O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na clausura das xornadas “Da vía férrea á Vía Verde”, que tiveron lugar no albergue da estación de Queixas, no municipio de Cerceda. Formoso, destacou a importancia de conservar o patrimonio histórico na Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que definiu como “un camiño de ferro pola propia historia do territorio”.
O evento, destinado a analizar o impacto turístico, social e económico desta vía, incluíu unha presentación técnica do proxecto, dúas conferencias sobre casos de éxito de vías verdes en España e unha mesa redonda con persoas expertas. O presidente provincial incidiu na importancia de respectar o legado ferroviario e histórico español e afirmou que a Vía Verde “non pode ser un camiño verde sen máis, senón que é un camiño de ferro pola propia historia do territorio”.
Durante a súa intervención, Formoso gabou “o aproveitamento dunha infraestrutura que xa estaba feita”, evitando así novos investimentos e posibles impactos ambientais, e destacou a colaboración entre distintas administracións e entidades que facilitaron o desenvolvemento deste proxecto. Ademais, anunciou a intención de captar máis fondos europeos para impulsar este e outros proxectos similares que fomenten o turismo sustentable nos concellos do interior.
Inauguración das xornadas “Da vía férrea á Vía Verde”
A inauguración das xornadas correu a cargo de Antonio Leira, deputado provincial e coordinador da Vía Verde, que destacou que “este proxecto é o cumprimento dun sono no que só crían unha ou dúas persoas hai 20 anos”. Pola súa banda, José Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda, subliñou o esforzo dos concellos implicados e a cooperación institucional como claves para facer realidade o proxecto.
O alcalde de Oroso e presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde, Alex Doval, destacou “o impacto na sociedade local desta iniciativa”, mentres que Jacobo Suárez, da asistencia técnica do proxecto, repasou os pasos dados para a súa posta en marcha e promoción. A continuación, Mónica Alonso, coordinadora da Vía Verde Montes de Hierro en Euskadi, e Gustavo Ortiz, xerente do Consorcio Turístico del Plazaola en Navarra, presentaron os seus respectivos proxectos, dous casos de éxito no desenvolvemento de vías verdes.
Na mesa redonda participaron tamén Mercedes Núñez, directora da Asociación Europea de Vías Verdes; Arantxa Hernández, xerente das Vías Verdes da Fundación de los Ferrocarriles Españoles; Guti Martín, da Axencia de Turismo de Galicia, e Paula Romero, da área de Turismo da Deputación.
Con 26 quilómetros que atravesan os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle é a máis longa de Galicia. Ademais, o proxecto continuará a medrar coa extensión de 10 quilómetros máis no treito de Santiago de Compostela, cuxas obras se iniciaron en setembro e está previsto que rematen ao longo de 2025.