Esta semana comezaron no espazo permacultural Lugar de Reque os traballos para a creación dun “bosque comestible”, un sistema agroforestal con máis dun cento de especies de prantas que medrarán nos próximos anos neste espazo público no paseo do río Rato en Lugo, recuperado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Nestes días, o equipo encargado do proxecto está a transplantar e sementar exemplares das distintas especies vexetais – leñosas, froiteiras, arbustos, trepadoras, bulbos, tubérculos, plantas hortícolas e aromáticas –, distribuíndoas en distintas ubicacións da finca, a carón doutras que nacen de forma natural na contorna do río como amieiros, salgueiros ou sabugueiros.
A planificación da plantación, en función das características das diferentes especies, configurará un espazo natural con diferentes estratos -dende as árbores máis grandes ata os fungos – no que a propias prantas regularán a humidade do solo e xenerarán os nutrientes necesarios para o seu crecemento.
A selección das plantas, que suman máis dun milleiro nunha superficie de 400 metros cadrados, procura tamén que entre unhas e outras haxa especies en floración e con froitos ao longo de todo o ano.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro explicou que “se trata do inicio dun traballo que se irá facendo máis visible co paso das estacións e o crecemento das plantas, e que avanza na recuperación e na revitalización deste espazo público como lugar de aprendizaxe destas técnicas de cultivo, que procuran un aproveitamento sostible dos recursos”
Esta formación vexetal, que alcanzará o seu máximo esplendor e madurez produtiva nun prazo de dez anos, súmase a outras actuacions que se desenvolveron no Lugar de Reque nos dous últimos anos, como a creación dun estanque para favorecer a reprodución de especies polinizadoras, a instalación dun sistema de compostaxe para xestionar os residuos orgánicos que se producen na finca ou a rehabilitación e illamento térmico do centro de cestería -ubicado na propia parcela – con técnicas de bioconstrución.