Visita da conselleira de Medio Rural á adega cooperativa Eidosela, en Arbo

Publicidade
Visita da conselleira de Medio Rural á adega cooperativa Eidosela, en Arbo

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na visita ás instalacións da Adega Eidosela.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou as instalacións da Adega Eidosela, no concello pontevedrés de Arbo. Alí destacou os 10 millóns de euros que a Xunta mobiliza este ano para apoiar distintas liñas de actuación no sector vitivinícola.

No tocante á reestruturación e reconversión de viñedos, Gómez detallou que se destinarán catro millóns de euros, cofinanciados polo Feaga. Estes recursos buscan aumentar a competitividade do sector, favorecer a adaptación ao cambio climático e avanzar cara a unha produción máis respectuosa co medio.

Tamén se investirán 4,5 millóns de euros orientados a mellorar os procesos de elaboración e a comercialización e unha partida de 1,7 millóns de euros estará dirixida a reforzar a presenza do viño galego en mercados de terceiros países. Esta medida cobra especial relevancia nun contexto marcado pola incerteza comercial derivada dos aranceis impostos por Estados Unidos.

Estratexia sectorial

Este investimento vén acompañado da Estratexia de Dinamización Territorial e Turística das Comarcas Vitivinícolas, elaborada en colaboración co sector, coa finalidade de potenciar o valor económico, cultural e turístico do viño galego.

Neste sentido, a conselleira subliñou o compromiso do seu departamento con esta liña de traballo, asegurando que “seguiremos traballando da man das adegas e viticultores para garantir un futuro sustentable, competitivo e de calidade para o noso viño e o noso rural”.

Visita á adega cooperativa Eidosela en Arbo.

Visita á adega cooperativa Eidosela en Arbo.

Modelo cooperativo

Durante a súa visita, na que estivo acompañada polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, Gómez puxo en valor o modelo de Adega Eidosela, unha cooperativa integrada por 63 socios que cultivan preto de 60 hectáreas de viñedo.

Esta adega pode chegar a producir ata 600.000 litros anuais, fundamentalmente da variedade albariño, baixo o paraugas da Denominación de Orixe Rías Baixas. Eidosela comercializa marcas recoñecidas como Eidosela Albariño, Arbastrum Condado do Tea, Etra Albariño ou Etra Burbujas del Atlántico Extra Brut.

A súa aposta pola calidade vese reflectida nos numerosos galardóns acadados, entre eles o de Mellor Viño Branco de Galicia 2019 para o Arbastrum Condado do Tea, e dous Bacchus de Ouro en 2024 e 2023 para o Eidosela Albariño e o Selección Albariño sobre lías, respectivamente.

Sobre estes recoñecementos, a titular de Medio Rural destacou que “estes premios son unha mostra evidente de que o esforzo colectivo, a dedicación e a excelencia dan como resultados produtos que compiten ao máis alto nivel, tanto no mercado nacional como no internacional”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información