Máis de 250 persoas déronse cita esta pasadada tarde no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, para gozar dunha divertida gala conducida polo dúo cómico Sobria y Serena, formado por Arantxa Treus e Jazmin Abuin, e arroupar aos galardoados cos Premios D.O. Ribeiro na súa 14 edición. Uns galardóns cos que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro quere recoñecer “o esforzo, a paixón e o compromiso cos nosos viños”, tal e como lembrou a presidenta, Concha Iglesias, quen aproveitou a súa intervención para repasar o acontecido no último ano.
Así, Iglesias falou da dificultade do abandono das terras e a falta de substitución xeracional, a baixada xeral do consumo de viño, os aranceis e as pragas, pero tamén do programa de dixitalización de parcelas do Ribeiro, pioneiro en Galicia; das medidas tomadas para adaptar produción nas superficies segundo o marco de plantación, ou da nova campaña de promoción do Ribeiro, que empezará a difundirse a próxima semana e na que, adiantou, “apostamos pola nosa variedade reina, a treixadura, que é o 75% das castes brancas”.
Ademais, a presidenta lembrou os numerosos galardóns recibidos polos viños do Ribeiro durante todo o ano, tanto en concursos nacionais como internacionais, “o que demostra que imos polo bo camiño”, dixo, e aproveitou a súa intervención para agradecer o labor dos membros do Pleno e moi especialmente, do equipo do C.R.D.O., así como o apoio da Administración e as institucións.
Pero sobre todo, a presidenta do Consello Regulador agradeceu a colaboración dos premiados, xa que tal e como sinalou “os éxitos do Ribeiro non serían posibles sen aqueles que traballan cada día nos viñedos, a adega, a mesa e coas palabras”.
“Por iso”, engadiu, “hoxe queremos render homenaxe a quen co seu traballo diario defenden e dignifican os nosos viños difundindo as súas excelencias polo mundo”, dedicando unhas emotivas palabras a cada un dos premiados, auténticos protagonistas da gala.
Así, durante a cerimonia recibiron premios os responsables dos tres locais de hostalería distinguidos este ano, Portovello, como Mellor Taberna – Bar de Viños; Xadigal, como Mellor Vinoteca – Tenda Especializada, e Amaragotas, co Premio Mellor Servizo de Viño en Restaurante, aos que lle seguiu a revista dixital especializada en viños Vinetur, “pola súa mirada rigorosa e profesional”, que recibiu o premio Mellor Tarefa de Comunicación, e a Fundación Expourense, galardoada co ‘Premio Ribeiro en Nós’ por ser “un lugar de encontro e diálogo que permite mostrar as referencias da Denominación de Orixe”.
Na gala tamén se rendeu homenaxe á viticultora e colleiteira Elisa Collarte, Premio ‘Vida entre Vides’, “polo seu labor de toda a vida e polo legado que deixa na súa adega”, e a Maribé Revilla, Premio ‘Muller e Viño’, “pioneira no sector da distribución, pola súa valentía e a súa fe nos viños de Galicia e no Ribeiro”. Especialmente destacado foi o Premio de Honra á Academia Galega do Audiovisual, que recolleu no seu nome Javi Lopa, produtor cinematográfico e membro da xunta directiva, quen agradeceu este premio recibido con “orgullo, responsabilidade e emoción”.
“Un recoñecemento”, dixo, “que nace dunha das máis antigas e prestixiosas denominacións vitivinícolas de Europa e que ten para nós un significado especial porque vén do corazón do territorio”, afirmando sentirse “moi identificados” coa entidade “na forma de entender a cultura como unha forma de coidar o que somos, de celebrar o que nos une e de proxectar ao mundo a nosa identidade”.
Ambas buscan, explicou Lopa, “capturar a esencia dun pobo, transformar a memoria en narración e crear comunidade a través da emoción”.
VIÑOS GAÑADORES
Pero sen dúbida, entre os momentos máis emocionantes vividos na gala e que espertaron máis aplausos figura a entrega dos premios aos viños gañadores da cata oficial, e que este ano foron para para ‘Colección 68 2024’ de Viña Costeira, S.C.G., na categoría de Mellor Viño Branco Adegas; ‘Catro Ferrados 2024’ de José Varela Aguado, na de Mellor Viño Branco de Colleiteiros; ‘Cunqueiro Mencía 2023’ de Bodegas Cunqueiro S.L., na de Mellor Viño Tinto Adegas, e ‘Outeiro da Barra As Regadas 2024’ de Fernando Cibeira Estévez como Mellor Viño Tinto de Colleiteiros.
A cerimonia, que finalizou co tradicional brinde polo Ribeiro e un cóctel, contou coa presenza de numerosos invitados, entre os que non faltaron a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; o presidente da Deputación de Ourense Luis Menor, e varios alcaldes.
A conselleira de Medio Rural incidiu no compromiso da Xunta co sector do viño lembrando que só neste ano o seu departamento destina “máis de 10 millóns de euros en axudas á reestruturación e reconversión dos viñedos, a impulsar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e á promoción do viño galego en mercados internacionais”.
Ademáis, Gómez puxo en valor a Estratexia sectorial, elaborada polo Goberno galego da man do propio sector, para “impulsar o inmenso potencial económico, cultural e turístico deste produto”.
Neste contexto, a conselleira comprometeuse a “seguir traballando nesta mesma liña”, en colaboración coas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, “na promoción, ampliación e diversificación de mercados”, diante dun contexto internacional que, tal e como sinalou, “convídanos, cada día máis, a afianzar esta vía”.