A vendima 2024 en Galicia foi a segunda máis abondosa dos últimos dez anos, con 74 millóns de kilos de uva recollidos

Con respecto ao ano pasado, as denominacións de orixe Monterrei e Valdeorras son as que experimentaron un maior incremento na recolla de uva, mentres que na de Rías Baixas, Ribeiro e Ribeira Sacra se experimentou un descenso en maior ou menor medida

Publicidade

Valdeorras Vendima 2023_Galicia rexistrou neste 2024 a segunda vendima máis abondosa da última década, segundo puido constatar a Xunta a través dun informe elaborado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural.

Así, cos traballos xa rematados, recolléronse un total de 74.048.662 kg de uva, dos que 65.208.131 kg (88%) foron de uva branca e 8.840.531 kg (12%) de tinta, segundo os datos achegados polos consellos reguladores das denominacións de orixe.

A cantidade de uva recollida é un 11% superior á media do decenio 2015-2024 e só un 4% inferior con respecto á do pasado ano, que foi a segunda máis abondosa da historia, con 75 millóns de kilos de uva.

En canto ás denominacións de orixe, as de Valdeorras e Monterrei foron as que maior incremento experimentaron, mentres que Rías Baixas e Ribeiro descenderonç lixeiramente e na Ribeira Sacra baixou a produción de xeito sensible.

Na seguinte táboa figuran os datos correspondentes á vendima de 2024 segundo as diferentes denominacións de orixe:

Rías Baixas: 42.140.930 kgs
Ribeiro: 11.102.170 kgs
Ribeira Sacra: 4.881.326 kgs
Valdeorras: 8.229.772 kgs
Monterrei: 7.694.464 kgs

TOTAL 74.048.662

Na denominación de orixe Rías Baixas, a cantidade de uva que entrou nas adegas supuxo un incremento dun 10,5% respecto da media do decenio 2015-2024 e foi un 5% inferior á da campaña 2023. Esta DO caracterízase polo predominio das variedades de uva branca, un 99% do recollido. Entre elas destaca a albariña, que cun 97% do total producido é a gran protagonista da denominación.

A denominación de orixe Ribeiro é a segunda en canto a volume recollido, cun 3,5% de cantidade de uva menos que na campaña pasada e case un 2% por riba do valor medio do período 2015-2024. Esta denominación está especializada na produción de viños brancos e, de feito, as variedades brancas representan un 94% do total, fronte ao 6% das tintas.

Na DO Ribeira Sacra, a cifra de uva vendimada é inferior á da pasada campaña -case dous millóns menos de kilos de uva-, debido á actual crise de excedentes polo descenso do consumo en xeral dos viños tintos. Neste caso, o 82% da uva recollida é de variedades tintas, mentres que o 18% restante é de brancas.

A uva recollida na DO Valdeorras supón un incremento dun 33% respecto da media dos últimos dez anos e dun 4% en relación coa campaña precedente. En canto á repartición varietal, nesta vendima colleitouse un 79% de uva branca e un 21% de tinta. Entre as brancas destaca a variedade Godello, a máis característica de Valdeorras, que representa o 93% das uvas brancas. En tintas a principal é a Mencía, cun 74% do total destas variedades.

Pola súa banda, o balance na denominación de orixe Monterrei é tamén positivo, xa que por primeira vez supera os 7 millóns de quilos de uva recollidos, cun aumento do 11% respecto do ano pasado e dun 37% sobre a media do decenio 2015-2024. Neste territorio, a variedade Godello supón o 55% de toda a uva vendimada e o 77% da branca, mentres que a Mencía representou un 22% de todas as variedades recollidas e o 75% se nos referimos ás tintas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información