Visita da conselleira de Medio Rural á granxa avícola Ecocentro, en Melide

A conselleira María José Gómez visitou a empresa produtora de ovos campeiros, que suma 220.000 galiñas e foi beneficiaria de case un millón de euros en achegas

Visita da conselleira de Medio Rural á granxa avícola Ecocentro, en Melide

Como xa se fixo público este mes, a Consellería do Medio Rural ampliará ata os 23 millóns de euros o orzamento das axudas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, co obxectivo de seguir impulsando o sector agroalimentario galego.

Así o quixo destacar a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a súa visita, ás instalacións de Ecocentro, de Melide, empresa dedicada á produción de ovos de galiña campeira que comercializa os seus produtos baixo a marca El Huevo de la Abuela. A explotación foi beneficiaria destas axudas, cunha achega de case un millón de euros para o desenvolvemento de varios proxectos.

Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, explicou que a dotación prevista inicialmente para estas axudas, próxima aos 19 millóns de euros, foi ampliada ata os 23 millóns para o período comprendido ata 2028.

A convocatoria deste ano incorpora, ademais, dúas liñas subvencionables. Unha delas está orientada a investimentos destinados a incrementar o valor das producións agrarias e conta cun orzamento de 15 millóns de euros. A segunda, de nova creación, está dirixida a investimentos con obxectivos ambientais e dispón dunha dotación de 7,9 millóns.

Desde 2016, a Xunta financiou máis de 600 proxectos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, cun investimento público de 195 millóns de euros.

Innovación e produción de ovos campeiros
Durante a visita, a conselleira puxo en valor a aposta de Ecocentro pola innovación tecnolóxica e pola diferenciación dos seus produtos, así como pola produción de ovos campeiros de alta calidade.

Segundo os datos facilitados pola Consellería, a empresa conta con máis de 220.000 galiñas e produce semanalmente arredor de 140.000 ovos campeiros. As súas instalacións dispoñen, ademais, dunha capacidade de envasado de ata 480.000 ovos por xornada de traballo.

Medio Rural sinala que esta aposta pola innovación e pola diferenciación consolida Ecocentro como unha das principais empresas galegas produtoras de ovo campeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información