A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) imparte estes días un novo curso de xuíces, que este ano acada a súa décimo sexta edición, coa participación de vinte gandeiras e gandeiros. As clases, que comezaron este xoves na granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, serviron para estudar as características da Raza Rubia Galega e para saber como se deben calificar os animais, unha vez valorados.
Nesta nova edición hai alumnos das catro provincias galegas, aínda que destaca a representación de ata catro gandeiros e gandeiras chegados de Rodeiro, en Pontevedra. Tamén hai criadores das provincias de Ourense, A Coruña e, en maior número, da de Lugo, coa asistencia de titulares de explotacións no Corgo, Lugo, Sarria, Vilalba, Paradela e Láncara. Curiosamente este ano, entre os alumnos figura un gandeiro de Santa Cruz de Tenerife. A raza autóctona de vacún de carne das Illas Canarias, a Palmera, está catalogada como raza de protección especial, e garda moitas semellenzas coa rubia galega.
Na primeira xornada abordaron os aspectos nos que se deben centrar para realizar a calificación liñal do gando vacún de carne, tanto no que atinxe á teoria como na práctica, que realizaron no centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, cos animais que forman o rebaño de élite desta raza. Na xornada de hoxe farán as prácticas de valoración dos animais en granxas colaboradoras do libro xenealóxico da raza, para o que se trasladaron a unha explotación de Outeiro de Rei.
Unha vez completen os exames e pasen as probas iniciais de calificación dos animais, os alumnos farán fronte á derradeira proba para obter ese diploma que lles acredita para valorar e calificar aos animais, coidando ao máximo que cumpran coas características que definen o prototipo racial da rubia gallega. Neste curso, uns once alumnos optan a obter o título de xuíz amateur; tres o de xuíz auxiliar e outros catro o certificado de xuíz principal.