No día de onte, 2 de xullo, finalizou o trámite de audiencia do proxecto de Real Decreto XXX polo que se modifica o Real Decreto 787/2023, polo que se ditan disposicións para regular o sistema de trazabilidade, identificación e rexistro de determinadas especies de animais terrestres en cautividade e outros, e outros reais decretos en materia gandeira.
Neste sentido, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, a través da súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba Seivane, solicitou por escrito á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia que aclare o que vai acontecer coas veterinarias e veterinarios de granxa a partir de xuño de 2025.
O artigo quinto modifica o RD 364/2023, de 16 de maio, polo que se establecen as bases de desenvolvemento da normativa da UE en sanidade animal, no relativo ás obrigas de vixilancia do titular da explotación e ao plan sanitario integral das explotacións gandeiras, e polo que se modifican varias normas de ordenación gandeiras. Modifícase a disposición transitoria primeira, que queda redactada como segue:
“Prazo para adaptar o Sistema Integral de Xestión da Explotación (SIXE), para a designación do persoal que exerza de veterinario de explotación e para dispoñer do Plan Sanitario Integral:
1. A partir do 1 de xuño de 2025 os Sistemas Integrais de Xestión das Explotacións gandeiras deberán estar adaptadas ao disposto neste RD en relación cos Plans sanitarios integrais que recollan.
2. En todas as explotacións, de forma voluntaria a partir do 1 de xuño de 2025, poderase designar un veterinario de explotación conforme ao artigo 3.1 e realizarse a comunicación correspondente á autoridade competente en materia de sanidade animal, segundo se establece no artigo 3.3.
3. A partir do 1 de xuño de 2025 as explotacións gandeiras deberán dispoñer dun Plan Sanitario Integral conforme ao disposto no artigo 6.1.”
Tal e como se recolle no citado texto, aínda que as granxas “poderemos designar un veterinario de explotación”, a reforma mantén a obrigatoriedade de seguir dispoñendo dun Plan Sanitario Integral a partir de xuño de 2025. “É dicir, en ningún momento se exime ás granxas do deber de contar obrigatoriamente cun Plan Sanitario Integral, a partir de xuño de 2025, deseñado por quen teña a condición de veterinario ou veterinaria de granxa ou persoal veterinario da Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), integradora ou entidade asociativa á que pertenza”, explican dende o Sindicato Labrego.
Ademais, lembran que “o propio artigo 3 do RD 364/2023 (que non está previsto modificar a través do proxecto de RD actualmente en trámite de consulta) segue recollendo a obrigatoriedade de que as granxas deban dispoñer dos servizos dunha persoa que teña a condición de veterinario ou veterinaria de granxa”.
Engaden dende a organización labrega que “tampouco se modifican as mencións á obriga de contar cun veterinario ou veterinaria de granxa noutros reais decretos como, por exemplo, o de ordenación das granxas bovinas, o de controis oficiais en materia de benestar animal ou o de medicamentos veterinarios”.
En concreto, o RD 1053/2022 actualmente recolle na súa disposición final cuarta, punto 2, apartado d), que calquera granxa deberá contar cun Sistema Integral de Xestión de Explotación (SIXE) a día de hoxe e a modificación proposta polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) pospón a entrada en vigor de dita obriga pero introduce como novidade o matiz de que, no momento da nova entrada en vigor (xuño 2025), incluiríase a obriga de cumprir coa esixencia relativa á designación dun veterinario ou veterinaria de granxa.
Nesta situación, dende o SLG subliñan que “o sector gandeiro precisa información clara e veraz sobre o que acontecerá coas persoas veterinarias de granxa. É dicir, se tanto de maneira directa como indirecta, seguirá sendo obrigatorio contar coa figura do veterinario ou veterinaria da granxa (a partir de xuño de 2025 e incluso a día de hoxe), así como cun Plan Sanitario Integral, a non ser que se propoñan novos cambios na normativa actualmente en vigor”.
O Sindicato Labrego Galego solicita á Consellería do Medio Rural que “amose a súa postura sobre a cuestión a tratar e que aclare se presentou alegación a estas modificacións”.