Vigo acolle o primeiro encontro da Rede Transfronteiriza de Biomasa

O obxectivo e fomentar o uso enerxético de restos de podas forestais, vides ou plantacións de kiwis

Vigo acolle o primeiro encontro da Rede Transfronteiriza de Biomasa

Os técnicos de Feuga na apertura da xornada

A Rede Transfronteiriza de Biomasa celebrou este mércores en Vigo o seu primeiro encontro. Esta rede xurdiu como un dos resultados do proxecto Biomasa-AP, que agora ten continuidade a través do proxecto Biomasa-CAP. A finalidades é capitalizar as capacidades de I+D no uso enerxético da biomasa non valorizada de alto potencial en Galicia e o norte de Portugal.

A Universidade de Vigo é socia do proxecto que, ao abeiro da convocatoria POCTEP, lidera EnergyLab en colaboración con Feuga, o Inega, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial. O encontro deste mércores, organizado por Feuga no Pazo da Oliva, supuxo a primeira xuntanza desta rede, que conta xa con 130 usuarios de 90 entidades de Galicia e norte de Portugal, e serviu para presentar as actividades de Biomasa CAP e para ofrecer un espazo no que os membros da rede expoñan algunhas das iniciativas nas que están involucrados.

Ao longo da mañá presentáronse tamén outros proxectos e iniciativas relacionadas coa valorización enerxética, incluíndo unha charla introdutoria do presidente do Clúster de Biomasa de Galicia, Francisco Javier Álvarez Pereiro, sobre certificacións de calidade e sostibilidade. Ademais, o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra e catedrático do Departamento de Enxeñaría dos recursos naturais e medio ambiente Luis Ortiz ofreceu un relatorio sobre a produción de biochar a partir de biomasa forestal residual.

O programa incluíu tamén un obradoiro da man de EnergyLab no que se debateron as barreiras e oportunidades do sector a través da xeración de novas ideas de proxecto e posibles solucións que fomenten a valorización da biomasa. Na xornada participaron tanto os socios da rede e do proxecto, como profesionais que traballan directa ou indirectamente na cadea de valor da biomasa, tanto agricultores como persoal investigador e técnico e consumidores finais.

Biomasa CAP

O proxecto Biomasa-CAP é a continuación e capitalización dos resultados do proxecto anterior Biomasa-AP, ambos financiados polo programa Interreg POCTEP. O primeiro deles en poñerse en marcha tiña como obxectivo a mellora das capacidades dos centros de I+D tanto de Galicia como do norte de Portugal para optimizar a explotación e o uso da biomasa procedente de restos de podas forestais, vides, plantacións de kiwis ou toxos e xestas. Os centros da eurorrexión traballaron conxuntamente para aplicar métodos e tecnoloxías innovadoras que permitise acadar un uso enerxético optimizado desta tipoloxía de biomasa, que se caracteriza pola elevada dispoñibilidade nesta zona e, consecuentemente conta cun elevado potencial enerxético e económico dun recurso que na actualidade non se valoriza. De feito, como explicaron os técnicos de Feuga na xornada, os datos reflicten que a biomasa presenta unha alta dispoñibilidade e que non está sendo valorizada: “máis de 50.000 ha de viñedo na eurorrexión, máis de 12.000 toneladas de kiwi producidas en Galicia ou a ampliación de superficie de produción de kiwi en 300 ha en Portugal. A isto hai que sumar que estes residuos de biomasa resultantes das actividades agroforestais non só non se empregan, senón que os agricultores vense na obriga de queimalos para evitar a súa acumulación”.

Os investigadores do proxecto Biomasa-AP concluíron que o emprego destas biomasas non valorizadas de alto potencial (BNVAP) implica numerosas vantaxes, como a redución da presión sobre o abastecemento de madeira de piñeiro, que é a principal materia prima para a fabricación de pellets, unha amortiguación das posibles subidas do prezo da biomasa e un impulso das economías locais. Ademais, a valorización destes residuos está en consonancia coa normativa de prevención de incendios, que obriga á retirada da biomasa ou á súa trituración in situ, así como coas recomendacións fitosanitarias nos cultivos agrarios, que piden a recollida dos restos de poda como medida de minimización de pragas e enfermidades. Neste sentido, as conclusións do proxecto tamén recollían a necesidade de poñer en marcha liñas de axuda que promovan a recollida, transporte e tratamento de biomasas alternativas, a produción de combustibles derivados e o uso de equipos compatibles con estes combustibles, sentando así as bases dun novo modelo produtivo, a bioeconomía. No marco do proxecto xurdiu tamén a Rede Transfronteiriza de Biomasa, que conecta expertos e axentes interesados na produción e uso de biomasa, para compartir información de utilidade e ofrecer solucións competitivas ás empresas da eurorrexión.

Unha vez rematado este proxecto, a finais de 2022 botou a andar Biomasa-CAP, co obxectivo de desenvolver actividades de capitalización dos resultados previos, é dicir, a ampliación e fortalecemento da Rede Transfronteiriza de Biomasa, a formación e concienciación sobre o uso da biomasa non valorizada de alto potencial como recurso enerxético, a divulgación a través de xornadas demostrativas en centros educativos, e a potenciación do proceso de co-creación de políticas públicas. Neste novo proxecto a Universidade de Vigo está representada polo Grupo de Tecnoloxía Enerxética, co profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos David Patiño á fronte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información