“Vimos a necesidade de reintroducir animais nos montes tras un incendio no 2006”

Ovidio Queiruga é presidente da Comunidade de Montes de Baroña. Nas 878 hectáreas de terreo comunal conviven diferentes especies de gando, cunha aposta decidida pola cría de cabalo de pura raza galega. Pero, como funciona o modelo de xestión?

Publicidade
“Vimos a necesidade de reintroducir animais nos montes tras un incendio no 2006”

A Comunidade de Montes de Baroña viuse na obriga de reincorporar os cabalos desde os incendios do 2006. / Fonte: Elaboración propia

A comunidade de montes de Baroña, no concello de Porto do Son, desenvolve desde hai máis dunha década un modelo propio de manexo do gando cabalar, baseado na rotación dos cabalos por pastizais cercados, que se afasta do sistema tradicional de animais en semiliberdade, que é habitual na maioría de Galicia. 

A entidade xestiona un total de 878 hectáreas de monte veciñal, propiedade de 169 comuneiros. Nestes terreos conviven actualmente cabalos, vacas, ovellas e cabras, que cumpren unha función esencial no control da biomasa forestal, na mellora dos solos e na produción cárnica.

A progresiva desaparición da gandería extensiva no Barbanza obrigou á comunidade de montes de Baroña a asumir a xestión de rabaños propios

A presenza de cabalos nos montes de Baroña foi constante ao longo da historia, aínda que vivían libres no monte, sen unha xestión directa. A situación mudou de maneira significativa tras o gran incendio rexistrado no ano 2006. Aquel episodio puxo en evidencia o abandono do territorio e a progresiva desaparición da gandería extensiva, consecuencia en parte das políticas forestais iniciadas na primeira metade do século pasado, que favoreceron a reforestación fronte ao uso agrogandeiro.

Ante o escenario de grandes lumes do 2006, a comunidade decidiu recuperar a presenza de animais propios no monte. No caso concreto do cabalo, o punto de partida foi no 2009 coa posta en marcha dun proxecto singular centrado no cabalo galego. 

O modelo actual fundamentase nunha movilidade das mandas de forma planificada entre diferentes peches. Isto permite un control máis eficaz da vexetación, unha mellor distribución da carga gandeira e unha maior capacidade de resposta fronte a problemas sanitarios, ambientais ou de depredación.

O modelo actual de xestión baséase en peches gandeiros, co que se pode manexar mellor a carga gandeira e o coidado dos animais

A presenza do lobo é unha realidade histórica no Barbanza, pero a redución do número de cabalos fixo máis visibles os ataques do lobo. Fronte a esta situación, a comunidade de montes de Baroña aposta por un manexo activo das mandas, especialmente nas épocas de parto, e pola participación en proxectos de investigación, coa utilización de colares de control do gando.

A través dunha xestión continuada e organizada, a comunidade aposta polo cabalo galego como eixo dunha estratexia que combina prevención de incendios, conservación da biodiversidade e valorización dos recursos gandeiros, un aspecto este último que culminou recentemente coa montaxe dun centro de transformación cárnico.

Falamos co presidente da Comunidade, Ovidio Queiruga, cun socio, Antonio Oubiña, e cun dos traballadores, Daniel Sánchez.

Ovidio Queiruga. Presidente da comunidade de montes veciñais de Baroña

“Na Serra do Barbanza abunda o toxo e o cabalo é o animal ideal para controlalo”

Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña. / Fonte: elaboración propia

Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña.

Que tipo de gando tedes actualmente no monte e que función cumpre?

Neste momento temos cabalos, vacas, ovellas e cabras. Todo este gando cumpre varias funcións fundamentais: a limpeza do monte, a prevención de incendios, a mellora da biodiversidade dos solos e tamén unha función produtiva, xa que hai produción de carne.

A relación da comunidade cos cabalos é especialmente singular. Houbo sempre cabalos nestes montes? Como foi evolucionando o seu manexo?

Si, no monte de Baroña houbo cabalos desde sempre, pero tradicionalmente eran animais que vivían en réxime totalmente libre, sen practicamente ningún tipo de xestión por parte dos propietarios.

O punto de inflexión chegou no ano 2006, tras un gran incendio que afectou a esta zona. Nese momento vimos clara a necesidade de reintroducir animais no monte, propiedade da comunidade, xa que quedaban moi poucos gandeiros e moi pouco gando. Isto tamén foi consecuencia das antigas políticas forestais que apostaron pola reforestación e que, nos anos cincuenta, desprazaron en gran medida a gandería tradicional.

Nese momento, é cando se decide apostar especificamente polo cabalo?

No ano 2009 puxemos en marcha un proxecto singular centrado no cabalo galego. Cedéronnos un macho e varias femias, e a comunidade realizou as obras dun peche, co apoio da administración. A partir de aí fomos incorporando progresivamente máis animais.

No 2010, coa obrigatoriedade do microchip, moitos dos poucos gandeiros que aínda tiñan cabalos optaron por desfacerse deles, e foi a propia comunidade quen os asumiu. No 2012 produciuse outro momento clave, coa presenza do lobo na Serra do Barbanza, que provocou numerosas baixas. De novo, moitos propietarios venderon os animais e a comunidade fíxose cargo deles.

A obrigatoriedade do microchip e os danos provocados polo lobo levaron a que moitos propietarios decidiran desfacerse dos cabalos

Como se manexaba tradicionalmente o cabalo na Serra do Barbanza e en que se diferencia do modelo que estades a aplicar agora en Baroña?

Tradicionalmente, o manexo do cabalo no Barbanza facíase en grandes superficies abertas, sen estradas nin apenas comunicacións, onde convivían cabalos e vacas de distintos propietarios. O control limitábase a xuntalos nos curros, en datas moi concretas, para facer a rapa, que moitas veces tiña un carácter festivo.

O cabalo non tiña un gran valor económico, pero cumpría unha función clave: a xestión da biomasa forestal, facilitando alimento para o gando vacún, axudando á prevención de incendios e mesmo reducindo a presión do lobo sobre outras especies.

O cabalo non tiña gran valor económico, pero cumpría unha función clave: a xestión da biomasa forestal

En Baroña apostamos por un manexo moito máis activo e continuo, coa mobilidade das mandas entre distintos peches.

O papel do cabalo na prevención de incendios é clave nesta zona?

Sen dúbida. O manexo do lume cambiou moito ao longo do tempo. Antes facíanse pequenas queimas controladas para crear pastos, pero hoxe, coa enorme carga de combustible que hai, calquera incendio pode descontrolarse.

Canto menos combustible hai no monte, máis fácil é previr e combater o lume. Aquí na Serra do Barbanza abunda o toxo, e o cabalo é o animal máis eficaz para controlalo. Tanto en Baroña como no conxunto da serra, o seu papel na prevención de incendios é fundamental.

Ademais do aspecto ambiental, que outras funcións destacariades do cabalo?

A xestión que facemos facilita a creación de pastos, a mellora do solo e, sobre todo, un aumento da biodiversidade. O cabalo permite transformar zonas dominadas polo toxo en áreas máis diversas, onde aparecen outras especies vexetais.

Os animais favorecen un aumento da biodiversidade. En Baroña é moi significativa a presenza de carroucha, unha planta característica do noso monte

En Baroña é moi significativa a presenza da carroucha, unha planta moi característica do noso monte, ata o punto de que aos veciños se lles coñece como “carroucheiros”. Tamén aparecen plantas melíferas e mesmo especies moi singulares, como pequenas plantas carnívoras, que só se dan en solos xestionados por grandes herbívoros. Todo isto demostra a importancia do cabalo na conservación do ecosistema.

De cara ao futuro, estades a traballar na valorización do cabalo máis alá da súa función ambiental?

Si. Para nós o cabalo é clave non só pola limpeza do monte, senón tamén pola recuperación de razas autóctonas, en especial o cabalo de Pura Raza Galega, os chamados garranos.

Traballamos tamén cunha entidade de custodia do territorio e coa Universidade de Vigo na conservación do chamado cabalo galego do monte, animais que non entran no estándar da Pura Raza Galega pero que son propios desta zona, xunto coa protección do seu hábitat.

Ademais, apostamos pola valorización da carne de cabalo, aínda que sabemos que hoxe non existe un mercado forte. Por iso cremos que a clave está na transformación e elaboración de produtos, non só na venda en canal.

Para iso estades a desenvolver un centro de transformación cárnica. Fálanos dese proxecto.

Desenvolvemos un centro de transformación no que estamos a traballar, inicialmente pensado para os produtos da comunidade, pero que coa axuda da Deputación da Coruña xa se proxecta como centro colaborativo, aberto tamén a outras ganderías da contorna. A idea é contribuir á dinamización económica da Serra do Barbanza.

O centro de transformación de carne contribuirá á dinamización da Serra do Barbanza

Para rematar, cal é a situación do lobo e como condiciona o voso manexo do cabalo?

O lobo sempre estivo presente na Serra do Barbanza. As mandas son máis ou menos estables, pero ao haber menos cabalos no monte, os ataques concéntranse máis neles.

En Baroña facemos un manexo activo das mandas: movémolas entre peches, separamos as bestas paridas nas épocas de maior risco e participamos en proxectos de investigación con colares disuasorios para o lobo.

O manexo diario tamén permite detectar antes os ataques e avisar á administración, aínda que as compensacións económicas non resolven o problema de fondo: a perda real de animais e a diminución progresiva da cabana gandeira, algo que nos preocupa moito.

Antonio Oubiña. Comuneiro

“O cabalo reduce o traballo necesario para a prevención de incendios”

Antonio Abeijón, vicepresidente da Comunidade. / Fonte: elaboración

Antonio Abeijón, vicepresidente da Comunidade.

Antonio Oubiña é comuneiro e membro da directiva desde hai máis dunha década. Natural de Nebra e residente en Baroña desde hai case trinta anos, coñece de primeira man a evolución do monte e da gandería extensiva na Serra do Barbanza. 

A súa experiencia combina o labor como antigo obreiro da comunidade coa participación activa na súa xestión actual. Desde esa perspectiva, ofrece unha visión pegada ao territorio sobre a tradición cabalar, os cambios no manexo do gando ao longo do tempo e o papel do cabalo como ferramenta clave para o coidado do monte, a prevención de incendios e o mantemento da actividade comunitaria.

Dende a túa experiencia, como describirías a tradición cabalar na comunidade?

Antigamente había moitos curros e facíase a rapa das bestas, como xa se comentou. Era unha tradición moi apreciada pola xente, aínda que hoxe ese tipo de prácticas xa se abandonaron. Co paso do tempo, ese modelo foise perdendo.

Ti fuches propietario de cabalos nalgún momento?

Si, tiven algún cabalo, pero un ou dous, máis ben para pasear. Non tiven nunca gando cabalar no monte como actividade gandeira propiamente dita.

Como percibes a evolución do cabalo na zona desde que ti eras novo ata a situación actual?

O cambio foi enorme. Antes os animais andaban todos ceibos polo monte: cabalos, vacas, porcos… Eu lembro de ir andando desde Nebra ata o monte e atopar cabalos por todas partes. Non había ningún control. Hoxe iso xa non existe, xa non se ve esa presenza de animais libres como antes.

Pasamos dun monte cos animais ceibos, case abandonados, a un sistema no que coidamos deles

Cres que hai aspectos positivos no modelo actual de manexo dos cabalos?

Si, claramente. Agora os cabalos están moito mellor atendidos. Hai máis coidado e máis seguimento do que antes, cando os animais quedaban totalmente abandonados á súa sorte.

Mirando máis alá de Baroña, que problemas detectas para a continuidade do cabalo na Serra do Barbanza?

Hai varios factores. Por unha banda, as esixencias administrativas para ter cabalos son cada vez maiores e máis complexas, o que desanima a moita xente. Por outra, está o problema dos ataques do lobo. Moitos propietarios ven como perden animais polos que levan traballado tempo, e iso fai que deixen a actividade. Todo isto dificulta moito que a xente siga mantendo cabalos no monte.

Desde a comunidade, que importancia lle dades ao cabalo no mantemento do territorio?

Dámoslle moitísima importancia. O cabalo axuda moito a limpar o monte, reduce o traballo manual necesario e contribúe á prevención de incendios. Igual que as cabras ou as ovellas, é un apoio fundamental para manter o monte en boas condicións.

Tendo en conta que en moitas zonas o cabalo está a desaparecer, que perspectiva de futuro ves?

No noso caso estamos conseguindo manter un número máis ou menos estable de animais. Pero noutras zonas moita xente abandona por culpa das dificultades administrativas e polos problemas cos depredadores. Iso fai que cada vez haxa menos animais no monte.

E no caso concreto da Comunidade de Montes de Baroña, sodes optimistas?

Si, pensamos que podemos manternos co modelo actual, combinando cabalos e vacas, sempre que se siga coidando o gando como se está facendo agora.

Como describirías a percepción xeral dos comuneiros respecto a ter cabalos e aplicar este modelo de xestión?

A impresión xeral é moi positiva. Nas asembleas a xente participa, acode e móstrase contenta cos animais no monte e co funcionamento da comunidade.

Daniel Sánchez. Traballador da comunidade de montes veciñais de Baroña

“Entre o que comen e o que pisan, os cabalos manteñen o monte limpo”

Daniel Sánchez, un dos traballadores da Comunidade. / Fonte: elaboración propia

Daniel Sánchez, un dos traballadores da Comunidade.

A Comunidade ten varios traballadores para manexar o gando e levar a cabo outras labores. Daniel é un deles. A súa actividade abrangue desde traballos forestais, como a corta, a plantación ou o desbroce, ata o coidado e seguimento das mandas de cabalos e doutros animais.

En contacto permanente co territorio, achega unha visión práctica e pegada á realidade do modelo de xestión que aplica a comunidade, destacando o papel do cabalo como ferramenta efectiva para o mantemento do monte, a redución da biomasa e a prevención de incendios, así como os retos que supón a convivencia coa fauna salvaxe.

Cales son os principais traballos forestais que facedes no día a día?

Facemos labores moi variados: corta de madeira, desbroces, plantacións e mantemento do monte. Non hai unha rutina fixa, cada día pode tocar un traballo distinto, en función das necesidades que haxa nese momento.

Facemos un mantemento continuo dos peches. O máis traballoso é cando un animal escapa e hai que ir buscalo a zonas de orografía complicada

Centrándonos no cabalo, como é o manexo diario das mandas?

Temos varias mandas repartidas en diferentes peches e ímolas movendo cando vemos que unha zona xa está esgotada de pasto. Tamén facemos mantemento continuo dos peches, porque ás veces se estropean polos propios animais ou por vacas soltas. Se rompen os valados, os cabalos poden escapar, así que hai que estar sempre pendentes.

Que outras tarefas implica o coidado dos cabalos?

Unha vez ao ano baixámolos ao curro para desparasitalos e revisalos. Tamén temos que atender ao tema da auga, sobre todo nas zonas onde non hai cursos naturais. Nalgúns bebedeiros, especialmente no verán, é necesario levarlles auga.

Como xestionades a alimentación dos cabalos?

Non se lles achega comida. Eles aliméntanse de forma natural do que hai no monte, do pasto dispoñible en cada zona.

A convivencia entre o manexo forestal e o gando pode xerar conflitos. Como se resolve isto en Baroña?

Hai zonas de novas plantacións nas que temos que ter especial coidado para que os cabalos non entren e non estraguen as plantas pequenas. Por iso os peches son grandes, falamos de varios quilómetros de valado, e permiten delimitar ben as áreas sensibles.

Cantos peches utilizades para o cabalo e como decidides os cambios de zona?

Temos arredor de cinco ou seis peches grandes. O cambio faise cando vemos que unha zona xa está moi aproveitada. Iso nótase simplemente dando unha volta polo terreo e observando como está o pasto.

O manexo dos cabalos é máis complexo ca o doutros animais?

Non especialmente. Os cabalos, ao estar no monte, autoxestionan a comida e a auga en gran medida. O principal traballo vén cando hai que baixalos para facer tratamentos ou cando se escapa algún e hai que ir recuperalo.

Os cabalos autoxestionan a comida e a bebida, pero no verán si que é preciso facerlles aportes de auga nalgunhas zonas

Cal é o principal problema ao que vos enfrontades no manexo destes animais?

Sobre todo cando se escapan e se meten en zonas complicadas, con accesos difíciles. Ás veces hai que ir a pé por zonas moi malas para reconducilos ao peche correspondente.

Que papel cres que xogan os cabalos no mantemento do monte e na prevención de incendios?

Xogan un papel moi importante. Se primeiro se limpa o mato máis grande con medios mecánicos, despois os cabalos encárganse dos rebrotes. Entre o que comen e o que pisan manteñen o monte baixo e bastante limpo, polo que son moi efectivos como ferramenta de prevención de incendios.

Como ves o futuro do cabalo en Baroña e na Serra do Barbanza?

En xeral fan un labor moi importante, sobre todo nas zonas máis baixas, onde non hai tantos problemas. Nas zonas altas existe a dificultade dos ataques do lobo, sobre todo aos poldros. Se a poboación de lobo aumenta e non se controla, pode complicarse a situación, pero ben manexado, o cabalo pode seguir sendo clave para manter o monte limpo.

Estades probando novas medidas para mellorar esa convivencia co lobo?

Si, estamos empezando a empregar colares disuasorios. Aínda están en fase de proba e non temos resultados claros, pero imos colocarlos nas zonas máis altas para ver como funcionan. É algo que aínda está por estudar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información