“Viños con Memoria”, unha volta á viticultura máis apegada ó natural

Iria Otero elabora viños de autora de distintas zonas de Galicia respectando os tempos, variedades e os materiais empregados antano, como o formigón ou o castiñeiro. O resultado son viños moi apreciados tanto fóra das nosas fronteiras como na restauración

Publicidade
“Viños con Memoria”, unha volta á viticultura máis apegada ó natural

A viticultora Iria Otero nun dos viñedos.

Iria Otero chegou ó mundo do viño “sen tradición familiar, nin adega” pero iso non a freou e hoxe os seus Viños con Memoria, son coñecidos xa fóra das nosas fronteiras. Aposta por unha viticultura apegada ó pasado e á tradición para lograr viños de variedades con carácter, traballadas á man e sen apenas modificacións.

“Tentamos volver un pouco ó pasado, ó xeito máis tradicional de elaborar os viños de cada zona”

Esta viticultora asentada en pleno Ribeiro dende hai algo máis dun ano e medio, comezou a aproximarse ó mundo do viño hai case 20 anos. Logo de estudar Farmacia, decidiu apostar pola enoloxía e no 2004 licenciouse como enóloga na Rioxa, dende aquela “xa non me desvencellei do sector”, comenta.

Iria estivo primeiro traballando en adegas na Rioxa, para despois regresar a Galicia para realizar a tese doutoral e comezar a traballar en adegas galegas. Foi no 2015 cando deu o paso de iniciar un proxecto persoal: Viños con Memoria. “Son viños nos que tentamos volver un pouco ó pasado, ó xeito máis tradicional de elaborar os viños de cada zona”, indica.

“No viñedo traballamos todo á man, sen herbicidas, que dá mellor calidade de uva, aínda que sexa máis custoso e laborioso”

Unha das máximas que impera tanto nos viñedos como na adega é a de procurar procesos que alteren o menos posible a produción da uva e tamén dos viños. Así, recollen uvas de parcelas antigas, que estaban quedando en desuso ó non poder mecanizalas. “No viñedo traballamos todo á man, sen herbicidas e optando por unha viticultura tradicional que para nós é a que dá mellor calidade de uva, aínda que sexa máis custosa e laboriosa”, concreta a viticultora.

O mesmo acontece na adega, Iria apunta que busca elaborar viños sen moita intervención, onde priman as longas crianzas que axudan a conseguir bos resultados sen recorrer a engadidos.

Iria-Otero-Vinos-con-Memoria-vide-ribeiro__

Unha das parcelas do Ribeiro coas que elabora os seus viños.

Tres zonas de produción

Viños con Memoria reúne tres proxectos diferenciados nunha mesma filosofía de traballo, posto que ten colleitas de tres zonas distintas de produción de uva. Por unha banda, conta con vides nas Rías Baixas. Trátase de 3 parcelas doutros tantos viticultores que traballan dun xeito sostible, case sen intervención e con pequenos rendementos. Procesa uns 9.000 quilos de uva Albariño co que elabora, nunha adega alugada de Ribadumia, unhas 5.000 botellas do seu viño Sacabeira.

Os seus viños proceden de viñedos das Rías Baixas, a Ribeira Sacra e o Ribeiro

Cunha produción máis reducida, que apenas chega ás 700 botellas, Iria inclúe entre os seus Viños con Memoria, dous viños elaborados na Ribeira Sacra e comercializados como 4 Muras. Proceden de dúas pequenas parcelas, unha en propiedade e outra dun amigo, que á par de cederlle a produción da finca, tamén lle permite elaborar o viño na adega.

Iria-Otero-Vinos-con-Memoria-treixadura-ribeiro

Uvas de Treixadura do Ribeiro.

Dende que se asentaron en Leiro (Ourense), dispoñen dunha adega propia. “Mercamos unha adega de colleiteiro, que está no baixo da casa. Restauramos ambas e trasladámonos dende Vigo a vivir aquí”, explica Iria. A primeira colleita no Ribeiro fixérona no 2018 procedente de parcelas que traballan directamente e complementada con outras uvas de produtores cun xeito de entender a viticultura semellante. A súa produción total nas tres zonas ronda as 10.000 botellas.

“A excepción do viño das Rías Baixas, onde quixen que fose só Albariño, ó estar feito no Salnés, o resto dos viños que elaboro nas outras zonas son todo mesturas de castes locais”, concreta a enóloga. Deste xeito, nos brancos do Ribeiro abondan Treixadura, Godello, Loureira, Torrontés ou Albariño. No caso dos tintos, hai Caíño, Sousón ou Brancellao. Mentres, na Ribeira Sacra combina Mencía, Brancellao e Mouratón.

Os viños que elabora na Ribeira Sacra e no Ribeiro son mesturas de castes locais

Ó recuperar viñedos antigos, está atopando tamén variedades menos valoradas como o Palomino, que están enxertando e que usan para elaborar un viño específico que non comercializan. Mentres, outras como a Garnacha Tintureira, optan por incorporala ós seus viños. No caso dos elaborados na Ribeira Sacra empregan un 10% destas uvas e nos viños do Ribeiro inclúen tódalas uvas que teña a parcela. “Son viñas ben adaptadas que nos permiten facer viños frescos”, concreta Iria.

Iria-Otero-Vinos-con-Memoria-garbellotto-brutalconcrete-ribeiro

Emprega barricas de madeira de castiñeiro ou depósitos de formigón.

Recuperar materiais e procedementos

Nos seus viños, Iria opta por crianzas longas onde os seus viños tardan alomenos 2 anos en saír ó mercado. Así, por exemplo, neste 2020 comercializará o Albariño Sacabeira que elabora nas Rías Baixas, en depósitos de aceiro inoxidable, e que permanece un ano de crianza e 10 meses en botella.

 Ás veces tamén opta por empregar outros recursos máis recentes, como a neve carbónica, para conseguir baixarlle a temperatura e a maceración.

Ás veces, utiliza outros recursos máis recentes, como a neve carbónica, para conseguir baixarlle a temperatura e a maceración.

“As parcelas que emprego para a elaboración deste Albariño teñen unha capacidade de acidez moi alta, polo que con ese ano de crianza consigo que se equilibre ese frescor, esa acidez, coa estrutura do viño, posto que para este viño non fago unha segunda fermentación”, detalla a enóloga.

Ademais, está procurando empregar materiais moi usados hai anos na viticultura e que foron caendo en desuso, como o formigón ou algúns tipos de madeira. “Tradicionalmente no século XX no Ribeiro boa parte das adegas usaban formigón, que cada vez se está empregando menos”, indica Iria.

Por iso, dous dos viños que elabora no Ribeiro, e que comercializa baixo o nome de Seara, están elaborados en barricas de formigón. “Nós queriamos usalo de novo. Ademais, na Rioxa tamén teño traballado moito con este material e paréceme que ofrece moitas posibilidades para facer viños frescos”, comenta a experta.

Á par do formigón, no Ribeiro tamén utiliza madeiras cunha fonda tradición nesta zona como é a de castiñeiro. “A dificultade que ten traballar a madeira de carballo para facer as pipas fixo que, durante moitos anos, nas casas máis humildes se empregase o castiñeiro e quixen volver empregalo tamén nos meus viños”.

Iria opta por crianzas longas onde os seus viños tardan alomenos 2 anos en saír ó mercado

De feito, decidiu comprobar o aporte que lle proporciona ó viño esta madeira realizando en barrica de carballo e de castiñeiro dous viños brancos das parcelas de colleita propia a base de Treixadura e Loureira. “O castiñeiro é unha madeira que me gusta moito para as variedades de aquí. É máis brava e consegue ofrecerlle unha maior rusticidade ó viño”, explica.

Algúns dos viños que elabora Iria Otero.

Algúns dos viños que elabora con viñedos de tres denominacións de orixe diferentes.

Viños para a exportación

Os seus viños están orientados a un público especializado que se centra na restauración e nas tendas gourmet. Case a metade da súa produción está destinada á exportación e EE.UU. é un dos principais destinos. Porén, a medida do goberno de Trump de gravar cun imposto adicional dun 25% a entrada de viños no país dende o verán estalles á afectar de xeito notable. Este ano, o volume de ventas a este país caeu un 10%. “Pode parecer unha cantidade pequena, pero nas proporcións que nós nos movemos está a ser unha cuestión moi importante”, apunta a emprendedora. Outros dos destinos internacionais para estes viños están a ser países como Australia, Alemaña ou Dinamarca.

Víronse afectados polo imposto adicional de EE.UU. ós viños españois, o que reduciu nun 10% as exportacións a este país

Este ano verán a luz tres novos viños elaborados no Ribeiro, trátase de dous brancos e un tinto que comercializará baixo os nomes de Bubela, Teixugo e Esquío. Os nomes son tamén unha marca de indentidade, xa que están vinculados á zona de produción e teñen moito que ver coa súa parella, Miguel, que é biólogo e que está agora volcado de cheo no coidado dos viñedos. “Son todos nomes de animais que fomos vendo no Ribeiro. O caso do Teixugo mesmo dicían que había moito que non se vían por esta zona e nós tivémolo onda a casa”, recorda Otero.

Xunto cos novos viños, Iria ten en mente tamén abrirse paso cara outros ámbitos como o enoturismo, unha idea que xa valoraba ó comezo deste proxecto. “Ás veces queres facer moitas cousas ó mesmo tempo e non es quen de centrarte”, comenta.

Precisamente, este é un dos aspectos que máis valora da formación que recibiu ó participar no programa de apoio a empresas agroalimentarias para emprendedores da Fundación Juana de Vega. “Sentes que non estás só nesta andaina profesional e axudáronme a centrarme e a desbotar o que non era positivo para botar a andar o proxecto”, apunta.

Para esta vitivinicultora a formación foi e segue sendo clave. “Aínda que poida parecer que nese momento non che vai servir, todo o que te formes vaiche servir ó longo da túa traxectoria”, ratifica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información