Ventonoso reclama unha nova lei eólica debido á ineficacia da actual

O colectivo de propietarios afectados polos eólicos reclama maior distancia ás vivendas habitadas e illadas, ante os cambios introducidos na normativa. Tacha de ‘falsa moratoria’ a limitación para aprobar novos parques nos próximos 18 meses

Ventonoso reclama unha nova lei eólica debido á ineficacia da actual

Xeradores eólicos instalados na Estrada (Pontevedra). // Foto de arquivo.

A Xunta acaba de introducir novas modificacións en materia eólica a través da lei de acompañamento, en concreto no que a distancias dos parques eólicos se refire, así como unha moratoria para a aprobación de novos proxectos. Para Ventonoso, colectivo impulsado por Unións Agrarias e que aglutina a propietarios afectados por parques eólicos, ambas modificacións deixan sen abordar cuestións claves e a porta aberta a que se sigan introducindo novos proxectos mesmo no período de excepción.

Para o colectivo, estes cambios evidencian a necesidade de contar cunha nova normativa. “A Lei Eólica de Galicia está sistematicamente modificándose pola lei de acompañamento. Estase remendando unha lei que non ten arranxo, xa que estase vendo que non é efectiva”, valora José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso.

Reclaman ademais que a nova norma busque unha implantación respectuosa da enerxía eólica. “Non queremos que haxa abusos na implantación da enerxía eólica, pero tamén vemos que é unha oportunidade de desenvolvemento para o rural. Nestes máis de 10 anos de traxectoria, esta lei non conseguiu unha implantación da enerxía eólica, xa que implantáronse só uns 700 megavatios, o que amosa que é unha lei inoperante”, reafirma Diéguez.

Distancia insuficiente

Unha das principais modificacións que se presentaron é a distancia mínima dos parques eólicos ós núcleos de poboación rural. Esta será de 500 metros ou a cifra resultado de multiplicar por 5 a altura total do xerador. Coa nova norma escollerase a distancia que sexa maior desas dúas alternativas. Mentres, en Europa estase a apostar por un distanciamento maior.

Coa nova regulación quedan desprotexidas as casas habitadas que estean illadas dos núcleos urbanos, xa que abondará con gardar 200 metros de distancia

Dende Ventonoso apuntan a que nesta nova regulación quedan desprotexidas as casas habitadas que estean illadas dos núcleos urbanos, xa que nestes casos abondará con gardar 200 metros. “Tendo en conta as novas dimensións dos aeroxeradores estamos caendo nun risco innecesario, posto que de derrubarse podería caer encima desa vivenda”, explican dende o colectivo.

O outro cambio introducido pola Xunta é unha moratoria para a presentación de proxectos de novos parques eólicos durante os vindeiros 18 meses. “Esta medida non fai máis que evidenciar a incapacidade da Administración galega para xestionar, xa que a lei obrígalle a presentar unha valoración dos proxectos nun prazo de 20 días”, detalla Diéguez.

Con todo, dende o colectivo ven máis preocupante a posibilidade de que neste prazo se sigan a tramitar determinados proxectos, posto que a modificación contempla esta posibilidade, en función da incidencia que poidan ter os proxectos. “A Xunta resérvase deste xeito un as na manga para poder aprobar determinados proxectos, co que se volve unha moratoria á carta”, valora.

Ademais, o prazo desta moratoria tamén fai desconfiar a Ventonoso dos intereses reais da Administración ó coincidir xusto despois das eleccións municipais. “Non hai seguridade xurídica para a implantación real da enerxía eólica en Galicia, xa que estase a producir un parcheo constante da lei con medidas populistas”, conclúe o presidente de Ventonoso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información