A adega Triay é a culminación dunha tradición familiar de coidado do viñedo e de elaboración de viños que se remonta varias xeracións. Puri García, que creou a adega conxuntamente co seu marido, Antonio Triay, fala dunha historia de emocións e paixón. “O mundo do viñedo e do viño é algo que vivín desde pequena e que marca. Ves esa loita constante de teus pais, esa forma de vivir, que se o coidado dunha viña, que se a atención a un cliente, a elaboración do viño… Lévalo moito nas emocións e a min é un sector que me tira”, conta Puri García.
Os seus pais, Isaac García e Obdulia Domínguez, adicaron toda a vida á viticultura. Cultivaban algo máis de oito hectáreas en fincas tradicionais, con mestura de variedades autóctonas e cepas antigas que chegaban a superar o século de vida. A colleita transformábase daquela en viño a granel. O obxectivo era entón producir todo o viño posible, aínda que xa coidando a calidade, pois o mercado comezaba a demandar o viño de variedades nobres, como godello e treixadura en brancos e mencía en tintos.
Cando Puri García e Antonio Triay decidiron crear a adega para embotellar o seu propio viño, remataron o traballo de reconversión dos viñedos cara as variedades godello e mencía, principalmente, e comezaron a manexar a viña para limitar o seu rendemento produtivo.
En lugar de cantidade de uva, buscaron a calidade. “É un traballo que fas na poda. Limitas o número de varas a fin de lograr unha uva que reciba máis alimento da planta” -explica Puri.- “Cando o meu pai viu iso por primeira vez, pensaba que estabamos facendo algo equivocado porque na súa época o que importaba era o volume, pero logo deuse de conta de que iamos no camiño correcto”.
Parte das viñas de godello de Triay corresponden ó que se coñece en Monterrei como verdello, unha variedade local de godello caracterizada por bagos máis pequenos e por un sabor particular. “Lembro cando se enxertou esa viña -conta Puri-. Custou sacala adiante porque non tódolos enxertos van adiante á primeira, pero finalmente consolidamos ese viñedo, que nos aporta elementos diferenciais”.
En Triay, o traballo na viña é algo que lles apasiona. “Eu vivino desde sempre, pero ao meu marido, que nunca se adicara ó viño, é algo que tamén lle encanta”, apunta Puri. A adega manexa na actualidade arredor de catro hectáreas de viñas e mércalle tamén pequenas cantidades a produtores de confianza do entorno, que seguen a mesma liña de traballo de Triay.
Viños
A empresa elabora dous monovarietais baixo a marca Triay, un godello, que incorpora pequenas aportacións de treixadura, e un mencía. Do godello elaboran un ano normal unhas 32.000 botellas e outras 9.000 de mencía.
Esta campaña, a produción será inferior á metade polo efecto das xeadas tardías de primavera, que limitaron a produción. “Cando vimos os efectos da xeada pensamos en non coller nada e incluso tiñamos medo de que secaran as cepas, pero a viña volveu agromar e aínda que collemos menos uvas e pequerrechas, eran saborosas e de calidade”, destaca Puri.
O mercado da adega céntrase en Galicia e no resto de España, con vendas principalmente en toda a zona norte, Baleares e Madrid. Tamén exportan pequenas cantidades a Estados Unidos e Alemania.