Viña Costeira será a primeira cooperativa de Galicia cun seguro colectivo para os seus 600 viticultores

Publicidade
Viña Costeira será a primeira cooperativa de Galicia cun seguro colectivo para os seus 600 viticultores

Belén do Campo durante a reunión cos representantes de Viña Costeira

A cooperativa vitivinícola Viña Costeira será a primeira de Galicia e a quinta de España en subscribir un seguro colectivo para dar cobertura aos seus viticultores. Así llo anunciaron os seus responsables á directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, nunha recente xuntanza de traballo na que tamén participou un representante de Agroseguro. Esta iniciativa dará cobertura a uns 600 viticultores e amparará unha produción de 4,9 millóns de quilos de uva.

Por parte de Viña Costeira tomouse esta decisión co fin de dinamizar a súa produción e apoiar a fixación da poboación no rural, especialmente nunha denominación de orixe coma o Ribeiro na que preto do 50% dos seus viticultores son socios desta cooperativa. Tamén, para contribuír a unha maior profesionalización do sector e servir como exemplo para outras sociedades. E é que as inclemencias meteorolóxicas (xeadas, saraiba…) son un importante risco para a produción de uva e para a sustentabilidade económica dos viticultores, máxime se non contan coa produción asegurada, como sucede na gran maioría de Galicia.

A Xunta avalía fomentar as pólizas colectivas na próxima convocatoria de axudas

A directora xeral valorou o esforzo desta emblemática adega, situada en Ribadavia, para levar adiante esta iniciativa e converterse, así, nun verdadeiro modelo a seguir dentro do eido produtivo vitivinícola galego e español. Belén do Campo amosou o interese da Consellería do Medio Rural por fomentar que este exemplo teña eco noutros ámbitos, tanto dentro como fóra do sector do viño.

Neste sentido, a directora xeral avanzou que Medio Rural está avaliando a posibilidade de primar este tipo de pólizas colectivas na próxima convocatoria de axudas para fomentar a contratación de seguros e lembrou que a Xunta destinou en 2018 un total de cinco millóns de euros a esta finalidade, a cantidade máis elevada dos últimos anos.

Deste xeito, explicou do Campo, os beneficiarios destas achegas, no caso de contratar seguros colectivos, poderían chegar a recibir o máximo de subvención prevista, que se sitúa no 65% do custe da póliza, contabilizando tanto as axudas de Medio Rural como de Enesa, a Entidade Estatal de Seguros Agrarios.

Divulgación

Por último, a directora xeral recalcou que, para fomentar a contratación de seguros, Medio Rural non só apoia economicamente as pólizas, senón que tamén impulsa campañas de divulgación e faino da man do propio sector. Así, desenvolveu accións coas cinco denominacións de orixe de viños de Galicia, ofreceu tamén charlas sobre a pataca e o cereal, para o sector da flor e planta ornamental, así como para o vacún de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información