A vindeira semana comezan en Sergude e Monforte os cursos de formación económica para produtores de leite

A iniciativa persegue facilitar aos gandeiros ferramentas útiles no campo do control e da xestión de custos de cara ás negociacións sobre o prezo do leite, así como unha visión máis ampla no eido económico sobre a súa actividade

Contan cun cento de vacas en produción divididas en dous lotes: o do robot e o da sala

O momento actual de incremento de custos de produción obriga a axustar os parámetros económicos das ganderías

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten programados para a comezar a semana vindeira dous novos cursos titulados Gandeiros 20-30, impulsando as competencias empresarias nas explotacións gandeiras, no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.

Así, a que sería a cuarta edición desta iniciativa está previsto que comece o mércores 3 de novembro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, mentres a quinta edición se fixou dende o xoves 4 no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos.

Ambos cursos perseguen, en primeiro lugar, facilitar aos participantes coñecemento e ferramentas útiles no campo do control e xestión de custos. Trátase, tamén, de facilitarlles unha visión e un potencial máis amplos no eido económico sobre a súa actividade gandeira e identificar proxectos conxuntos ou individuais que poidan ser susceptibles de apoio posterior por parte da Xunta.

Optimización da xestión económica da explotación

En total, o curso contempla seis módulos, que se desenvolverán noutras tantas sesións, en horario de 9:30 a 14:30 horas. O programa da acción formativa aborda cuestións como a xestión integral do negocio na explotación gandeira, o control de custos a través do manexo da aplicación Conta Láctea e a elaboración de orzamentos, a optimización da xestión fiscal das explotacións, a innovación, o desenvolvemento de habilidades de negociación e os instrumentos financeiros para o crecemento e o desenvolvemento dos gandeiros, como empresarios que son.

Así, con respecto á xestión do negocio, darase formación sobre temáticas como a cadea de valor láctea, a produción, a importación, a exportación e o consumo ou a evolución nos formatos máis demandados polo mercado. No que atinxe ao control de custos, avaliaranse tanto os propios da produción de leite ou carne como os derivados dos cultivos, así como os indicadores máis relevantes nunha explotación gandeira. En relación coa xestión fiscal, abordaranse cuestións coma os impostos de sociedades, sobre a renda ou sobre o valor engadido, así como o réxime xeral, simplificado e especial da agricultura, a gandaría e a pesca.

Negociación dos contratos lácteos

O módulo relacionado coa innovación contempla a formación partindo da distribución, da orixe, da calidade, da trazabilidade e tamén orientada cara ao consumidor. Así, formarase aos gandeiros en aspectos como os formatos, os sabores, a saúde e tamén en materia de cooperación para a innovación. No que ten que ver coas habilidades para a negociación dos contratos lácteos, o curso orientará aos gandeiros sobre o mellor xeito de afrontar estes procesos nas súas diferentes etapas e tamén sobre o seguimento da negociación, a xestión de concesións ou o peche da oferta. Este módulo está especialmente pensado para dotar aos participantes de ferramentas útiles na súa negociación sobre os prezos do leite cos compradores e a industria.

Por último, no que respecta aos instrumentos financeiros, esta acción facilitará aos gandeiros ferramentas para a procura de alternativas financeiras a curto e longo prazo, así como información sobre instrumentos de financiamento específicos para cooperativas e plataformas para a captación de fondos.

Inscricións

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

O plan de accións formativas e de transferencia da Consellería do Medio Rural para este ano 2021 pode consultarse no seguinte enlace, onde tamén se poden descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que no caso destes dous cursos deben ser remitidas cubertas ao enderezo electrónico agacal@xunta.gal. As persoas que precisen consultar calquera dúbida poden chamar ao teléfono 881997276.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información