A vendima de Monterrei prevese abondosa e de gran calidade

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destaca a previsión dunha boa colleita na DO Monterrei, así como o avance da denominación na apertura de mercados

Publicidade
A vendima de Monterrei prevese abondosa e de gran calidade

A vendima de 2026 na Denominación de Orixe Monterrei preséntase con boas perspectivas. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, sinalou durante a súa visita á adega Gargalo, en Verín, que se agarda unha colleita “abondosa e de gran calidade”. A responsable autonómica estivo acompañada polo propietario da adega, o empresario e deseñador Roberto Verino, e por representantes da Xunta.

Gómez puxo en valor o peso do sector vitivinícola no rural galego e lembrou que os dez distintivos vitícolas da comunidade (cinco denominacións de orixe e cinco indicacións xeográficas protexidas) xeran máis da metade do valor económico asociado á calidade diferenciada de Galicia, con algo máis de 379 millóns de euros.

No caso de Monterrei, a conselleira destacou os avances logrados nos últimos anos na apertura de novos mercados e a actividade promocional desenvolvida polo Consello Regulador, factores que contribuíron ao incremento das vendas. Tamén reafirmou o apoio da Xunta ao sector do viño, cun paquete anual de axudas duns 12 millóns de euros destinado, entre outras actuacións, á reestruturación e reconversión de viñedos, á promoción en mercados de terceiros países e aos investimentos en elaboración e comercialización.

Pola súa banda, Roberto Verino reivindicou o carácter “pioneiro” de Gargalo e a súa contribución á configuración actual da DO Monterrei. Segundo explicou, nos primeiros anos noventa a adega participou, xunto con explotacións tradicionais como a Cooperativa de Monterrei e as adegas Bernabé e Ladairo, no impulso da actual denominación de orixe.

Verino tamén expresou a intención de converter Gargalo nun “escaparate de Monterrei” para dar a coñecer os seus viños internacionalmente, especialmente variedades como o godello e o merenzao.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información