A XIV Edición do Túnel do Viño, organizada polo Consello Regulador, segue sumando seguidores, crecendo cada nova edición e converténdose nunha das actividades con maior proxección da Festa do Viño Albariño Rías Baixas de Cambados cunha participación de 1.200 persoas. Tanto é así que as sesións do venres pola tarde e do sábado pola mañá colgaron o cartel de cheo.
Consumidores e profesionais tiveron unha nova oportunidade de gozar dalgunhas das 190 marcas das 80 adegas participantes no Salón de Congresos e Exposicións José Peña, entre o xoves 31 de xullo e o sábado 2 de agosto. Éxito total tamén foi o recentemente estreado Wine Bar, un espazo no que catar as anadas máis antigas, así como espumosos de calidade Rías Baixas, e que centrou a atención dos participantes nesta edición do túnel
A directora do Departamento de Marketing, Eva Mínguez, mostrou novamente a súa satisfacción pola resposta positiva do público e do sector nesta actividade: “vemos como cada nova edición o Túnel do Viño incrementa tanto o número de participantes como de marcas e adegas. Por iso estamos moi satisfeitos coa traxectoria desta cita, que aínda ten unha maior proxección futura”. Os participantes puxeron en valor a posibilidade de catar a anada 2024, cualificada como “Excelente”, e que pasa á historia da máxima cualificación. Pero tamén valoraron moi positivamente todas as anadas anteriores, destacando aquelas máis antigas como 2012, 2015, 2016 e 2017, por citar algunhas. Non faltaron elaboracións especiais, viños con crianza, tintos e unha ampla variedade de Espumosos de Calidade.
XXXVII Cata Concurso Rías Baixas Albariño
Outro dos momentos máis destacados do domingo foron os premiados na XXXVII Cata Concurso Rías Baixas Albariño na que se elixiu o mellor albariño Rías Baixas da Anada 2024. A Medalla de Ouro recaeu en Mar de Ons (de Adegas Aguiuncho), mentres que a de Prata foi para Pazo Cilleiro (de Adegas Pazo Cilleiro) e a de Bronce para Lagar de Costa (de Lagar de Costa).
Nesta trixésimo sétima edición da Cata Concurso participaron un total de 52 marcas de Albariño Rías Baixas da anada 2024. Estas foron analizadas por 24 expertos catadores.
Os catadores coincidiron coa cualificación da Anada 2024 como “Excelente”, e tamén na dificultade da Cata Derradeira para elixir os viños premiados. Como dixo Alberto Ruffoni, xornalista de Logroño especializado en viños e gastronomía: “os últimos doce notouse que filtramos moi ben os viños cun maior nivel de calidade. Houbo un nivel de calidade moi alto”.
Galego









Control OJD