“Vimos no cáñamo industrial un xeito de darlle valor á terra, con boas producións e de calidade”

Gerardo Lázara é un dos poucos produtores en Galicia de cáñamo industrial. Tras varios anos de colleitas experimentais e abrirse mercado, agora prepárase para unha produción de maior volume e pasar a xestionar unhas 200 hectáreas. Coñecemos máis sobre o cultivo

Gerardo Lázara xunto algunhas pacas de cáñamo industrial.

Gerardo Lázara xunto algunhas pacas de cáñamo industrial.

Logo de que seus pais, que contaban cunha gandería de vacún de leite en Silleda (Pontevedra), se xubilaran, Gerardo Lázara buscaba unha alternativa para aproveitar as terras da familia, no canto de deixalas a barbeito. Interesouse polo cultivo dalgúns dos superalimentos, tan en auxe nos últimos tempos, como a chía ou a quinoa e tamén polo cáñamo industrial. As primeiras probas amosáronlle o potencial de Galicia para o cultivo do cáñamo e decidiu apostar por el.

Tras 8 anos de investigación e cultivos experimentais, leva 2 anos xa dedicado de xeito profesional a este aproveitamento. Na tempada pasada, xunto con outros produtores, a súa firma Celtic Hemp Deza colleitou 30 hectáreas de cáñamo industrial.

Tras 8 anos de investigación e probas, prepáranse para incrementar a produción e colleitar 200 hectáreas

Agora prepárase para dar o salto a unha maior profesionalización e volume e pasar a contar con 200 hectáreas en distintas zonas do interior de Galicia, principalmente na comarca do Deza, así como en Pontevea ou Vedra. Contará tanto coas terras propias, así como con fincas alugadas, ademais de formalizar contratos con distintos produtores. “É moi importante manexar un volume grande para poder ofrecer ós compradores, xa que con pequenas cantidades é moi difícil a súa comercialización”, concreta Gerardo Lázara.

Planta en flor de cáñamo industrial.

Planta en flor de cáñamo industrial.

O cultivo do cáñamo aínda arrastra as consecuencias das prohibicións que durante anos se estipularon polas semellanzas coas variedades con THC, o compoñente psicotrópico. “A simple vista as plantas non se diferencian, é preciso facer analíticas para saber que teñen un contido por debaixo do 0,2% de THC, o permitido en España”, indica o produtor.

En España a produción do cáñamo é moi reducida e non existen industrias para a súa transformación, mentres noutros países como Francia ou Estados Unidos hai unha importante industria e mercado. “En Galicia, o clima axúdanos a poder ter unha boa produción e lograr un produto de calidade”, reivindica Gerardo.

Galicia, unha terra ideal para o cultivo

O cáñamo, que xa foi cultivado antigamente en Galicia, aínda que poucas referencias se atopan ó respecto; adáptase moi ben ó clima galego. “É un cultivo moi adaptable e en Galicia dáse moi ben pola humidade que temos. Dependendo das fincas poderase obter un maior rendemento, pero polo que estivemos vendo pode cultivarse en moi distintas condicións”, indica o produtor.

É unha planta cun ciclo semellante ó do millo, pero no que acada os 4 metros de altitude en pouco máis de 100 días

Ten un ciclo moi semellante ó do millo pero con menos esixencias e sen apenas depredadores. Seméntase no mes de marzo e recóllese a mediados de agosto, aínda que pode prolongarse en función da meteoroloxía. “É unha planta cun desenvolvemento moi rápido, cun ciclo de pouco máis de 100 días acada os 4 metros de altura”, comenta. Pese a que lle gustan as zonas con humidade, non precisa de rego. “Abóndalle coa humidade ambiental, por iso desenvólvese mellor en fincas próximas a ríos ou regatos”, aprecia o produtor.

Plantación de cáñamo nunha finca en Silleda.

Plantación de cáñamo nunha finca en Silleda.

Tampouco están empregando ningún tipo de abono químico e prefiren prescindir dos xurros. “Preferimos empregar estercos ou materia orgánica para evitar ter que recorrer a granxas en ecolóxico que nos garanticen unhas condicións dos xurros, xa que ó destinarse, en boa parte, a usos terapéuticos debe pasar unhas estritas analíticas”, concreta.

Do mesmo xeito, prescinde de empregar ningún tipo de herbicida. “Cun marco de plantación axeitado conseguimos que a herba acabe quedando atrás e non supoña un problema para o desenvolvemento das plantas”, especifica Gerardo.

“Cun marco de plantación axeitado conseguimos que a herba non supoña un problema para o desenvolvemento das plantas”

Así, aínda que conten cunha produción en ecolóxico, polo momento tampouco teñen este distintivo do Consello Regulado de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), dada a pouca presenza que ten o cultivo en Galicia. “No canto de poder ofrecernos asesoramento dende o Craega, eramos nós os que a raíz das nosas investigacións tiñamos información e aínda tiñamos que pagar por este selo”, recrimina o produtor.

Outra das vantaxes do cultivo é que en Galicia, polo momento, non ten moitos depredadores. O carácter acaricida e fúnxico da propia planta, sumado ó olor que desprenden, convérteno nun repelente para moitos insectos. “Detectamos que na floración hai moitas abellas que van a elas, pero non hai moscas, nin mosquitos, nin vespas velutinas…”, indica.

Nin o xabaril nin outra fauna salvaxe lle causou danos, polo momento, nas plantacións

Tampouco para a fauna silvestre de maior tamaño é unha alternativa apetecible, polo momento. A diferenza doutros cultivos, como o millo, tampouco o xabaril fai estragos nas plantacións de cáñamo. “Vimos algúns carreiros de atravesar as fincas, pero non tivemos danos en ningunha das parcelas”, comenta.

Sen sementeira en España

Á hora de comezar co cultivo de cáñamo un dos primeiros obstáculos que Gerardo atopou veu coas dificultades para facerse coa sementeira, posto que en España non hai semente certificada. Este é un mercado que copa Francia, que leva anos de adianto no cultivo da planta, logo de ser máis flexible nas restricións e non chegarse a perder o seu aproveitamento, como aconteceu noutros países.

Planta de cáñamo industrial.

Planta de cáñamo industrial.

“Despois de probar diferentes sementes optamos por dúas francesas coas que se conseguen unhas boas producións tanto para o aproveitamento da fibra, como das sementes ou das flores”, explica Gerardo. Na última campaña recoñece que obtiveron uns bos rendementos, xa que no caso da flor situáronse nunha produción de 200 quilos por hectárea e nas sementes acadaron case os 700 quilos.

Ademais, toda a semente que se planta ten que ser certificada para garantir que se trata das variedades legais. “Ten que vir en sacos pechados e cos distintivos para garantir a súa trazabilidade”, apunta. Tampouco se poden aproveitar as sementes que se produzan na plantación, senón que é preciso adquirilas cada ano.

“Nos primeiros anos tiven que mercar a semente a 14 euros o quilo”

Todo isto provoca que se incremente o prezo da semente que oscila entre os 7 e os 12 euros o quilo, aínda que estes prezos poden aumentar polo efecto dos especuladores e a alta demanda cando se achega a época de sementeira. “Nos primeiros anos xa tiven que mercar a semente a 14 euros”, recorda. Gerardo adoita empregar uns 40 quilos de semente por hectárea que planta cunha sementadora da herba ou do millo.

O secado, o punto máis crítico da produción

Pese á inversión inicial que poida supoñer a sementeira, despois os gastos ó longo do crecemento da planta son mínimos. Ademais, do cáñamo chega a aproveitarse case toda a planta para diferentes usos. Por unha banda colléitase a semente e a flor, que se empregarán tanto para alimentación humana como na industria farmacéutica ou na cosmética.

A recolleita da flor e a semente realízaa cunha colleitadora de gran de millo, con pequenas adaptacións

A recollida faise no mes de agosto e nestes primeiros anos Gerardo estivo a empregar unha colleitadora do gran, semellante ás utilizadas para o millo, aínda que “tivemos que facerlle algunhas modificacións para adaptala”, concreta. Agora, co previsible incremento da produción, para a próxima tempada tamén agarda adquirir unha nova máquina.

Tanto a semente como a flor deben someterse a un proceso de secado que, sen dúbida, é o punto máis crítico do cultivo. “Ata o de agora faciámolo case dun xeito artesanal, co que implica moita man de obra”, detalla. Na última campaña contratou 8 persoas que se encargaron da colocación das plantas para o secado. Boa parte deste proceso realizouno nas instalacións de Viveiros Marcos Antonio, tamén de Silleda. “Cando nós precisamos secar a planta, o viveiro está xa en tempada baixa, polo que puidemos aproveitar os invernadoiros”, comenta. A ventilación da que dispoñían e a elevada temperatura que lograban permítelle secar a planta en 5 ou 7 días. “O ideal sería secala a escuras, pero polo momento estivemos empregando este sistema con bos resultados”, apunta.

Nestes anos xa probou diferentes métodos de secado: penduradas, en horizontal ou con maquinaria de secado.

Nestes anos xa probou diferentes métodos de secado: penduradas, en horizontal ou con maquinaria de secado.

A construción dun secadeiro é outra das inversións que Gerardo contempla para este ano, a fin de garantir o procesado de toda a produción que prevén manexar. Xa dispoñen dunha finca nas proximidades do recinto feiral da Semana Verde e prevén comezar coa construción da nave nos próximos meses. Ademais, traballan cunha firma de Tui, especializada en secadeiros industriais, para a adaptación dunha máquina que favoreza tanto o secado como a clasificación para proporcionar un produto de calidade. Trátase dunha máquina que funcionará a base de combustión de biomasa, que prevén obter tamén da zona do Deza.

Nesta nova de expansión, Gerardo conta con 2 socios máis cos que fundou a firma Hemp Plastic Deza. De feito, entre a construción da nave e a adquisición de maquinaria, contemplan realizar unha inversión de preto de 450.000 euros. Por primeira vez, este ano solicitarán unha subvención á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para afrontar a inversión.

O volume de produción, un dos condicionantes

Ademais da semente e da flor, a cana da planta tamén se colleita para aproveitar as súas fibras, xa que é moi apreciada tanto polas súas propiedades para usos téxtiles como pola súa resistencia. Esta parte colléitase máis tarde e déixase madurando na leira mesmo ata que chegan as primeiras chuvias do outono. “Antigamente esta fibra somerxíase no río e aclarábase nun proceso semellante ó do liño”, apunta.

“A fibra consérvase moitos anos e mesmo mellora co paso do tempo”

Polo momento, Gerardo está centrado na comercialización da semente e da flor, ambos a granel, mentres que a fibra está a almacenala. A parte da fibra pódese tanto empacar, como facer rollos con ela ou gardala na palleira. “A fibra consérvase moitos anos e mesmo mellora co paso do tempo”, explica. O problema para a comercialización da fibra están sendo os baixos volumes que ata o de agora manexaba e o feito de que os principais mercados para estes produtos estean no estranxeiro ou esixan grandes cantidades e regularidade. “Preferimos almacenala ata contar cunha cantidade que nos permita garantir unha produción mínima ó ano”, especifica.

A demanda para a fibra chega tamén por parte de empresas moi relacionadas con Galicia. “Distintas filiais que traballan para Inditex están interesadas na nosa produción polo auxe que están tendo as fibras naturais e pola calidade que ofrecen as nosas”, reivindica Gerardo. Mentres, no caso das sementes e das flores, boa parte da produción destínase a países como Estados Unidos, Suíza ou Alemaña, onde foron abrindo mercado.

Usos das distintas partes da planta de cáñamo industrial.

Usos das distintas partes da planta de cáñamo industrial.

Mil e un usos para o cáñamo

O cáñamo está a ser unha planta moi valorada polos diferentes aproveitamentos que se poden facer das distintas partes por moitos e moi diversos sectores. O talo é moi apreciado para confección téxtil xa que as súas fibras teñen unha gran calidade e resistencia. De feito, esa é outra das súas vantaxes, sendo unha alternativa sostible ó plástico para sectores como a industria do automóbil, que xa as empregan para fabricar pezas como as defensas dos coches. “Máis do 30% das fibras que se empregan no sector do automóbil en países como Francia proceden do cáñamo”, concreta. Tamén as propiedades fúnxicas e acaricidas da planta fan que se estea a empregar moito na construción.

O cáñamo está a ser moi valorado como unha alternativa sostible ó plástico, así como polas súas propiedades terapéuticas

As flores teñen na industria farmacéutica e cosmética o seu principal mercado e o seu prezo de venda a granel sitúase entre os 5 e os 8 euros o quilo. As propiedades dos cannabinoides están a resultar moi interesantes para tratamentos contra o cancro, ó provocar unha resposta das células contra os tumores. “En países como Estados Unidos xa levan tempo empregándoos mesmo con terapias combinadas coa quimioterapia”, indica Gerardo.

Os seus efectos relaxantes fan que sexa unha opción en tratamentos para doenzas como o párkinson, a fibromialxia, a hipertensión ou as dores menstruais. O sector da cosmética está a atopar tamén importantes aplicacións para o cáñamo.

Mostra de roupa elaborada con fibras téxtiles de cáñamo.

Mostra de roupa elaborada con fibras téxtiles de cáñamo.

A semente, cun prezo de venta de entre 2 e 3 euros o quilo, destínase principalmente para o consumo alimentario xa que está considerado como un superalimento polo aporte dos 27 aminoácidos básicos que proporciona, sendo un dos poucos alimentos que os reúne. Coa sementes elabórase dende leite a diferentes aceites.

“As plantas de cáñamo son un potente purificador tanto do aire como da terra”

Pero ademais destes usos, Gerardo reivindica as vantaxes desta planta para a recuperación de terras contaminadas. “É un potente purificador tanto do aire como da terra, xa que é a que máis CO2 é capaz de absorber e transformar en osíxeno. E na terra fai un proceso semellante, de aí que se estea a empregar en ambientes contaminantes como Chernóbil ou Fukushima”, detalla.

Ademais, Gerardo tamén destaca que se trata dun cultivo que pode servir como barreira natural fronte ós lumes, ó poder sementarse en zonas de monte e coincidir o seu ciclo coas épocas de maior risco de incendios forestais.

Pese ós aproveitamentos que se poden facer do cáñamo industrial e o estendido que poida estar o seu uso, a gran semellanza coas variedades psicotrópicas fai que os produtores opten por identificalas e notificalas á Garda Civil para evitar confusións. “Nós preferimos colocar sempre sinais indicando que é cáñamo industrial”, apunta. Son plantacións ás que se lle esixe extremar a trazabilidade das sementes e que tamén se someten a distintas analíticas trala súa recollida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información