Unha vintena de gandeiros participou este luns nunha poxa pública na Granxa Gayoso, ubicada no municipio de Castro de Rei e dependente da Deputación de Lugo, na que se venderon un total de 33 animais por un importe total de 35.871€.
O deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, asistiu á venda deste rabaño composto por femias de vacún maior de raza frisoa, xatos frisóns e un lote de cinco machos de raza cachena de entre 1 e 2 anos. Preto dunha vintena de gandeiros e gandeiras poxaron por estes animais
A poxa celebrouse polo procedemento de concorrencia e o prezo medio foi de 1.087€
A poxa foi en vivo, a man alzada, e con sistema ascendente, de xeito que comezou cun prezo de saída establecido para cada categoría que se foi incrementando a través de sucesivas poxas, en tramos de 50€, adxudicándose o exemplar ao mellor ofertante. O prezo máis alto pagouse por un exemplar femia de vacún maior de raza frisoa, polo que se pagaron 2.950€.
Entre os animais de raza cachena o prezo máis alto foi o dun exemplar macho, que se vendeu a un prezo de 1.150€. 1.160€ foi o prezo máis alto dos xatos frisóns de máis de 50 días.
Fernández Rico destacou que mediante a Granxa Gayoso Castro e os diferentes proxectos de investigación e recría, a Deputación de Lugo impulsa o sector primario da provincia, dende unha visión global e estratéxica do territorio e dende o coñecemento da súa realidade e oportunidades.