Viña Costeira, a cooperativa que apostou en firme polas castes autóctonas

A adega do Ribeiro foi unha das primeiras en recuperar as variedades galegas e agora atópase nunha etapa de expansión cara a mercados internacionais e elaboracións de viños especiais. Coñecemos a historia, evolución e os proxectos nos que está inmersa na actualidade

Publicidade
Viña Costeira, a cooperativa que apostou en firme polas castes autóctonas

Viñedos da adega Viña Costeira.

Hai máis de medio século daquela primeira reunión na que se congregaran máis de 1.500 viticultores do Ribeiro e que foi o xermolo do que hoxe é Viña Costeira, unha das cooperativas vitivinícolas máis antigas de Galicia e situada en Ribadavia (Ourense), no corazón do Ribeiro. “Aqueles primeiros pasos déronse no 1968 e os viticultores fixeron un gran esforzo, xa que durante moito tempo estiveron cedendo a súa uva para afrontar o proxecto da Cooperativa”, valora o presidente de Viña Costeira, Andrés Rodríguez Gómez, neto dun dos fundadores.

Outro dos fitos que marcaron á Cooperativa, forxando a súa identidade, foi a aposta decidida que fixeron nos anos 90 pola recuperación das variedades autóctonas no Ribeiro. “Foi a primeira cooperativa en buscar a recuperación destas castes, mesmo pagándolle a enxerta ós socios, xa que tiñan claro que era o camiño a percorrer”, indica Rodríguez.

Viña Costeira foi a primeira cooperativa en buscar a recuperación das variedades autóctonas, mesmo pagándolle a enxerta con estas castes ós socios

Hoxe Viña Costeira atópase nunha nova fase, desta volta mirando cara a internacionalización e a especialización, coa vista posta nos mercados exteriores e na elaboración de viños máis segmentados, de finca e especiais.

Viña Costeira_Ribadavia_

Instalacións de Viña Costeira en Ribadavia.

Formar parte da Cooperativa

A Cooperativa conta a día de hoxe aproximadamente con 450 socios ós que se suman uns 230 provedores, ós que lle levan mercando a uva durante moitos anos. Así, Viña Costeira abrangue unhas 340 hectáreas de viticultores do Ribeiro e outras 60 hectáreas plantadas e xestionadas directamente pola cooperativa e que se sitúan tanto no Ribeiro coma na Denominación de Orixe (DO) Valdeorras.

Á marxe de participar no beneficio que xere Viña Costeira, a Cooperativa tamén ofrece importantes vantaxes para os viticultores mediante servizos para o seu día a día nos viñedos e ante algúns dos retos que se lle presentan. “Sempre se garante un prezo digno pola súa uva, e nos últimos anos este prezo está mesmo por encima do medio pagado no mercado, ó ter un retorno cooperativo”, apunta.

A Cooperativa conta na actualidade cuns 450 socios e 230 provedores de xeito que abarcan unha superficie de viñedo dunhas 400 hectáreas

Ademais, Viña Costeira é a única cooperativa vitivinícola de España que ten conveniado o seguro para a colleita da uva. Contan tamén cun departamento de asesoramento de campo e dixitalizaron o caderno de campo de xeito que o viticultor ten acceso de forma dixital a toda a súa información, tanto do viñedo como dos temas vinculados coa Cooperativa. Ó mesmo tempo, a Cooperativa está a fomentar a formación ós viticultores.

Os viños de Viña Costeira

A aposta pola recuperación das variedades autóctonas motivou que a día de hoxe o 70% da superficie de viñedos de Viña Costeira sexan de Treixadura, ós que se lle suman outras castes coma o Godello, Albariño e Loureira. “Os viños do Ribeiro sempre se caracterizaron por esa combinación de variedades, nós seguimos nesa liña, pero a Treixadura predomina”, concreta.

Os buques insignia da Cooperativa son viños coma o Viña Costeira, sen dúbida o máis coñecido. Tamén destacan Colección 68 ou Amadeus, que acaban de renovar a súa etiqueta e que foi o primeiro viño elaborado con variedades autóctonas recuperadas.

viños_Viña Costeira

Algúns dos viños e licores elaborados por Viña Costeira.

Na aposta polos viños de finca contan tamén con Toubes, elaborado cos viñedos situados no Pazo de Toubes, onde acaban de abrir un restaurante que permite combinar enoloxía e gastronomía, un paso máis na inmersión no enoturismo que están a facer en dúas vertentes: ofrecendo por unha banda visitas máis didácticas e centradas nos métodos de elaboración dos viños e outra visita máis centrada no ocio, onde o percorrido céntrase máis nos viñedos e na adega de Pazo de Toubes, que data do s.XVIII.

Con todo, o enoturismo segue a representar unha parte minoritaria para do volume de negocio da Cooperativa. “A aposta polo enoturismo comezou no 2015 e hoxe representa pouco máis do 3% do volume de facturación, pero xa está sendo rendible en termos económicos e vémolo coma unha vía para fidelizar ó consumidor e axudarnos a reposicionar os nosos viños”, destaca Rodríguez.

Nos últimos anos, a Cooperativa puxo en marcha un proxecto en Valdeorras, no que cobran maior importancia os tintos e a maioría dos seus viñedos nesta de DO son de Mencía, aínda que tamén contan con parcelas de Godello de Valdeorras. “Para seguir avanzando na internacionalización dos viños de Viña Costeira precisabamos contar cunha carteira máis ampla de viños e por iso comezamos a traballar cos tintos e co Godello de Valdeorras”, explica o presidente.

Así, teñen tamén un Viña Costeira tinto. Agora atópanse a punto de dar un salto importante neste proxecto, xa que en breve dobrarán a capacidade produtiva da adega de Valdeorras, chegando a empregar os 400.000 litros de capacidade que ten a adega. “Cando o viñedo propio que fomos plantando comece a producir chegaremos á capacidade máxima da adega de Valdeorras, sen necesidade de acometer obras”, detalla.

depositos Viña Costeira

Instalacións da adega Viña Costeira.

Retos e proxectos da Cooperativa

Na actualidade, Viña Costeira está presente xa en 40 países, aínda que nalgúns deles as súas vendas son aínda moi testemuñais, polo que nestes momentos están a impulsar esa internacionalización dos seus viños. Os principais mercados exteriores son Estados Unidos, Alemaña e Reino Unido. “Este ano chegamos ó 10% e aínda que pode parecer unha porcentaxe moi baixa comparada con outras DOs, foi xa un logro, posto que hai 5 anos estábamos a exportar só o 1% da nosa produción”, recoñece o presidente. As previsións para este próximo ano son de seguir medrando e lograr no 2023 exportar arredor do 14% da produción. Nestes momentos, cunha produción de 3,5 millóns de litros entre o Ribeiro e Valdeorras, o 50% comercialízana en Galicia, o 40% no mercado nacional e o 10% no estranxeiro.

A nivel de viñedo, outro dos retos para Viña Costeira é afrontar o minifundio que caracteriza ó Ribeiro e que está a limitar a remuda xeracional, polo que teñen un plan de financiamento ós socios para que poidan afrontar a compra de terra.

Viña costeira Galicia Calidade _2

Acto de entrega do selo Galicia Calidade á adega.

O selo Galicia Calidade consolida o reposicionamento de Viña Costeira no mercado

Viña Costeira é unha das últimas firmas galegas en incorporarse ó selo Galicia Calidade. A irrupción da pandemia do Covid-19 motivou que o acto de presentación da incorporación de dito selo se vise adiada ata o pasado verán, nun acto no que o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, coñeceron as instalacións da adega en Ribadavia e destacaron a súa traxectoria.

O selo, con validez para os próximos tres anos, permite á empresa incluír o distintivo de Galicia Calidade nas etiquetaxes dos produtos certificados, así como nas diferentes accións para a súa promoción. “A marca Galicia está asociada entre os consumidores no ámbito alimentario á calidade, polo que contar co selo Galicia Calidade é o mellor dos distintivos, ó ser recoñecido en todos os recunchos do país. Incluír o selo axúdanos á comercialización e a conseguir o reposicionamento dos nosos viños”, apuntan dende Viña Costeira.

  • Reportaxe elaborada en colaboración con Galicia Calidade

O selo Galicia Calidade celebra os seus 25 anos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información