A vendima 2022 na DO Valdeorras supera as previsións e remata con 6,5 millóns de quilos de uva recollidos

A variedade godello volve ser a raíña no territorio amparado e a súa produción achégase aos 4,3 millóns de quilos

Publicidade
A vendima 2022 na DO Valdeorras supera as previsións e remata con 6,5 millóns de quilos de uva recollidos

Tras mes e medio de traballo, a campaña da vendima 2022 conclúe en Valdeorras con máis de 6,5 millóns de quilos de uva recollidos, o que permitirá producir arredor de 4,5 millóns de litros de viño segundo estiman os técnicos do Consello Regulador. Isto supón un descenso con respecto aos 7 millóns de uva colleitados o pasado ano, pero mellora as expectativas para esta campaña, que roldaban os 5,5 millóns de quilos.

Ao igual que en anos anteriores, a variedade godello volve ser a máis abundante na denominación de orixe, con preto de 4,3 millóns de quilos de uva producidos.

Tras ela, por orde de relevancia, sitúanse a mencía (case 1,3 millóns de quilos), a garnacha tintorera (algo máis de 513.000 quilos) e a variedade palomino fino (284.778 quilos).

En menores cantidades e en sentido decrecente temos a variedade sousón (40.531 quilos); a tempranillo (26.334 quilos); a albarello (8.209 quilos); a merenzao (6.914 quilos); caíño tinto (2.594 quilos); dona branca (2.505 quilos) e gran negro (363 quilos).

Gran calidade

Para o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, o dato cuantitativo “é mellor do agardado inicialmente” posto que as previsións fixaban que a produción rondaría os 5,5 millóns de quilos, debido ás xeadas que houbo no mes de abril coincidindo coa brotación da uva.

Porén, García Pando quixo enfatizar que máis relevante que a cantidade recollida é a calidade da uva, e “de novo, en Valdeorras, estamos ante unha campaña óptima nese sentido, con uvas que nos permitirán elaborar viños brancos e tintos que seguirán a ser referente para todo tipo de padais”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información