Veta, a marca de Finsa para traballar polo futuro do monte galego

A industria presenta en Galiforest o seu proxecto para conectar a xestión forestal coa transformación da madeira. O obxectivo de Veta é producir madeira de calidade dun xeito responsable, para o que lle ofrece a comunidades de montes veciñais e propietarios un servizo integral, desde a planificación técnica das masas forestais ata o aproveitamento final da madeira

Veta promove unha xestión forestal responsable

Veta promove unha xestión forestal responsable e podutiva

Durante máis de 90 anos, Finsa construíu a súa historia arredor da madeira. Aprendemos a transformala, a darlle valor e a convertela en solucións que forman parte da vida de moitas persoas. Pero, aínda que o noso día a día está moi ligado á industria, nunca debemos esquecer que o noso punto de partida está moito antes: no monte. E precisamente desa reflexión nace Veta.

Veta nace porque sentimos que era necesario dar un paso máis na nosa relación co recurso forestal. Porque o contexto cambiou, porque o sector está a evolucionar e porque cremos que Finsa ten un papel que desempeñar non só como transformadora da madeira, senón tamén como compañía comprometida coa orixe desa madeira.

A madeira do futuro comeza a construírse hoxe, e para que ese futuro exista necesitamos estar preto da súa orixe

Veta representa a nosa forma de mirar cara ao monte: cunha visión máis ampla, máis próxima e máis conectada coas persoas que fan posible que a madeira chegue ata nós. Non se trata unicamente de garantir unha subministración. Trátase de comprender mellor o monte, acompañar a súa xestión, xerar relacións de confianza con propietarios e profesionais forestais e contribuír a que exista un futuro forestal sólido. Porque sabemos que a nosa industria depende directamente dun monte vivo, coidado e produtivo.

O noso espazo en Galiforest

Nesta edición de Galiforest estamos a dar continuidade a un concepto de stand que xa levamos a outros encontros importantes, como Expoflorestal e Rebuild 2026. Quixemos manter este espazo porque representa moi ben a idea que queremos transmitir con Veta: a conexión entre a orixe da madeira e todo o que acontece despois.

O stand non é só un lugar onde mostrar produtos ou explicar proxectos. É un espazo pensado para contar unha historia: a historia dunha árbore que nace no bosque, que pasa por unha xestión responsable e que, grazas ao coñecemento e á tecnoloxía, acaba transformándose en solucións con valor.

Estar en Galiforest é unha oportunidade para lembrar algo que está na orixe da nosa compañía: todo comeza no monte

A continuidade deste deseño en diferentes feiras responde tamén a unha intención: construír unha identidade recoñecible e coherente arredor de Veta. Que cada vez que alguén se achegue a este espazo entenda que detrás hai unha forma de facer as cousas, unha maneira de relacionarnos co recurso forestal e unha visión de futuro compartida.

Ademais, trasladar este stand a Galiforest ten un significado especial. En eventos como Rebuild achegámonos principalmente ao mundo da arquitectura, o deseño e a construción sostible; en Expoflorestal e agora en Galiforest situámonos máis preto da orixe, do monte e dos profesionais que fan posible que a cadea de valor da madeira funcione. É precisamente esa conexión entre ambos mundos (o bosque e a construción, é dicir, a orixe e o destino final) a que queremos representar.

Contacto de Veta

  • Web de Veta
  • Tel. 676 43 40 49
  • Correo electrónico: info@veta.gal

Todo comeza no monte

Asistir a Galiforest ten moito sentido dentro deste camiño. Non vimos simplemente a estar presentes nunha feira; vimos achegarnos ao ecosistema do que formamos parte. Vimos escoitar ao sector nun foro diferente ao habitual, entender os seus retos, compartir coñecemento e reforzar vínculos coas persoas que traballan cada día na xestión forestal.

O futuro da madeira non só se xoga nas nosas fábricas, senón tamén nos bosques e nas persoas que os xestionan

Tamén é unha oportunidade para nós mesmos: para seguir explicando que é Veta, por que existe e como encaixa dentro da evolución de Finsa. Veta non é algo separado do que somos; é unha evolución natural da nosa historia. É unha maneira de mirar cara adiante e asumir que o futuro da madeira non só se xoga nas nosas fábricas, senón tamén nos bosques, nos territorios e nas persoas que os xestionan.

O noso obxectivo en Galiforest é seguir construíndo pontes: entre o monte e a industria, entre o coñecemento tradicional e a innovación, entre quen produce a madeira e quen a transformamos. Porque se algo temos claro é que a madeira do futuro comeza a construírse hoxe, e que para que ese futuro exista necesitamos estar preto da súa orixe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *