Falamos con Roi Estévez, enxeñeiro de montes e responsable do proxecto “Vieiros con Vida” (Quiroga, Lugo). A iniciativa, que se desenvolve nunha aldea da serra do Courel, naceu coa idea de defender o pobo do lume por medio do pastoreo con ovellas.
Como xurdiu o teu proxecto de pastorear ovellas nesta aldea que estivo case abandonada?
Despois dos lumes de hai dous anos, decidín formar coa miña familia e veciños unha asociación sen ánimo de lucro para tratar de coidar esta aldea, que naquel momento tiña o entorno abandonado. Decidimos que non podemos confiar en que a adminstración o faga todo e nós mesmos temos que responsabilizarnos de previr este tipo de lumes coidando da nosa aldea. E pensamos que o máis lóxico para iso era introducir animais.
Non podemos confiar en que a Administración faga todo, nós mesmos temos que responsabilizarnos
Os habitantes da aldea e xente que ten aquí a súa segunda residencia deixaron as súas parcelas sen problema a cambio de que llas limpásemos e mantivésemos, e todo o mundo se implica.
Por que ovellas e non outro animal?
Había zonas arredor da aldea que mantiñamos limpas a base de desbrozar, pero outras zonas estaban abandoadas desde hai máis de 40 anos. Nós non tiñamos idea de gando e decidimos contratar un asesor. Preferíámos ter máis especies, ademais de ovellas, pero coas ovellas xa non fomos capaces de meter máis animais porque o volume de traballo era tal que non somos capaces de ter máis, quizais co tempo.
Metemos a raza texel porque foi o que nos recomendou o asesor, pero agora pensamos que non era a mellor raza para aquí porque é unha raza moi cárnica que ten unha demanda moi alta de pasto, e aquí temos moi pouca herba. Aquí hai razas máis rústicas que comen máis silva e brotes variados e estas hai que forzalas moito para que coman o que non é herba. Estamos tendo moitos problemas para recuperar os pastos como eran antes.
Que balance facedes destes primeiros anos do proxecto?
Estamos empezando e evolucionando, o volume de traballo é moi grande, estamos vendo como normalizar as tarefas, facer que non sexan tan pesadas, e este ano é a primeira vez que conseguimos ter crías, así que é a primeira vez que conseguimos ter beneficios nos case 3 anos que levamos cos animais.
Nun inicio pensábase que o número de cabezas era suficiente para cubrir os gastos, pero neste caso non o é. Por iso tamén somos unha asociación veciñal, pois para nós o gando non é un beneficio económico, senón un constante goteo de cartos que temos que meter para manter a explotación.
O gando é un constante goteo de cartos, para nós non ten beneficio económico
Como foi o proceso de aprendizaxe coas ovellas?
Pensaba que sería máis sinxelo, que habería moitas máis guías e manuais, que estaría máis estandarizado, máis ABC, pero non é certo, ao final cada pastor ten os seus problemas, a súa opinión e o seu xeito de facer as cousas. Isto implica ter que aprender todo desde cero e moitas veces fáltannos esas opcións iniciais.
Por exemplo, o tema de recuperación de pastos, non entendo como non existen unhas pautas xerais de que facer para recuperalos… Ao final vas probando distintos métodos, algúns non funcionan. Aquí dispoñemos dun montón de hectáreas que pretendíamos recuperar, pero non sei se daremos feito, é moito traballo e todo moi manual.
Como é a convivencia co lobo?
A priori non nos afecta moito, non tivemos nin un só ataque, vemos rastros de lobos preto das aldeas pero non tan cerca das ovellas. Polo que temos entendido, trátase de individuos solitarios, e supoño que ao ter os dous mastíns coas ovellas, non se animan a atacar, porque terán outros obxectivos máis atractivos, esperemos que non lle collan o gusto ás ovellas. Empregamos mallas móbiles electrificadas e dous mastíns. As ovellas están fóra, a diario, nunca están en cortes, e nunca tivemos problemas con elas.
Como foi a experiencia do crowdfunding inicial que fixestes? Mantés contacto coa xente que vos apoiou?

Roi, co gando, no entorno de Vieiros.
A experiencia foi un éxito pero bastante caótica. Tivemos moitísima repercusión mediática e grazas a iso inicialmente tivemos un montón de axudas económicas e doutros tipos. Agora xa non estamos tanto en redes porque non somos capaces de manter ese ritmo, notamos que perdemos interese e apoios por parte da xente.
Foi caótico porque algúns medios terxiversaron a noticia dicindo que eramos unha aldea abandoada que regalaba casas, entón chamaba moita xente desde todo o mundo, principalmente Latinoamérica e outros sitios de España, interesados en vir polo reclamo das casas, pero claro, esa non era a idea. Nós podemos ofrecer casas que están en mal estado, para recuperar, e queremos traer xente e que haxa movemento, queremos que a xente se anime a vir, pero non regalamos casas e moito menos para entrar a vivir.
Todos os medios enfocáronse moito niso, e o noso esforzo e problemas de recuperación quedou como nun segundo plano. Cos do crowdfunding, como moitos deles eran amigos e coñecidos, seguimos tendo contacto con eles, ainda que non puidemos chegar a entregar as recompensas prometidas polo problema que tivemos cun derrube na aldea. Tivemos un derrube grande e non damos abasto. Outro problema que tivemos de inicio foi un mal asesoramento.
Que apoios estades tendo a nivel da Administración en todo este proceso?
A Deputación de Lugo, a través de Medio Natural, deunos unha axuda que nos veu xenial, e agora mesmo, a Xunta concedeunos unha axuda para contratar un pastor polo tema do lobo e é o que nos está salvando a vida, tanto para preparar as fincas como para facer os traballos máis básicos.
En canto a cousas pendentes, as estradas están sen desbrozar, quedamos sen parada de bus, hai muros tirados que non hai xeito de que os arranxen nin de que nos den licenzas para arranxalos…
Tamén sería fundamental recuperar os regos de auga, así como os camiños, xa que non podemos ir co tractor a ningún lado, temos que facelo todo a man. Ao non poder usar a maquinaria, duplica os gastos, o esforzo e o traballo… Pouco a pouco a ver se nos imos encamiñando.
Hai moita xente disposta a vir a axudar, pero temos outro gran problema, que non temos onde aloxalos, nesta zona non hai aloxamentos, o que nos impide facer actividades e obradoiros.
Fálanos da organización do traballo e do rabaño e superficie que manexades.
Agora mesmo temos 34 ovellas e un macho. Temos varios años que están apalabrados para vida para a zona de Ourense, a verdade é que tiveron moi boa saída.
Levamos 3 anos para recuperar 15 hectáreas de pastizais e aínda nos queda bastante
Hectáreas, estamos traballando nunhas 30 hectáreas, pero moitas delas só podemos pasar unha vez ao ano porque non teñen comida suficiente. Que teñan herba e podamos pasar 2-3 veces por ano serían só unhas 6 hectáreas. Se contamos todas as hectáreas dispoñibles da aldea e montes veciñais estaríamos falando dunhas 300 hectáreas, pero é unha pena que non podemos dispoñer delas, porque non damos recuperado pastizais.
Levamos 3 anos para recuperar unhas 15 hectáreas, e ainda nos queda moito traballo. Ten moita cuberta, a herba non recupera, temos moita silva, ortiga, felgo… Ainda temos moito traballo por diante. Cando teñamos unha base territorial boa e estable, con rotacións máis definidas, empezaremos a tratar de aumentar pouco a pouco.
Tampouco descartamos empezar a usar soutos, xa que hai moitos aquí… Pero sufren moito estrés con estas sequías e cambios de climatoloxía, polo que nos últimos anos non nos compensa apañar as castañas. Quizais poderiamos meter o gando e que aproveiten as castañas, e tamén recuperalos para leña.
Como foi a evolución da zona e da vexetación desde a introdución das ovellas?
Notamos moito o cambio, se ves a aldea desde fora non se nota tanto. A nosa intervención non está sendo agresiva, non estamos cortando masa arbórea… Estamos cortando moi pouquiño. Primeiro metemos as ovellas e facemos un traballo con maleza, uces, xestas, silvas… Esa é a primeira fase.
Tamén fomos eliminando as árbores de diámetro pequeno e na seguinte fase temos que meternos con árbores máis grandes, vamos abrindo paulatinamente. Non temos capacidade para cortar grandes superficies porque non temos opción de quitar toda esa madeira polo que comentamos de que non se pode meter maquinaria e hai que facelo todo a man. Notamos o cambio pero é moi gradual.

Aldea de Vieiros
Que perspectivas tes de cara ó futuro?
Xa levamos tres anos con estas ovellas e os cans e xa lles collemos cariño, son da familia. Ver os sitios limpos e en uso é algo que mellora o entorno de vida e é positivo emocionalmente. O futuro vai depender máis das axudas externas que teñamos que da nosa capacidade. Seguiremos pedindo subvencións e temos proxectos, pero vai depender de que sexamos capaces de seguir aquí mantendo o gando.
Seguiremos apostando por isto ao máximo mentras podamos, pero non descartamos ter que abandonar isto se vemos que non somos capaces de mantelo.
Como valoras a conciliación familiar co teu traballo e co manexo do gando?
É moi complicado, non só co gando senón coa nosa filla. A sociedade actual non está preparada para conciliar. Xa nos costa compaxinar os nosotros traballos con coidar á nosa filla como para meter o gando na ecuación… Este verán foi complicadísimo polas vacacións da pequena na escola. Os horarios da ludoteca do concello non eran compatibles cos nosos.
Ao final, case sempre traballo co gando de noite, no verán ainda me collo algo de día, pero o resto do ano a única hora na que podo traballar é despois de cear, entón ando pola noite co frontal. As fins de semana si que podo traballar polo día.
Debería existir un programa máis estandarizado para apoiar á xente que quere emprender no agro
Cal é agora a situación da aldea de Vieiros a nivel de poboación?
A aldea estivo abandonada uns anos ata que eu volvín, e despois de instalarme eu coa miña familia veu un rapaz e agora el tamén ten familia. Eu teño unha pequena e el ten dous pequenos,. Ademais hai varios veciños que teñen aquí a súa segunda residencia e veñen con bastante regularidade, así que sempre hai movemento pola aldea. Vivindo todo o ano de forma permanente somos dúas familias. Sorprendentemente somos unha das aldeas máis habitadas da zona, para que vos fagades unha idea da situación.
O duro non é vivir nunha aldea con tan poucos veciños, senón nunha aldea tan abandonada pola administración, as carreteras e pistas están como están… Non se preocupan por nós. Hai servizos básicos que na cidade todos damos por suposto e que aquí non os temos e ao final temos que facernos cargo nós de todo. O estado das rúas da aldea, a luz… Cousas básicas. Este ano pasamos máis dunha semana sen electricidade e tres semanas sen cobertura. É un problema incluso que veña o veterinario atender o gando.
Calquera outra cousa que quieras comentar
O noso proxecto paréceme que é unha iniciativa que debería promoverse prácticamente en todas as aldeas, pero debería haber algún programa de apoio máis estandarizado para poder axudar. Os Concellos moitas veces non teñen os recursos para axudar, tería que ser a nivel de Xunta ou de Deputación. Que exista unha especie de paquete de axudas de iniciación no rural, pois moitas veces temos dúbidas e non sabemos a quen recurrir. Nós temos sorte porque temos preto un señor maior, Eloy, que cando temos dúbidas preguntámoslle e nos axuda moito, pero tampouco sabe de todo… En Galicia non hai información nin asesoramento organizado e accesible para a xente que comeza no agro. Aquí todo son dificultades, especialmente se comezas.

Ovellas coidadas por Roi en Vieiros