Veterinarios apícolas de toda España reúnense en Galicia para tratar os retos do sector

O encontro técnico organizado por AVESPA e A Casa do Mel abordou o papel do veterinario, as enfermidades apícolas e o impacto do cambio climático

Veterinarios apícolas de toda España reúnense en Galicia para tratar os retos do sector

Veterinarios e técnicos asistentes.

A Asociación de Veterinarios Especialistas en Sanidade e Produción Apícola (AVESPA) celebrou unha reunión técnica de alto nivel a pasada fin de semana en Galicia, coa participación de profesionais de todo o Estado. O evento, coordinado polo veterinario e apicultor Javier Fontaíña, desenvolveuse en colaboración coa Casa do Mel das Pontes.

Durante as xornadas, celebradas os días 6 e 7 de xuño nas Pontes de García Rodríguez, abordáronse cuestións clave como a varroose, a vespa velutina, os efectos do cambio climático e o uso de medicamentos veterinarios autorizados na apicultura. Tamén se destacou o papel esencial do veterinario no asesoramento sanitario e técnico das explotacións apícolas.

A reunión funcionou ademais como espazo de intercambio de experiencias entre especialistas do sector. Promoveuse a formación continua e a cooperación interdisciplinar, poñendo en valor a figura do profesional veterinario no ámbito apícola.

O venres iniciouse cunha cata de Mel de Galicia, dirixida por Beatriz Ríos, técnica da IXP. Os participantes puideron degustar diferentes variedades monoflorais galegas e comparalas coas doutras zonas, amosando gran interese. Tamén se ofreceron queixos da denominación de calidade San Simón da Costa e outros produtos da comarca do Eume.

O sábado dedicouse ás xornadas técnicas, nas que participaron expertos do eido científico e veterinario. Daniel García, científico de datos en Triple Alpha, abriu cunha charla sobre monitorización, control e predición no ámbito alimentario e a súa aplicación na apicultura.

Seguiuno Fernando Riaza, experto en sanidade animal, que falou sobre inmunoloxía das abellas e o seu uso no deseño de vacinas. A continuación, a catedrática de Botánica Carmen Seijo, da Universidade de Vigo, explicou a importancia da valorización da mel mediante a orixe como estratexia de diferenciación.

Pecharía a mañá Ester Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia e presidenta da IXP Mel de Galicia, quen expuxo os retos actuais do sector, especialmente as enfermidades que afectan ás colmeas e as dificultades do labor veterinario neste eido.

Pola tarde, os asistentes visitaron a aula da natureza na entulleira da mina, onde a Casa do Mel mantén un colmear e espazo didáctico. Alí, o veterinario Egoitz Galartza, coordinador de ERBEL, falou sobre o papel dos abázcaros nas colmeas.

Ademais, presentáronse resultados de estudos recentes sobre benestar e produtividade apícola, así como as investigacións realizadas en Galicia sobre a vespa velutina. Tamén se tratou o impacto do cambio climático na saúde das abellas e a problemática da entrada de meles estranxeiras sen etiquetaxe clara e de menor calidade.

Neste contexto, resaltouse a importancia das denominacións de calidade como a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, que garante orixe e calidade diferenciada do produto.

AVESPA reafirmou o seu compromiso coa sanidade apícola e o reforzo do asesoramento técnico aos apicultores. Ademais, destacou a necesidade dunha apicultura sostible, rendible e respectuosa co medio ambiente.

A asociación continuará a desenvolver protocolos sanitarios, programas formativos e accións divulgativas para apoiar o sector. Os asistentes regresaron cun bo recordo das Pontes e cun agasallo de Mel de Galicia e produtos de Belacolmea, cosmética natural apícola elaborada pola Agrupación Apícola de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información