Vídeoconsellos para reducir a sinistralidade entre os traballadores do sector forestal de Galicia

A Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia (FEARMAGA) puxo en marcha a campaña ‘Sinistralidade 0.0 no sector forestal’ co obxectivo de difundir entre as traballadoras mensaxes sobre prevención de riscos laborais (PRL), protagonizada por profesionais en situacións reais. 

Adrián Beloso, técnico dunha empresa de aproveitamento forestal, Esteban Míguez, autónomo forestal e Horacio García, traballador forestal, mostran no vídeo ‘Planificar’ a importancia de localizar  e identificar posibles riscos asociados á parcela onde se vai desenvolver a actividade.

Jose Javier Calvarro, traballador nunha empresa de aproveitamento forestal, analiza no vídeo ‘Prever’ como seguir o protocolo ante un sinistro no monte e a utilidade de contar coa placa PAS (Protexer-Avisar-Socorrer) colocada nun punto de encontro previamente establecido.

No vídeo ‘Localizar’ o motoserrista Mihai Chira explica a obrigatoriedade de sinalizar os traballos no monte para protexer tanto ás persoas alleas á actividade forestal como aos propios traballadores.

A importancia da formación en PRL é a base do vídeo ‘Formar’. Contar cos coñecementos e formación necesarios para realizar os traballos forestais de forma segura é básico para minimizar riscos. Por último, no vídeo ‘Protexer’ Mihai Chira mostra as zonas do corpo máis afectadas por accidentes e os equipos de protección individual necesarios para desenvolver os traballos de motoserrista.

Os vídeos foron difundidos esta semana nas redes sociais de Fearmaga e contan xa con máis de 600 visualizacións. Están dispoñibles na canle de Fearmaga en Youtube. Nos próximos días, a campaña completarase co lanzamento dun concurso de preguntas en redes sociais para testar entre os seguidores as mensaxes lanzadas nas pezas audiovisuais.

A iniciativa realizouse en colaboración con empresas e traballadores do sector e integrando as mensaxes en materia de prevención de riscos laborais do ISSGA (Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral), tras anos de experiencia de Fearmaga como entidade colaboradora da Administración na prevención de riscos laborais na industria forestal-madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información