Visita a Aira da conselleira do Medio Rural

María José Gómez lembrou a importancia do asociacionismo “como compoñente esencial nunha agricultura competitiva, sustentable e orientada ao mercado global”

Visita a Aira da conselleira do Medio Rural

Gómez acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e diferentes membros da directiva de Aira. / Cedida

A cooperativa Aira recibiu a visita da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen destacou da entidade que é un “referente do rural galego”, ao agrupar preto de 3.000 agricultores e gandeiros de máis de 90 concello. A conselleira reafirmou na sede de Taboada de Aira o apoio do Goberno ao cooperativismo agraria, cunha clara aposta polo asociacionismo “como compoñente esencial nunha agricultura competitiva, sustentable e orientada ao mercado global”.

Durante a visita, Gómez salientou a relevancia e o alcance das achegas da Xunta de Galicia para o fomento da utilización de instalacións, equipamentos e de maquinaria agrícola en cooperativas, unha liña de financiamento que desde 2016 suma máis de 47 millóns de euros, dos cales máis de 8 millóns corresponden ás convocatorias de 2024.

Tamén sinalou que as cooperativas contribúen moi positivamente á continua modernización do sector agrario galego e á súa progresiva adaptación a un mercado cada vez máis amplo, diverso e esixente. Ademais, engadiu que as cooperativas supoñen unha ferramenta de gran potencialidade para a reestruturación e a modernización do rural, xa que se trata de entidades que interveñen en todos os seus factores de produción e axudan a acadar obxectivos de sustentabilidade económica e medioambiental.

Finalidade das axudas
Os obxectivos das axudas para o fomento do uso de equipamentos en común en cooperativas do agro son amplos, pois buscan mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias, sinalou a conselleira do Medio Rural. “Son ferramentas acaídas para facilitar a reestruturación e modernización destas entidades, co fin de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a prol da diversificación agrícola”. Outra das finalidades pretendidas, dixo, é a de avanzar na redución das emisións dos gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

Respecto das axudas para maquinaria, a súa finalidade é impulsar o seu uso en réxime asociativo para potenciar a introdución de novas tecnoloxías, racionalizar os custes de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético na procura dunha mellor calidade de vida no medio rural.

A maiores, Gómez animou aos produtores a apostar tamén polo modelo cooperativo como mellor fórmula para garantir a sustentabilidade do rural galego. Asímesmo, puxo en valor o traballo que desenvolven entidades como Aira, que agrupa cerca de 3.000 agricultores e gandeiros socios, repartidos en máis de 90 concellos galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información