Amanda López leva dez anos en Vilalba, oito deles asentada na parroquia de Goiriz. Nestes momentos, dedícase principalmente á produción de amorodo e plantas aromáticas con manexo ecolóxico, e comercializa os seu produtos baixo o paraugas da asociación A Estruga. Ten formación en bioloxía, pero a súa chegada ao rural fíxolle traballar a modo de ‘ensaio-erro’, e desbloquear coñecemento máis alá da teoría que sabía. Falamos con ela para que nos conte o seu percorrido desde Madrid ata a agricultura como un modo de vida.
Viñeches de Madrid para Goiriz, unha pequena parroquia de Vilalba onde agora tes a túa horta. Podes resumir brevemente a historia deste cambio?
Vimos aquí, estivemos o primeiro ano nun piso en Vilalba, e logo cando tivemos ocasión compramos esta casa como un proxecto de vida. Eu proveño de Madrid e a accesibilidade á terra é moito maior aquí. Cada vez que viñamos fixábame que case todo o mundo ten a súa horta na casa, e en Madrid, aínda que vaias ao campo, a maior parte de xente non se pode permitir iso.
Todo isto comezou coma unha cuestión de ‘faime ilusión cultivar a miña comida’. Despois vas máis alá e pensas ‘sei o que como’ porque do que che venden nos supermercados a dinámica é producir moito, producir bonito, pero non se respetan nin ritmos de crecemento de plantas nin de animais, ademais de que utilizan moitos produtos que non queremos comer. Por suposto, a nivel nutricional tampouco é o mesmo. Entón unha base desta iniciativa foi a de buscar comer mellor, e que os nosos coman mellor.
Eu teño formación en bioloxía, pero é moito contacto coa teoría, despois na práctica hai moitas veces que hai que poñerse en contacto cos veciños para ver como traballan, e iso si, filtrar e quedar coas partes que interesan porque quizais apliquen certas cousas que eu non quero. Pouco a pouco, pasei de producir para a casa a producir para a asociación A Estruga porque moitas veces non podes ter produción de todo o que necesitas, e aparte que para aumentar a produción necesítanse ingresos.
Que dificultades tiveches desde eses comezos nos que querías chegar a ter alimentos de calidade, ata estes momentos nos que xa tes maior volume de produción?
Para min a primeira dificultade que me atopei foi pasar e teoría a práctica porque ti podes saber moitas cousas como por exemplo como a planta fixa o nitróxeno e o leva ás follas pero chegas aquí e médranche todas as herbas do mundo máis que o teu cultivo, e non sabes que pasa. Todo ten moito traballo, e en Galicia como medra todo hai que saber xestionalo.
“A maior dificultade é querer cultivar de todo, hai que centrarse”
A maior dificultade é que ves con gañas de todo, de cultivar moitas cousas e probar outras tantas. Entón hai que centrarse, non se pode ter tres plantas de cada cultivo, tes que mentalizarte de que se ti queres producir pementos e que che dea para vender, con 20 plantas non che vai alcanzar, igual te tes que ir a 200 plantas, e para iso tes que facer un semilleiro e establecer ben o proceso que tes que seguir, sendo consciente das dificultades que van ir xurdindo ao longo do tempo de cultivo. Todo é moi bonito cando o imaxinas, pero despois é máis duro do que se pensa moitas veces.
Neste sentido, como foi o teu proceso formativo?
A base de erro-ensaio. Investiguei, lin, preguntei á xente que xa o fai, etc. para ter un punto de partida de onde saír. Logo, cando fas unha incorporación danche unha pequena formación pero está orientada á xestión da empresa. Igualmente, toda a xente que queira ser produtora non necesita unha carreira para facelo.
Ademais, eu fago un curso de agricultura ecolóxica, principalmente práctico, no cal partimos dun anaco de terra fresada, abonamos con compost, etc. Unha vez feito, pregúntolles aos alumnos que queren cultivar, e iso sérvenos para darnos de cabezazos con pragas e con cousas que nos van saír mal. É fundamental para aprender.
Que axudas tiveches aparte da de incorporación e que necesidades ves ao respecto?
Non coñezo todas as oficinas agrarias como para poder dar unha visión máis global. Coñezo o caso concreto daquí, da de Vilalba, e axudáronme en todo o que puideron cando arranquei coa actividade, pero teño a sensación de que cando fixen a incorporación non entendía as cousas como as entendo agora que xa sufrín e desfrutei desa subvención. Eu nese momento non cheguei a entender certas cousas, e no meu caso arrisquei e partía de 0; era en certo modo diferente a novas incorporacións que me rodean do sector gandeiro, por exemplo. A partir dese momento, non quixen optar a outras axudas.
Conectada coa anterior, recibes axudas da PAC?
Non, eu non recibo axudas da PAC, tan só teño obligación de facela por estar inscrita no Rexistro de Produtores que fan venta directa. Eu teño superficies moi pequenas, 700m2 de horta non son nada para esas cousas.
Con que cultivos traballas habitualmente?
Eu son as das fresas e a das herbas aromáticas. Dentro da Asociación intentamos facer unha produción entre todos e todas; é dicir, o ano pasado xuntámonos para organizar as hortas e seleccionar quen se ocupa de cada cultivo. Por exemplo, se hai unha persoa que plante cabaciños, tan só planta un produtor ou produtora, non só para que non nos saian os cabaciños polas orellas, senón porque hai que facer unha rotación anual de cultivo, e deste xeito non temos que buscar outro sitio para seguir plantando. As fresas ten ciclos de produción máis altos, cun pico aos 3 anos, e a partir de aí hai que renovalas. Engadir que aparte das fresas que planto para comercializar coa asociación teño outros cultivos como pementos, allos, berenxenas ou pepinos.
Participas nun proxecto de recuperación do chícharo da Cova, unha variedade autóctona. Que acollida ten no mercado?
O chícharo da Cova arrancou nesa etapa da asociación como grupo de consumo e comezou a comercializarse cando tiveron algo máis de produción. Pode comercializarse en fresco ou crú, isto é, podes darlle unha cocción breve e consumilo así ou ben deixalo coma unha legume, xa que ten un fácil proceso de deshidratación. Inicialmente comercializouse por A Estruga e agora somos un par de socias as que seguimos cultivándoo.
Traballas en ecolóxico certificada polo CRAEGA?
A nivel persoal certfiqueime no CRAEGA porque daban máis puntos para a subvención e era máis fácil conseguila. En si, dábame igual estar certificada ou non porque as miñas vías de comercialización non necesitaban dese certificado: os produtores da asociación somos ecolóxicos en manexo, excepto unha compañeira que si que está certificada porque a ela lle interesa ou así o considera. Igualmente, para formar parte de A Estruga hai que comulgar cos valores da agroecolóxía e coa base de non utilizar ningún produto de síntese química.
A miña única relación co CRAEGA era unha vez ao ano que viña facer auditoría, que consistía básicamente en ver que a facturación que eles tiñan se correspondían coa que eu lles facilitara, e ver que cobraran as comisións acorde a iso. Entón, neste sentido eu creo que falta moito intercambio de información nos dous sentidos: de produtor a órgano certificador, e apoio pola súa parte.
Tes dificultade para conseguir sementes?
Nas cantidades que eu traballo non teño problema, de feito o máximo que merquei de sementes foi 1 kg de mostaza. Habitualmente traballo con semilleiros con aqueles cultivos que se me dan mellor, e trabálloo en bloque porque considero que se potencian a xerminación entre unhas e outras, isto é, que a semente que xerminou axuda a xerminar a outras.
Como traballas o abonado do solo?
Unha das formas de abonar principais é a través de compost. Teño un compostador feito con palés e outro que é directamente un montón. En calquera caso, o ideal é ir facendo capas con diversos produtos, desde a herba que se corta ata calquera esterco, e co tempo ir revolvendo para osixenar e que os microorganismos que se dan nas diferentes capas para acelerar a descomposición. Outras fórmulas que utilizo son puríns como o de ortigas, co cal deixo macerar 1kg de estrugas por 10 litros de auga durante dúas semanas, remexéndoo cada pouco tempo, e finalmente filtrándoo. O resultante pode aplicarse en solo ou como abono foliar.
“En agricultura ecolóxica non pretendes erradicar os inemigos, o que intentas é mantelos nunha poboación que non che afecte”
As pragas e as malas herbas son tópicos na horta, como os xestionas co tipo de manexo que fas?
Primeiro, en canto a pragas, en agricultura ecolóxica non pretendes erradicar os inemigos, o que intentas é mantelos nunha poboación que non che afecte; é dicir, que hai algo de pulgón? Se está aí e non me molesta deixo seguir así porque non o teño en moitas plantas.
No caso concreto do pulgón tes que estar moi encima, xeran moita descendencia, entón tes que estar paseando pola horta a diario, e no punto no que empeza a afectar aplicar purín de cola de cabalo, por exemplo, que reforza o sistema inmunolóxico das plantas e fainas máis resistente a enfermidades e pragas. Outro exemplo poden ser os escaravellos das patacas, se os detectas prematuramente podes sacalos manualmente porque vas estar sacando os adultos, e dese xeito, xa non vai haber crías.
En canto ás malas herbas, aínda estou niso. Hai que intentar eliminalas antes de que boten semente. Despois, cas plantas que cubren moi pouco o solo como allos e cebolas utilizo cuberta de malla antiherbas, ou similar; senón outra opción é acolchado vexetal, no que a pesar de que xerminen algunhas malas herbas, saen moitas menos.
Que é A Estruga e desde cando colaboras con ela?
É unha asociación que se chama Espazo Agroecolóxico A Estruga. Foi creada polos compañeiros antes da pandemia e cunha orientación de grupo de consumo; é dicir, facían cestas para os diferentes integrantes, ademais de certas accións divulgativas e demais. Igualmente, pouco a pouco plantexaron como darlle saída aos produtos da xente porque ti se produces tes que buscar a quen vender.
Neste caso, puidemos optar pola venda directa de mercado en mercado, ou ben, como foi o noso caso, optar por posicionarnos na Praza de Abastos de Vilalba. Deste xeito, organizámonos entre todos os produtores socios a través dun cadro de quendas e estamos alí todos os martes e venres, con todos os cultivos dispoñibles na asociación. Este modelo é case como que a xente vaia a túa explotación, somos nós os mesmos vendendores. Comezamos no inverno do ano pasado e polo momento levamos un ano, e en principio continuamos. A pena é que somos tan só dous postos, pero o concello anunciou que vai sacar a concesión tres postos vacantes.
É a única vía de comercialización que tedes en activo?
Actualmente utilizándoa si, aínda que hai dous proxectos en marcha. O máis incipiente é o obrador; tiñamos unha compañeira que facía repostería sen azucre e cambiou de actividade pero a Asociación quedou coa instalación para darlle unha saída e enfocala á transformación de produto, tanto para cubrir o oco que deixou ella, como para diversificar a produción que temos ou darlle saída aos excedentes cando os haxa.
Ademais, o obrador está a disposición de toda persoa que o queira utilizar. Ao respecto, por parte da Asociación tamén impartimos formacións, coma por exemplo un curso de conservas que fixemos xunto coa AMPA do colexio Antonio Insua Bermúdez, con quen ademais temos en marcha un proxecto de Horta Escolar desde o ano pasado.