Vendidas as cinco xovencas de Acruga poxadas en Becerreá por un importe medio de 2.160 euros

Vendidas as cinco xovencas de Acruga poxadas en Becerreá por un importe medio de 2.160 euros

O mercado gandeiro de Becerreá volveu acoller a tradicional poxa de xovencas de raza Rubia galega organizada por Acruga, despois de tres anos sen celebrarse, e fíxoo coa adxudicación dos cinco exemplares presentados. As xovencas preñadas, procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, alcanzaron un prezo medio de 2.160 euros, bastante discreto, segundo a valoración da organización, xa que en Becerreá sempre se rexistraban moi boas cotizacións e mesmo marcas.

O dato positivo é que todos os animais vendéronse, algúns con bos prezos de até 2.300 euros, e a pesar de que hai escasos días tivo lugar a poxa en Pedrafita do Cebreiro.

En total 15 persoas sacaron a tarxeta para poder participar na poxa, que concluíu coas adxudicacións a gandeiros de Becerreá, Palas de Rei e Friol, todos eles cun exemplar, e con dúas das xovencas adxudicadas a un gandeiro de Sarrria.

Despois da poxa celebrada onte en Becerreá, a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) seguirá con outra das citas clásicas no seu calendario de eventos. Trátase da poxa da Fonsagrada, que sempre reúne a un gran número de compradores. Celebrarase este sábado, día 23, a partir das 12.00 da mañá.

Máis de 400 gandeirías beneficianse das axudas Medio Rural da Deputación para a promoción da raza Rubia Galega

Máis de 400 gandeirías beneficiáronse das axudas á promoción e potenciación da raza Rubia Galega da área de Medio Rural da Deputación de Lugo, cun importe total de 200.000 euros.

As achegas están vinculadas á inscrición das vacas reprodutoras no Rexistro Definitivo do Libro Xenealóxico da raza, un trámite que se realiza tras o primeiro parto do animal.  Dacordo coas subvencións xestionadas pola área de Medio Rural,  en 2021 as gandeirías lucenses inscribiron nese rexistro 983 vacas, fronte ás 656 de 2020, e ás 525 de 2019, anualidade na que se puxeron en marcha estas achegas.

A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade Mónica Freire, que asistiu onte á Poxa de Xovencas de raza Rubia Galega organizada por Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) en Becerreá xunto ao deputado de Recursos Sostibles Roberto Fernández, fixo balance desta convocatoria “que nos achega datos que indican unha evolución positiva no censo de animais de Rubia Galega de gandeirías lucenses e polo tanto do fortalecemento desta raza autóctona, caracterizada pola súa adaptación ao territorio e aos manexos extensivos e tradicionais”.

Nesa liña, a responsábel provincial incidiu “na importancia da conservación das razas autóctonas para o desenvolvemento sustentable e a fixación de poboación nas zonas rurais e da promoción dos seus produtos, desenvolvendo políticas que garantan prezos dignos para os gandeiros e gandeiras”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información