Visita da conselleira a unha explotación de horta na Laracha para pór valor a importancia da formación agraria

A conselleira do Medio Rural visitou na Laracha a explotación Hortalizas R. López, que participa na parte práctica dentro dos cursos de aptitude empresarial agraria

Publicidade

HORTA LARACHA conselleira 2A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo este venres en valor a aposta da Xunta pola titorización do alumnado de formación agraria para favorecer a súa incorporación ao campo. Todo isto, co fin de mellorar a competitividade do sector, propiciar a remuda xeracional nas explotacións e favorecer a transferencia de innovación ao agro galego. A conselleira visitou este venres a explotación Hortalizas R. López SL, situada no concello da Laracha e que participa na formación práctica dentro dos cursos de aptitude empresarial agraria. Gómez estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo alcalde da localidade, José Manuel López.

Neste acto, a conselleira lembrou que os cursos de aptitude empresarial agraria que xestiona Medio Rural abranguen, cun enfoque moi orientado cara á formación práctica, diferentes ámbitos. Así, salientou que son dez os tipos de cursos que se imparten, todos eles de 250 horas de duración, e que van desde o vacún de leite ata a gandaría extensiva e sen terra, a fruticultura, a viticultura, a apicultura, os aproveitamentos forestais ou os cultivos extensivos e intensivos. Precisamente sobre este último aspecto xira o curso no que participa activamente esta explotación da Laracha.

O alumnado pode coñecer de preto a realidade produtiva desta granxa, así como doutras que participan nesta formación e, para reforzar esa parte práctica, benefícianse dun proceso de titorización durante o curso. A conselleira subliñou que os 21 estudantes matriculados nesta acción formativa recibirán ese apoio por parte dun titor e visitarán ata oito explotacións diferentes, entre elas esta da Laracha.

Axudas para a incorporación de mozos

Neste contexto, Gómez remarcou que esta formación orientada ao fomento da remuda xeracional no agro encádrase nas diferentes liñas de traballo impulsadas por Medio Rural neste eido e, máis especificamente, nas axudas para a incorporación de mozos. Neste sentido, a conselleira lembrou que, precisamente, a Xunta vén de publicar unha nova convocatoria destas achegas para mozos e plans de mellora, dotada con 53 millóns de euros -a de maior orzamento desde 2018- e cun prazo de presentación de solicitudes que estará aberto ata o vindeiro día 9 de abril.

A titular de Medio Rural engadiu que con esta nova convocatoria búscase favorecer a incorporación non só dos novos solicitantes, senón tamén daquelas persoas que pediran a achega na anterior convocatoria. Desta forma, os mozos que pediron a axuda no 2025 non terán que presentar unha nova solicitude e garántenselles as mesma condicións que cando a presentaron.

Hortalizas R. López SL

Sobre a empresa hortícola visitada onte, Gómez resaltou a súa colaboración para formar a novos emprendedores no campo e puxo de relevo os seus máis de 30 anos de actividade e o feito de contar cunha hectárea de cultivo baixo invernadoiro en produción ecolóxica, así como de desempeñar un papel relevante como centro loxístico de produtos da horta para Eroski, no ámbito de Galicia e Asturias. Deste xeito, chegan a coordinar a produción e comercialización duns 30 horticultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información