Veolia, un exemplo de aproveitamento do monte para calefacción

A empresa de Vilasantar leva 25 anos transformando biomasa forestal en estelas de madeira, que subministra a industrias, colexios, residencias e outros centros públicos para o seu uso como combustible renovable en caldeiras de calefacción. Produce unhas 30.000 toneladas de estelas ao ano

Veolia Vilasantar 2O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este venres a planta de biomasa de Veolia en Vilasantar, un exemplo de como o aproveitamento sostible dos recursos forestais pode xerar emprego, dinamizar o rural e contribuír á transición cara a un modelo enerxético máis verde.

A planta de Veolia leva máis de 25 anos transformando madeira en biomasa sostible, certificada baixo o sistema SURE. Cada ano produce arredor de 28.000 toneladas de estela verde e 8.200 toneladas de estela seca, empregadas como combustible renovable para calefacción en industrias, centros educativos, residencias, concellos e instalacións públicas de toda Galicia.

Os responsables da empresa explicaron que Veolia traballa toda a cadea de valor da biomasa, desde a explotación forestal, pasando polo transporte e a loxística, ata a entrega aos clientes; e incidiron en que, ademáis de fomentar a economía circular e o coidado e mantemento dos montes e do medio ambiente, xera un beneficio social e laboral en áreas rurais e produce un combustible a prezos moi competitivos para os clientes.

Veolia traballa toda a cadea de valor da biomasa, desde a explotación forestal, pasando polo transporte e a loxística ata a entrega das estelas de maderia aos clientes finais

Durante a visita, o presidente da Deputación destacou que instalacións coma esta “demostran que o rural pode ser motor económico e ambiental, transformando os nosos montes nunha fonte de enerxía renovable, ao tempo que se prevén incendios e se impulsa o desenvolvemento e a economía local”.

González Formoso subliñou que “a aposta pola biomasa é tamén unha aposta polo territorio, pola economía circular e pola xeración de emprego no interior da provincia”. Engadiu que proxectos coma o de Vilasantar “son o mellor exemplo de que o futuro do rural pasa por aproveitar con intelixencia e respecto os seus propios recursos naturais”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información