Vendima 2021: Galicia agarda unha gran colleita en cantidade e calidade

A vendima volve ás datas habituais e comezará na primeira quincena de setembro. As viñas atópanse nun bo estado sanitario e agárdanse boas producións de uva que mesmo poden chegar a cifras históricas

Publicidade
Vendima 2021: Galicia agarda unha gran colleita en cantidade e calidade

Uvas de Godello na Ribeira Sacra.

É tempo do tintado e a maduración da uva, a poucas semanas xa para que comece a vendima en Galicia. Este ano, as previsións son boas e agárdase que mesmo se poidan acadar vendimas históricas en zonas como as Rías Baixas. A inestabilidade meteorolóxica deste verán está a atrasar a maduración e tamén propiciou episodios de mildio tardío nas distintas comarcas vitivinícolas. Con todo, o estado sanitario dos viñedos está a ser moi bo e agárdase unha colleita de calidade.

Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe (DO) para coñecer o estado dos viñedos e as previsións para esta vendima:

Rías Baixas: Vendima récord de case 44 millóns de quilos

Este ano na Denominación de Orixe Rías Baixas calculan unha recollida de 43,7 millóns de quilos de uvas, un 27% máis que na colleita de 2020, e cuns posibles rendementos medios de 10.455 quilos por hectárea. Sería a maior colleita da historia da DO, superando a anterior marca: 41 millóns de quilos de uva recollidos en 2011.

O aumento de produción débese a unha taxa de brotación elevada e homoxénea, cunha fertilidade media-alta, unha media en valores do 91,3 %, segundo recolle o informe elaborado polo equipo técnico. Así mesmo sinala que as diminucións deste ano foron pouco significativas, con valores medios do 10%, que se atribúen nun 5% ao corremento de flor, un 2,8% á meteoroloxía (xeadas) e un 2,4% a pragas.

Os datos foron presentados a finais do mes de xullo e recollidos na primeira semana dese mesmo mes. Polo momento as previsións non variaron aínda que haberá que agardar á vendima para confirmalas. Tamén apuntan a que será unha vendima moi heteroxénea, posto que algúns viñedos sufriron perdas de uva polos ataques tardíos de mildio, e mesmo hai unha porcentaxe de cepas afectadas por mildio larvado. Con todo, apuntan a que se trata de predios de pequenos viticultores, co que os danos non representan unha porcentaxe relevante.

Este ano a vendima vén con certo atraso en comparación co 2020 e non se agarda que comece ata o 10 de setembro, aínda que poden recollerse certas parcelas sobre todo para a elaboración de escumoso, en auxe nos últimos anos. En calquera caso, o momento óptimo virá dado polo resultado dos controis de maduración que cada unha das adegas inscritas realicen nos seus viñedos.

Na recta final previa á vendima, dende o Consello Regular recomendan manter vixiados os viñedos e prestar especial atención ós prazos de corentena dos produtos para garantir as mellores condicións para a vendima.

Ribeiro: A incidencia do mildio reduce a cantidade de uva prevista

As continuas chuvias e as temperaturas frescas que caracterizaron os primeiros meses de verán fan mudar as previsións iniciais que manexaban no Consello Regulador do Ribeiro. “En xuño as estimacións que tiñamos facían prever unha colleita moi boa, pero a climatoloxía condicionou non só o proceso de maduración senón que propiciou condicións para pragas endémicas como o mildio”, valora Juan Casares, presidente do Consello Regulador.

Deste xeito agardan unha menor cantidade de uva da que cabía esperar a comezos de verán. Os episodios de precipitacións provocaron a aparición tanto de mildio, como de oídio e mesmo danos por botrite, aínda que dun xeito irregular polo territorio do Ribeiro. “Aínda que se reducirá a cantidade de uva, o Ribeiro é sinónimo de calidade, co que a calidade á hora da recollida está garantida”, reivindica Casares.

A diferenza do acontecido o ano pasado, onde as altas temperaturas ocasionaron que as viñas sufriran estrés hídrico e se adiantara a colleita, nesta vendima recupéranse as datas habituais para a recollida de uva no Ribeiro. Agardan comezar os traballos a mediados do mes de setembro.

Nestas últimas 5 semanas, dende o Consello Regulador activaron un dispositivos de inspeccións prevendima para realizar os controis precisos. A este equipo sumaranse máis profesionais para garantir tanto a orixe como a calidade na recollida da uva.

Valdeorras: A vendima arrancará a finais de agosto nos viñedos máis adiantados

En terras de Valdeorras agardan que a vendima arranque xa a finais de agosto. Aínda sen concretar unha data fixa, no Consello Regulador apuntan a que os predios con viñedos máis adiantados comezarán a recollida de uva arredor do 28 de agosto. O groso da vendima tardará algúns días máis.

Prevese recoller unha cantidade de uva semellante á dos últimos anos, arredor dos 6 millóns de quilos. Porén, este ano tiveron variacións nos viñedos o que pode ocasionar tamén un incremento. “Estivemos incorporando novos viñedos, sobre todo da variedade Godello, e dando de baixa predios con cepas vellas que xa tiñan unha baixa produción ou con variedades como a Xerez ou Garnacha que non estaban tendo a mesma saída comercial”, explican dende o órgano regulador. Así, aínda que se manteñen nas 1.200 hectáreas de viñedo, estes cambios poden deixar tamén variacións no balance final da recollida de uva.

O estado sanitario dos viñedos é bo pese a que houbo brotes de variedade de afeccións dende mildio, oídio ou black rot, pero que conseguiron ser controladas. “Dende que no 20218 houbera un ataque moi forte de mildio, os viticultores teñen os viñedos moi controlados e vixiados ademais de realizar prácticas que permitan a ventilación das cepas e melloren o estado sanitario das plantas e a uva”, indican no Consello Regulador.

Ribeira Sacra: Máis gastos e traballo para lograr a uva

Na maior parte das viñas da Ribeira Sacra a vendima agardará para setembro. “Pode haber algunha viña que se poida recoller xa na última semana de agosto, pero son casos anecdóticos e singulares”, explica José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador. Prevén que as primeiras uvas se recollan na primeira fin de semana de setembro, unha semana máis tarde do que se fixo o ano pasado. De feito, os controis de maduración realizados por técnicos do Consello Regulador comezaranse a realizar a vindeira semana. “Está máis atrasada que outros anos”, apunta Beatriz Soto, directora técnica da DO.

No Consello Regulador agardan unha produción de arredor de 6 millóns de quilos, o que deixaría cifras semellantes ás manexadas tamén o ano pasado. A inestabilidade meteorolóxica deste ano provocou ataques importantes de mildio. “Con este tempo tivemos máis traballo no viñedo e tamén máis gastos para conseguir garantir a uva en boas condicións”, sentencia Rodríguez.

O tempo xogou tamén malas pasadas nesta DO onde unha treboada de saraiba arrasou os viñedos da zona de San Fiz, en pleno corazón da Ribeira Sacra, arrasando a colleita. “O tempo é tan cambiante que ata que teñamos vendimiado non estamos tranquilos, agora está bo o que está axudando á maduración, pero tamén se pode botar a auga e fastidiarnos a vendima”, recoñece Rodríguez.

Monterrei: Agárdase unha moi boa colleita en cantidade e calidade

Tamén son boas as previsións este ano en Monterrei. Aínda queda case un mes para o inicio da vendima, que se prevé comece a mediados do mes de setembro. “Esta campaña vén con certo atraso se a comparamos coa do ano pasado, pero cómpre recordar que a 2020 viñera adiantada e xa comezáramos a vendimar a finais de agosto”, explican dende o Consello Regulador. Deste xeito, a vendima en Monterrei regresa ás datas habituais nesta zona.

O viñedo atópase nun moi bo estado fitosanitario o que fai prever unha moi boa colleita tanto en calidade como en cantidade, tal e como indican os técnicos da DO. “As altas temperaturas dos últimos días están favorecendo a maduración das uvas, xa que ata o de agora vírase un certo atraso no estado fenolóxico”, indican no Consello Regulador.

Aínda que é cedo para facer estimacións precisas, agardan que a colleita de uva volva situarse nas cifras que se manexaron o ano pasado, arredor dos 5,6 millóns de quilos.

As recomendacións dende o Consello Regulador para estes días previos á vendima céntranse en controlar a eliminación das follas para favorecer a circulación do aire e a maduración da uva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información