostran que é posible combinar tradición e innovación para crear un futuro sostible e próspero para o noso rural. Desde a Deputación seguiremos apoiando iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico e social dos nosos concellos.”

Encontro co Concello de Curtis
Na reunión co Concello de Curtis, Formoso destacou que a institución provincial investiu 13,5 millóns de euros en Curtis na última década. Dese total, 5,5 millóns foron canalizados a través do Plan Único (POS+), que permitiu executar 46 obras, centradas principalmente na mellora de vías municipais, accesos a zonas rurais e servizos básicos como o saneamento e o abastecemento de auga.

“O Plan Único é hoxe unha ferramenta clave para o desenvolvemento dos concellos, especialmente os de menor tamaño, e este ano conta co maior orzamento da súa historia, cun incremento do 72% na achega inicial de 2025. Isto supón que Curtis pasa dunha achega a inicial de 476.000 euros o ano pasado a 813.643 euros en 2025, unha cantidade que se incrementará ao longo do ano con aportacións adicionais”, explicou Formoso.

O presidente tamén salientou que a Deputación investirá este ano máis fondos nos concellos da provincia que a Xunta de Galicia a través do Fondo Galego de Cooperación Local, “o que evidencia a necesidade de que a Xunta mellore o financiamento dos municipios”.

Pola súa banda, o alcalde de Curtis agradeceu o apoio da Deputación, tanto para mellorar infraestruturas como para impulsar proxectos culturais como o Museo Etnográfico ou a Casa Museo de María Antonia Dans. Ademais, trasladou a Formoso as necesidades de mellora en estradas provinciais.

A comitiva supervisou obras financiadas polo Plan Único, como a mellora do camiño dos Martiños-Cruce a Herdeira, cun orzamento de 234.950 euros, actualmente en execución, e a ampliación do camiño Mascoto-Boipardo, xa finalizada, cun investimento de 125.512 euros.

Outro programa destacado foi o Plan de Emprego Local (PEL), que achegou 2 millóns de euros ao municipio e permitiu a creación de 59 empregos nos sectores público e privado. No marco deste programa, Curtis recibiu 203 axudas, principalmente para apoiar autónomos e pemes locais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información