Viniot, un novo servizo tecnolóxico de monitorización dos viñedos

Desenvolven un sistema de recollida de datos e análises para proporcionar máis información de calidade ao viticultor sobre o estado do viñedo. Coñecemos os detalles deste proxecto de viticultura de precisión

Publicidade
Viniot, un novo servizo tecnolóxico de monitorización dos viñedos

Red de sensores IoT establecidos nunha parcela da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

A monitorización do viñedo para coñecer o estado das cepas ou as uvas dunha forma fiable e poder mellorar a toma de decisións é un dos retos nos que está inmerso o sector da viticultura. Do mesmo xeito que noutros sectores agrarios, están a probarse diferentes tecnoloxías que lanzan resultados satisfactorios, pero o reto é que ademais estes terminen sendo unha solución alcanzable e utilizada polos viticultores e adegas, ao presentar melloras no seu día a día.

Neste camiño cara á viticultura de precisión, o proxecto Viniot foi un paso máis aló e buscou fusionar nunha mesma solución dúas tecnoloxías innovadoras que xa se estaban utilizando de forma independente na monitorización do viñedo: imaxes multiespectrales e sensorización do terreo.

“Aproveitando as principais fortalezas de ambas tecnoloxías deseñamos un sistema a partir dunha arquitectura de IoT que permita valorar parámetros de interese vitícola e a recollida de datos a escala precisa (nivel de uva, planta, parcela ou viñedo)”, apuntan os impulsores do proxecto.

Combinando ambas tecnoloxías procuran un sistema que realmente ofreza información ao viticultor sobre o estado do viñedo. “Desenvolvemos un sistema para recoller datos no viñedo e que modele eses datos que son importantes para o viticultor”, explica Julio Illade, técnico de Aimen, un dos socios do proxecto.

“Buscabamos colaborar na dixitalización do sector, pensando especialmente nas pequenas adegas, que teñen maiores dificultades para acceder a esta tecnoloxía”

“Viniot é un servizo pensado sobre todo para as pequenas adegas, que teñen máis dificultades para acceder e coñecer este tipo de tecnoloxía. Con este proxecto búscase colaborar na dixitalización do sector”, explica Rocío Pena, da firma Aimen e coordinadora do proxecto.

Observar o viñedo

Viniot traballou cunha máxima da viticultura tradicional: observar o viñedo. Así, unha parte fundamental deste proxecto foi a monitorización do viñedo. “Sensorizamos o sistema de produción, procesamos os datos para obter información de alto nivel para saber en todo momento o estado do viñedo”, explica Illade.

Para logralo botaron man de distintas ferramentas. Unha destas tecnoloxías foron as redes de sensores inalámbricos IoT no viñedo, un sistema máis barato que outras alternativas e que lles ofreceu información sobre o estado e evolución das plantas. Estes sensores están alimentados cun panel solar e permiten a toma de medidas puntuais ao longo de distintos períodos e en diferentes puntos do viñedo.

camara multiespectral _viniot

Prototipo da cámara multiespectral deseñada no marco do proxecto Viniot.

Xunto cos sensores, para a toma de información no viñedo desenvolveron unha cámara multiespectral para a captura de imaxes, un prototipo que é capaz mesmo de localizar acios de uvas nas imaxes. En concreto, a cámara recolle imaxes en 8 bandas espectrales seleccionadas. “Ao longo de 2 anos recollemos datos para correlacionalos cos parámetros que fosen máis interesantes para logo seleccionar as bandas que acheguen maior información”, detalla o investigador. Ademais a cámara multiespectral permite a xeolocalización da imaxe. Así, ao final da sesión de captura de datos, o algoritmo une as imaxes nunha única imaxe multiespectral.

Desenvolveron unha rede de sensores IoT e un prototipo dunha cámara multiespectral para monitorizar o viñedo en parámetros de interese como a madurez ou o risco de enfermidades

Tanto a cámara multiespectral como a rede de sensores IoT forman parte dun sistema multiespectral no que tamén se integra un sistema de gps para xeolocalizar as imaxes, así como receptores que recollen os datos da rede de sensores repartidos polo viñedo e un sistema para procesar a información, ademais dun sistema de almacenamento e alimentación.

Este sistema multiespectral permite elaborar mapas sobre a situación de viñedo, que desenvolveron como unha aplicación web. “O obxectivo é facer un mapa o máis preciso posible para que os viticultores poidan ter información sobre o estado do viñedo á hora de tomar decisións como a vendima, a aplicación de tratamentos fitosanitarios ou coñecer o estrés hídrico da planta”, detallan desde o consorcio Viniot.

Dispoñer de modelos fiables

Un dos maiores retos do proxecto foi dispoñer de modelos robustos e fiables que sirvan na toma de decisións do viticultor. Estiveron avaliando variables agronómicas de interese de forma non destrutiva a base de información multiespectral, centrándose en aspectos que preocupan aos viticultores como o estado fitosanitario dos viñedos, prestando atención a enfermidades como o mildio, onde traballaron coa variedade Albariño. Tamén buscaron detectar a flavescencia dourada, investigando con variedades tintas e brancas.

Lograron desenvolver modelos fiables en variedades concretas para avaliar o grao de madurez, pero buscan modelos que integren distintas variedades

Ademais, prestaron atención a outros factores como o estrés hídrico dos viñedos ou analizaron cuestións como a madurez para axudar na toma de decisións na vendima. “Nos primeiro anos conseguimos un modelo robusto en canto a madurez por variedade, pero seguimos traballando porque o noso obxectivo é lograr un modelo que poida integrar a distintas variedades”, explica Nicolás Saurin, investigador do Instituto Nacional de Investigación Agronómica de Francia (Inrae).

En canto a o estrés hídrico, lograron un modelo que integra xa diferentes variedades e tras realizar as primeiras probas en laboratorio en macetas, atópanse en plena fase de validación en planta.

viniot _Debate

Instante do debate celebrado en Santiago durante a xornada final de presentación do proxecto.

 

Os socios e beneficiarios de Vinot

O proxecto, que acaba de presentar os seus resultados finais, supuxo 3 anos de traballo no que participaron 8 socios dos ámbitos da investigación, tecnoloxía e transferencia procedentes do sur de Francia, España e Portugal.

En concreto, forman parte do consorcio que desenvolveu Viniot o Centro Tecnolóxico Aimen, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), a Agrupación industrial da Viña e do Viño (Advid) de Portugal, o goberno da Rioxa, o Instituto Nacional de Investigación Agronómica de Francia (Inrae), o Instituto francés da viña e o viño (IFV) e o Instituto Nacional de Investigacións de Ciencias e Tecnoloxía de Francia (Irstea). Ademais, tiveron a colaboración de 11 asociados do sector do viño, incluíndo adegas ou consellos reguladores.

Viniot_Jornadas de difusión

Sesión de divulgación das investigacións realizada con profesionais do sector na Evega.

No marco do proxecto Viniot tamén realizaron diferentes iniciativas para compartir co sector os avances na monitorizacion do viñedo que foron logrando. Ademais, estableceron un Viniot Hub, un punto de encontro para todos os axentes relacionados co proxecto, pero que tamén está aberto a centros e empresas interesadas no servizo Vinot.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información