A Denominación de Orixe Monterrei pechou a campaña de vendima 2025, alcanzando unha colleita histórica: 8.072.785,7 quilogramos de uva colleitados. Este ano caracterizouse polo excelente estado fitosanitario das uvas, cun perfecto equilibrio entre grao alcohólico e acidez.
Con respecto á cifra de variedades vendimiadas, colleitáronse 6.342.752 quilogramos de uva branca, mentres que de uva tinta foron 1.730.033,7 quilogramos, é dicir, 78,57 % de variedades brancas e o 21,43 % restante das tintas.
A campaña iniciouse o 7 de setembro, na adega Francisco Pérez Diéguez e finalizou o 10 de outubro, sendo Manuel Regueiro García e Pazo das Tapias as últimas adegas en comunicar o peche do período de recolección de uva.
Cabe destacar que os incendios do mes de agosto non supuxeron unha gran afectación sobre o viñedo da DO, pola contra, superouse por primeira vez a cifra dos oito millóns de quilogramos de uva, o que supón un 5% máis que na campaña do 2024.
O presidente do Consello Regulador, Manuel Vázquez Losada, manifesta que, “estes datos débense ao incremento de hectáreas na nosa base territorial, pasándose de 795 na pasada campaña ás 852 actuais”. Así mesmo, o presidente quere “lembrar e agradecer o traballo de viticultores e adegueiros durante todo o ano, xa que sen eles, isto non sería posible”.
Galego









Control OJD