A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e o director xeral de Gandaría, José Balseiros, visitaron a Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) de Xallas e Barcala, onde tamén mantiveron un encontro con gandeiros de Mazaricos e da bisbarra. Este acto serviu para avaliar a situación actual e as perspectivas de futuro do sector leiteiro.
“Mazaricos é o primeiro concello galego en produción de leite, con máis de 136 millóns de litros entregados a primeiros compradores, segundo datos correspondentes a 2023 do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Neste sentido, apelamos á colaboración entre todos os axentes da cadea de valor do sector para traballar a prol da redución do diferencial existente entre o prezo do leite galego que perciben os produtores e o do resto de España”, sinalou a conselleira.
En parecidos termos, Gómez avogou de novo por manter o equilibrio e a estabilidade no sector como mellor fórmula para favorecer a remuda xeracional e para consolidar a posición de liderado nacional de Galicia neste eido produtivo, tanto en número de gandeiros como na produción, que segue medrando.