As viñas galegas encaran unha vendima temperá e cun bo estado sanitario

Areeiro prevé que a recollida da uva albariña poida comezar antes da última semana de agosto, aínda que alerta do risco de mildio, botrite e golpes de sol nalgúns predios

Publicidade
As viñas galegas encaran unha vendima temperá e cun bo estado sanitario

As viñas galegas afrontan a recta final da campaña cun estado sanitario xeral “excelente” e coa previsión dunha vendima especialmente abundante e temperá. Así o recolle o último boletín fitosanitario da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que apunta incluso á posibilidade de que a recollida da uva comece antes da última semana deste mes.

A evolución meteorolóxica explica en boa medida este adianto. A precipitación rexistrada a comezos da semana foi moi escasa e as previsións apuntan a un período estable, soleado e con temperaturas moi elevadas. O escenario xeral é favorable, pero non está exento de riscos.

O mildio continúa presente nalgunhas parcelas, especialmente nas menos ventiladas ou con exceso de vexetación. As horas de humidade foliar e as temperaturas mínimas elevadas favoreceron a aparición de novos síntomas nas follas novas e nalgúns gromos terminais. Ademais, tras as últimas choivas incrementouse notablemente a presenza de esporanxios: no captador de Areeiro chegaron a contabilizarse 2.290 por metro cadrado o martes 5 de agosto, sete veces máis que o día anterior.

Con todo, a proximidade da vendima fai que o impacto potencial do mildio sexa máis limitado. A maior parte das viñas conserva suficiente follaxe viable para manter a fotosíntese e permitir que a uva continúe madurando e acumulando azucres. A atención debe centrarse especialmente nas plantas debilitadas ou con pouca folla e nas variedades máis tardías.

No caso do oídio, as observacións son tranquilizadoras. Areeiro apenas detectou un micelio moi lixeiro nunha parcela do Salnés e non observou síntomas nas demais viñas visitadas, nin sequera nas variedades máis sensibles. Aínda así, as condicións meteorolóxicas seguen sendo compatibles co desenvolvemento do fungo, polo que se recomenda manter a ventilación das plantas e facilitar a entrada de luz, evitando ao mesmo tempo unha exposición excesiva dos acios ao sol máis intenso.

Ante a flavescencia dourada Areeiro non recomenda novos tratamentos insecticidas, pero si a instalación de trampas amarelas e, sobre todo, o arranque e destrución das cepas afectadas ou sospeitosas

Tamén a botrite presenta unha situación xeralmente boa. A súa presenza é puntual, mesmo nos acios de variedades sensibles, aínda que o fungo continúa presente no ambiente e xa se localizaron algúns acios afectados. A previsión de posibles choivas durante a fin de semana e a combinación de humidade foliar e temperaturas elevadas obrigan a manter a vixilancia e favorecer a circulación do aire arredor dos acios.

As avelaíñas do acio tampouco representan neste momento unha ameaza relevante. Nas trampas das parcelas de seguimento só se capturaron entre un e cinco machos de Lobesia botrana, mentres que os danos por eirugas foron moi escasos.

Unha das principais chamadas á atención corresponde á flavescencia dourada. Nas zonas demarcadas de Pontevedra e Ourense continúa sendo fundamental combinar medidas culturais coa loita contra o insecto vector Scaphoideus titanus. Coa vendima xa próxima, Areeiro non recomenda novos tratamentos insecticidas, pero si a instalación de trampas amarelas e, sobre todo, o arranque e destrución das cepas afectadas ou sospeitosas.

Entre os demais problemas observados figuran síntomas puntuais de trips, acariose e erinose, ademais de golpes de sol nos acios expostos, estrés hídrico en plantas débiles e enfermidades da madeira, presentes en case todos os predios revisados.

Así, as viñas galegas chegan ao momento decisivo da campaña cun balance sanitario positivo, pero coa necesidade de manter a vixilancia ata a vendima. O principal reto agora será protexer a uva nas últimas semanas e chegar á colleita cunha froita sa e cunha maduración que, segundo as previsións de Areeiro, podería adiantarse notablemente este ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información