A vida no chan despois dos incendios forestais

Coñecer como actuar nun souto tras un incendio é fundamental para non incrementar o dano que hai no chan e que a rexeneración sexa máis efectiva e duradeira

A vida no chan despois dos incendios forestais

Cuestionar se os incendios son bos ou malos, saber como actuar tras o paso dos lumes ou que pasa no chan logo dun dano coma o fogo son algúns dos puntos que abordou durante o Foro da Castaña, celebrado en Riós, o técnico responsable do Centro Agrogandeiro de Xinzo de Limia, Servando Álvarez.

O profesional comezou a súa intervención lembrando que o refrán “as árbores non nos deixan ver o monte” é unha realidade, posto que “sempre que falamos de monte pensamos na parte de arriba e non no chan, que é fundamental”.

Máis da metade do solo é aire e auga, e tan só contén un 5 % de materia orgánica “aínda que en Galicia, por sorte ou desgraza, é máis”. Isto axuda a que se formen uns aglomerados cunha serie de macroporos e microporos que favorecen a entrada e saída de auga e aire, o que leva a un chan fértil. Ademais, dentro del hai un enorme ecosistema de organismos vivos, que van dende os máis microscópicos, como poden ser fungos, pasando por nematodos, ata pequenos mamíferos coma os roedores.

Cando se danan os recursos renovables, como as plantas verdes, hai que observar canto tardan en recuperarse tras unha agresión coma os incendios

Álvarez lembrou que do solo, o ser humano sacou durante toda a súa historia alimentos para comer, fibras para vestirse e combustibles para quentarse. “No momento no que estamos, co cambio climático tan presente, engádeselle que exerce de regulador do clima porque a materia orgánica que ten o solo absorbe o Co2 e serve de controlador das altas e baixas temperaturas”, detallou o profesional.

A biodiversidade cos incendios
O que sucede coa chegada do lume é que toda a biodiversidade que había no solo vai quedar danada ou directamente desaparecer. Ao tratarse dunha cadea trófica, se se dana a parte superficial, probablemente os microorganismos que estean nas partes máis profundas, tamén desaparecerán e queda o chan morto de vida.

Cando se danan os recursos renovables, como as plantas verdes, hai que observar canto tardan en recuperarse tras unha agresión coma os incendios. “Se tiñamos uns solos sans, vamos poder recuperar a riqueza vexetal que tiñamos, pero se o solo está dexenerado, se non está vivo, o que vamos conseguir unha desertificación do noso terreo”.

Servando Alvarez durante o Foro da castanha rios

Nun incendio forestal de certa magnitude, arde a materia orgánica do solo, polo que se destrúe o sistema de macro e microporos, entón destrúese a cantidade de auga que hai no solo. Así queda unha mestura de minerais que, de non actuar, converterase un deserto e impedirá a vida.

Ao ter un incendio forestal, a materia orgánica convértese en cinsas, e estas teñen unha característica hidrófuga, é dicir, “se tedes unas cinsas e lle botades unha gota de auga veredes que non é capaz de mollar as cinsas”, describiu Álvarez. Isto no monte supón un problema porque se hai unha capa de cinsas e chove, a auga arrástraas e acabará contaminando as augas con todo que iso supón. A isto engádeselle que as cinsas teñen un PH alcalino, polo que vai contra a biodiversidade de Galicia, habituada a un acostumadas a un ph ácido: “Isto traerá outras especies de fóra e haberá plantas invasoras non desexadas”.

Para os cultivos, os incendios poden que sexan bos, pero para o solo non

Os incendios forestais son bos ou malos?
Álvarez propuxo unha cuestión que levanta debate. Para iso, mostrou diferentes publicacións nas que se indica que son bos porque contribúen a regular a fauna e flora, ademais de eliminar especies alóctonas e tamén para comunidades de animais. “Isto non o vou discutir, pero para min, un incendio forestal sempre é malo”, sentenciou o profesional.

Aínda así, lembrou que cando o ser humano comezou a traballar a agricultura, o xeito de fertilizar que tiñan era provocar un lume tras un cultivo dun cereal, xa que queimaban as palletas para que os seguintes cultivos tivesen maior vigor. “Para os cultivos pode ser que sexa bo, para os solos non. Cando nós facemos que arda esa materia orgánica que hai no solo, o que provocamos é reducir a velocidade dun proceso natural, que podía durar séculos, a uns minutos”.

A isto engádese a clasificación do incendio, que vai dende ataques moi leves, onde non se destrúe case nin a materia orgánica que hai no solo, ata incendios forestais dunha severidade alta, na que non só se destrúe a materia orgánica do solo senón que chega a arder a materia orgánica das capas profundas “onde é moi difícil que quede vida e recuperar isto é moi complexo”.

Se o incendio non chegou a queimar as copas das árbores o mellor é non facer nada

Como actuar logo dun incendio
Álvarez destacou primeiramente o que non se debe facer e para iso lembrou que “hai que facer todo con sentido e sempre con apoio profesional”. Así, subliñou que tras un incendio, o solo queda nunha situación grave na que perde estrutura e moita vida, polo que pasando por encima del “só lograremos agravar a situación”.

No ámbito de que facer, explicou que se case non hai afección nas capas profundas, e o incendio non chegou a queimar as copas das árbores “o mellor é non facer nada, deixar que co outono as follas caian e cren un acolchado, que servirá de barreira e evitará que as cinsas marchen”. Alega por deixar que a natureza siga o seu curso e os propios chans serán capaces de establecer unha propia cobertura vexetal. “Moitas veces, a xente quéixase de que o primeiro que teñen son fentos e “iso non vale”, pero eu sempre digo o mesmo: son verdes, aguantan o terreo e dannos idea de que non se queimou a súa raíz, polo que o chan non está tan desgraciado como pensamos”, comentou o profesional.

Cando o incendio foi moi forte e afectou ás copas, sobre todo en especies que non son dadas a recuperarse coma os castiñeiros, débese actuar para evitar a perda de solo. Puxo de exemplo a un grupo de veciños da Mezquita, que saíron ao monte a plantar trigo de inverno e centeo para manter a cuberta vexetal. Recalcou a importancia de non abonar nin arar, xa que as cinsas achegarán nutrientes e así non se danará o terreo coa maquinaria.

Se o solo quedou máis danado, a efectos do chan non debe haber présa por cortar esa madeira queimada

Para Álvarez, o ideal é plantar as razas de árbores autóctonas, pero no caso de que non sexa posible, a segunda opción sería a plantación de trigo de inverno e centeo, principalmente se é autóctono. Aínda así, destacou as mesturas que combinen leguminosas e gramíneas, “porque a raíz do trigo e centeo é pequena, polo que non vai ser capaz de cubrir moita superficie do chan, ademais cando madure serán comidos pola fauna e non nos van servir para seguir co proxecto de rexeneración do solo”. Porén, as mesturas considéraas mellores se as plantas escollidas teñen capacidade para cubrir o terreo, como leguminosas e gramíneas, que a maiores teñen flor e aseguran que para o seguinte ano as abellas van ter onde comer e volverán nacer.

Un tema que resulta debatible son as cortas, xa que o xeito de cortar as árbores terá unha influencia no chan. Marcou varias normas para facer unha boa corta. Como primeira, se a madeira está ben non se debe cortar. “Probablemente os castiñeiros limpos nos que os soutos só quedaron afectados nalgúns puntos, esas árbores van nacer coma se non pasase nada”.

Segunda norma, se non hai esa capacidade de rexeneración e o solo quedou máis danado, a efectos do chan non debe haber présa por cortar esa madeira queimada. Pódese chegar a tardar uns tres anos, a non ser que os técnicos teñan medo a que poida haber pragas que poidan afectar a madeira queimada ou sen queimar.

Finalmente, á hora de cortar é necesario asegurar que o solo teña un acolchado, e que as cinsas non se vaian. “O máis importante é evitar que o solo se degrade, logo pódese pensar en rexenerar con especies, autóctonas, e a partir de aí podemos facer políticas de rexeneración forestal”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información