Vendima desigual: bos prezos en Monterrei e Valdeorras, problemas nas outras D.O. galegas

Unións Agrarias advirte dun desplome dos prezos da uva en Rías Baixas pola alta demanda e manifesta temor a que haxa fraudes “con uva en B”. Na Ribeira Sacra, repítese a falta de mercado para a uva tinta do pasado ano, en tanto o Ribeiro mantén prezos “que deixan contra as cordas ós viticultores”, segundo a organización agraria

Publicidade
Vendima desigual: bos prezos en Monterrei e Valdeorras, problemas nas outras D.O. galegas

Vendima en Monterrei. / Arquivo.

A campaña da vendima está xeralizada xa na maioría de denominacións de orixe (D.O.) galegas, coa excepción de Ribeira Sacra e Monterrei, que aínda están nos inicios. Rías Baixas é a denominación que máis avanzada ten a vendima, con 31 millóns de Kg. recollidos, dun total no conxunto de Galicia que rolda os 38 millóns de quilos colleitados. Unións Agrarias vén de presentar en rolda de prensa un balance da situación.

O mellor escenario dáse nas denominacións ourensáns de Valdeorras e Monterrei, onde o tirón que están a experimentar os viños godello ten a súa repercusión na vendima, con boa demanda de uva e prezos que roldan os 2 euros / Kg. en Monterrei e ata 2,50 euros / Kg. en Valdeorras. Peor é a situación no resto de denominacións.

Rías Baixas, colleita récord e baixada de prezos
Nas Rías Baixas, que o ano pasado vivira unha colleita histórica, pero mantendo bos prezos da uva, este ano a situación cambiou radicalmente. A vendima pódese disparar a máis de 50 millóns de Kg. de uva, polos 42 do ano pasado, e os prezos sufriron un acusado descenso.

Se o ano pasado a uva albariña se pagaba no entorno dos 2,50 euros / Kg., “este ano os prezos roldan 1’60 – 1’70 euros”, apunta o responsable de Viñedo en Unións Agrarias, Carlos Basalo.

Un segundo problema nas Rías Baixas é que parte dos viticultores superan o limiar de produción autorizado por hectárea, fixado en 12.000 Kg. “Pedimos no verán que ese tope se aumentase, tendo en conta a vendima excepcional que se aveciñaba, pero iso rexeitouse. Agora temos uva circulando en B e ofertas desa uva ás adegas a 30 – 40 céntimos. O temor que temos é que esa uva entre de xeito fraudulento en adegas da D.O., a nome doutra persoa”, advirte Basalo.

“Esa uva debería destruírse ou comercializarse para viños de mesa, pero non pode ir de ningún xeito a adegas da D.O., xa que repercutiría na depreciación do viño e da propia uva dos viticultores. É preciso que o Consello Regulador e a Consellería controlen esta situación”, demanda o responsable de Unións Agrarias.

“Durante anos, pensábase que se podía vender todo o viño que se producise, pero estamos nunha situación de mercado complexa e hai que facer unha reflexión sobre o camiño a seguir” -valora Basalo-. “En Galicia é moi custoso producir viño e manter o viñedo, o viticultor ten uns gastos e ten que ter un beneficio”, defende.

Preguntada a organización sobre as plantacións que están impulsando nos últimos anos as grandes adegas, Unións avoga porque se condicionen as axudas públicas ás adegas a compromisos de compra dunha porcentaxe da uva a viticultores, unha demanda que vén xa de anos atrás.

O Ribeiro, estancamento e depreciación das variedades autorizadas
No caso da D.O Ribeiro, a situación semella finalmente mellor que a que se pronosticaba no verán, pero produciuse unha depreciación da uva de variedades autorizadas, como a palomino, “sen que a uva das variedades preferentes mellore en prezos”, cuestiona Carlos Basalo.

A uva palomino (jerez) estase pagando no entorno dos 50 céntimos / Kg., en tanto que a treixadura ronda 1’50 euros. “Na uva jerez mesmo se chegara a falar no verán dunha caída maior, que ao final contívose, pero o que máis nos preocupa é que non se ve un aumento de prezo das variedades autóctonas, como a treixadura e outras. Un viticultor pode ter incentivos para reconvertir os viñedos a variedades preferentes se hai bo prezo, pero neste caso non ve incentivos”, explica Basalo.

“O viñedo é unha das poucas actividades agrarias que se mantén forte na provincia de Ourense. De feito, moitos lumes en Monterrei e Valdeorras apagáronse nos viñedos, que fixeron de cortalumes naturais, e os viticultores e os seus tractores tiveron tamén un papel protagonista na extinción dos lumes. Se queremos un futuro con relevo xeneracional, manter os grandes viños da provincia e as paisaxes de viñedos, necesitamos un cambio”, plantexa o responsable de Viñedo de Unións.

Ribeira Sacra repite a falta de demanda para a uva tinta
Na Ribeira Sacra espérase que a vendima se xeneralice a partir do terceiro fin de semana de setembro, pero as perspectivas son malas, na liña do pasado ano.

“O sentir dos viticultores é que non hai demanda para a uva tinta. Moito nos tememos que un ano máis quedará moita uva nos viñedos. O ano pasado houbo 350 viticultores que non atoparon quen lles mercara a uva e este ano, se non cambia moito a cousa, a situación será similar”, explica Unións, que bota en falta medidas eficaces por parte da Consellería de Medio Rural.

Demanda de contratos escritos con prezo estipulado e pagos áxiles

O vicesecretario de Unións Agrarias, Félix Porto, interviu tamén na rolda de prensa para trasladar que a organización tivo esta semana unha conversa coa directora da Agencia de Información y Control Alimentario (AICA), a quen lle solicitaron control dos contratos de compra venda de uva durante a vendima.

“A lei é clara, tódalas adegas teñen que ter contratos de compra de uva cos viticultores, nos que se especifiquen prezos e prazos de pago áxiles. Pedímoslle á AICA que faga inspeccións sobre as adegas, para verificar que se cumpre a lei, e pola nosa parte estes días recordarémoslle tamén de novo ás adegas as súas obrigas ó respecto”, explica Félix Porto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información